|
"TEMPO DE MÁSCARAS" de Carlos Casares Mouriño
Este artigo saíu publicado no xornal "La Voz de Galicia" o 5 de marzo de 2000.
Nel, Carlos Casares cóntanos algunhas lembranzas do entroido na súa mocedade
neses tempos da dictadura franquista no seu Ourense natal.

Recordo que eran dous homes vestidos dunha maneira estrafalaria. Non sei se ían
disfrazados de mulleres, de sotas de bastos ou de algo polo estilo. Foi hai
bastantes anos, cando eu era neno, e a memoria non está xa moi fresca para
lembrar sucesos tan lonxanos. O que si recordo con precisión é que a Garda Civil
andaba detrás deles, metralleta en man, e que eles fuxían polos tellados. Eu
vinos precisamente preto da miña casa, escondidos detrás dunha mansarda. Como
quedaban apenas a un tiro de pedra, a pesar de que levaban a cara pintada de
negro, recoñecín a un dos dous, era o Juan Manuel Tejada, un veciño noso, porta
con porta, fillo da Lucita Peláez, amiga da miña nai.
Nun primeiro momento, como non había ninguén na casa, a non ser Maruxa, que
estaba limpando e non lle prestaba moita atención ó que naqueles intres sucedía
fora, eu pensei que debían ser atracadores, pois daquela, a presencia da Garda
Civil armada asociábase case sempre co problema dos atracos, que era como se lle
chamaba ás accións dos fuxidos a guerra no monte, anos despois de que esta
rematara nos frontes regulares de batalla. Alí, na comarca da Limia actuaba,
entre outras, a partida de Casto Cabezas, a que eu consideraba un heroe
lexendario. De xeito que, durante algún tempo, ata que se aclarou todo cando os
meus pais chegaron á casa, eu pensei que o meu veciño Tejada andaba metido no
lío aquel dos atracos.
Por suposto non era así. O que ocurría é que estabamos no entroido e a Garda
Civil, supoño que por órdenes superiores, prohibía calquer tipo de disfraces.
Debeu ser entón cando eu aprendín que, ó chegaren as festas de carnaval de cada
ano, a vila de Xinzo de Limia se puña en pé de guerra, por máis que ó principio,
durante algún tempo, se chegase a unha especie de solución intermedia. Salvo no
caso de algúns tipos arriscados e destemidos, xeralmente a xente moza, que
facián cuestión de honor de saír á rúa vestidos de entroido en contra da
prohibición e do perigo de pasar unhas horas na cárcere ou de pagar unha multa
gubernativa, a maior parte dos habitantes da vila limitábanse a disfrazarse
dentro das casas.
E de todos estos que recurrían a unha versión tan doméstica e familiar do
entroido, habíaos de varias categorías. Os máis tranquilos permanecían no
interior dos pisos, sentados na cociña ou no salón ou o pe do lume, facendo
tertulia cos amigos, comendo o cocido e as filloas, e bebendo. Pero de repente,
como si lles entrase o formiguillo, cada pouco, puñan a careta, preferentemente
a pantalla característica de Xinzo, daban un par de voltas batendo coas vexigas
de porco contra a man, movendo a cintura para que soasen as chocas e os
axóuxeres, emitindo aquel berro gutural típico, tan parecido a un pequeno
aturuxo, e durante un par de segundos convertían a casa nun carnaval. Logo
quitaban a careta, puñan de novo a cara de todos os días e proseguínan con toda
serenidade a conversa que deixaran interrumpida.
PROHIBICIÓN
Había outra especie, dentro desta mesma categoría dos que non se atrevían a
saír a rúa por culpa da prohibición, pero que tampoco renunciaban a celebrar o
entroido dentro das casas, que elexían unha solución intermedia, entre o
estrictamente privado e o público.Estos saían disfrazados as ventás e ós
balcóns, facían as monadas que se lle ocurrían ou que eran inherentes ó tipo de
disfrace elexido e logo saudábanse discretamente entre eles, de casa en casa,
dun lado ó outro da rúa, en silencio, con movementos de mans ou de cabeza. Era
como unha festa de mudos. Polas rúas, mentras tanto,non circulaban máis que a
Garda civil e a xente aburrida.
Houbo un momento no que, ou ben por cansancio das autoridades, que se vían
incapaces de frear aquel trebón de vitalidade irrefrenable, ou ben porque alguén
con sentido común debeu chegar á conclusión de que non tiña sentido de ningún
tipo, nin común nin do outro, prohibir o carnaval, o caso foi que este pasou a
ser definitivamente tolerado. Polo tanto, nos anos cincuenta, o entroido
celebrábase en Xinzo de Limia polo grande, con miles de persoas lanzadas á rúa e
vestidas de todas as loucuras inimaxinables, incluídas algunhas tan pouco santas
que aínda hoxe parece imposible que non foxen obxecto de algún tipo de sanción
ou de censura.
Cando se tiña conquistado aquela especie de bula especial concedida de xeito
tácito pola autoridade civil, apareceu polo medio o señor cura párroco. Era
daquela Don Cesáreo, un home alto e delgado, cunha certa semellanza física co
Papa Pio XII, elegante e solemne, un pouco altivo, que decretou desde o púlpito
que disfrazarse era un gravísimo pecado mortal. Como eu estaba aínda na edade da
inocencia, non entendín ben os motivos daquel anatema, pero polo que lle poiden
escoitar ós maiores, a cousa tiña que ver co xeito de que algunhas persoas pouco
decentes aproveitaban o anonimato e a impunidade que lles otorgaba levar a cara
tapada, para pecar. Xa se sabe contra que mandamento.
Durante algún tempo, algunhas persoas aceptaron o novo código de xeito
radical, o que supiña non poder disfrazarse de ningunha maneira, nin sequera coa
cara destapada porque, segundo a doctrina moral, na versión xupiterina
interpretada por don Cesáreo, o simple feito de participar no entroido implicaba
cooperar activamente no pecado dos demáis. Pouco a poco , sen embargo, a
fidelidade á rixidez da norma empezou a afroxar, incluso con fieis bastante
fieis, como podían ser o caso da miña nai e as súas amigas, que non estaban
dispostas a renunciar a algo tan inocente como era vestir os seus fillos de
figuríns e levalos de adorno ós bailes para nenos do casino.
ORGULLO E VERGOÑA
Aquela relaxación da miña nai, tan escrupolosa sempre cos mandatos da Igrexa, a
non ser en cuestións políticas, que nunca acatou nin siquera na época
franquista, foi unha verdadeira desgracia para min. Ainda recordo como se fixe
onte, un dos días máis tristes da miña vida, entrando pola porta do salón nobre
do casino, dandolle o brazo á miña irmá, eu vestido de cordobés e ela vestida de
non sei que. Incapaz de chorar por orgullo, sentía unha rabia insoportable, que
me levaba a non responder cando me falaban, a fulminar á miña irmá con ollos de
lume e convertirme nunha especie de túzaro que se negou reiteradamente, polo
procedemento de arrimarse contra unha parede, mirar ó chan e non dicir palabra,
a saír ó medio da pista de baile para bailar a raspa.
Aquel día acabaron para sempre as miñas posibilidades de aprender a bailar
nin siquera o pasodobre. Esa foi tamén a razón de que máis adiante, cando era
adolescente e os meus compañeiros de pandilla empezaban a ir ós bailes dos
maiores no casino, vestidos coa pecaminosa mascarita, durante anos centro dos
ataques de don Cesáreo desde ó púlpito, eu permanecese á marxe, privándome por
ese motivo das festas que eles logo me describían con toda clase de detalles,
dándolle así a razón indirectamente ó señor cura párroco. É decir, que nos
bailes, con aquela túnica negra, que cubría todo, desde a cabeza ata os pés, e
que aseguraba un anonimato total, se pecaba.
Coincidiu aquel descubremento cunha etapa de fervor adoslescente, o cal me
levou a instalarme nunha posición moral de intensidade baixa, unha decisión que
implicaba que, por un lado, non me puña a terrible mascarita pero polo outro
tampouco aceptaba o que se podería chamar con bastante propiedade "a doctrina
Cesáreo" que como dixen antes, na súa formulación extrema establecía que un non
se podía disfrazar nin siquera coa cara descuberta.
A primeira vez que decidín violar a norma, púxenme de acordo cun compañeiro
daquelos anos, Manolito Dobaño, encargamos nun carpinteiro unhas caixas de
limpiabotas e con elas na man nos botamos á rúa.
Sucedeu , sen embargo, que aquelo que nós concebíramos nun principio só como
unha broma, acabou convertíndose nun negocio, prácticamente sin inversión
económica de ningún tipo, pois en vez de betún ou crema, o único que gastabamos
os dous limpiabotas era un pouco de chuspe que lle botabamos ós clientes nos
zapatos. Aqueles foron os primeiros cartos que gañei pola miña conta e non o
atribuín tanto ó mérito propio nin a disposición especial para os negocios, como
unha especie de premio otorgado polo ceo. De xeito que aquel botín foi a proba e
a confirmación de que don Cesáreo non interpretaba correctamente a moral
cristiana nos asuntos realacionados co entroido. Ó ano seguinte puxen a
mascarita e fun ó casino con ela, sen intención de bailar.
De súpeto, en cambio, non se me ocurre outra cousa que sacar a bailar a miña
nai, que estaba sentada co meu pai nun sofá. Para despistala, dinlle a man
cambiada, como se eu foxe tamén muller, e finxín, poñendo aquela voz de rato
característica das mascaritas, que era amiga do seu fillo, é decir, de min, e
que estaba namorada. De primeiras, noteina preocupada, como sorprendida de que
eu, un rapaz de quince anos, tivese unha moza e ela non soubese nada, pero de
seguida se repuxo e empezou a eloxiarme con discreción e con elegancia, pero
igualmente con paixón de nai. Gustoume cando dixo que era un fillo estupendo.
Nese instante quixen quitar a máscara e darlle un bico, pero non me atrevín.
Acababa de descobrir , eso si, que o entroido non era pecado.
Carlos Casares Mouriño, "La Voz de Galicia", 5 de marzo de 2000.
LER MÁIS:
ORIXES E RITOS DO ENTROIDO
|