Ramón Suárez Picallo
Autor: Lois Pérez Leira
FONTE: Enciclopedia da Emigración Galega,
www.cigmigracion.com
Ramón Suárez Picallo naceu en Veloi (Sada)
en 1894. O seu lugar natal era por aqueles anos unha aldea que combinaba os
labores rurais cos do mar. Ramón comezou a traballar na terra aos sete anos, e
aos catorce acompañaba seu pai como mariñeiro.
"Emigrei aos catorce anos só. Cheguei a Bos Aires sen saber a quen me dirixir. O
único amigo - un compañeiro meu de pesca-, de quen levaba o seu enderezo
marchara da cidade. Un coche levoume a unha hospedaxe de mala morte a pasar a
noite. O ruído da gran urbe non me deixou durmir. Ao outro día merquei un
diario, lin os anuncios e botei a andar tras dun deles: pedían un rapaz galego
recén chegado para unha farmacia. Alí empregueime como peón gañando 15 pesos por
mes. Alí traballei once meses ata que, cando xa gañaba 60 pesos, enfermei. Non
me prestaba a farmacia. Funme. O patrón -un italiano que só quería empregados
galegos- díxome que me recomendaría para calquera traballo. Ao mes empregueime
nunha oficina para escribir a máquina. Xamais tocara eu tal artefacto. Mais a
necesidade agudiza o enxeño. Logo fun cobrador dunha casa maiorista cun grande
salario. Mozo, con cartos, con pouco traballo, sen unha man que me guiara, fixen
unha vida pouco regular: Deixei o emprego e comezou un viacrucis. Acabáronse os
cartos e os amigos. Eu non nacín para esmolar, nin quixen nunca proteccións. Fun
vender doces para un patrón borracho e analfabeto. Levaba na cabeza unha cesta
que pesaba 60 quilos. Porta por porta nos arredores de Bos Aires ofrecía a
mercadoría: "¡Alfajores Cordobeses, mandioca y dulce de leche!...". Gañaba 70
pesos mensuais. Ata que caín enfermo de tifus e outras complicacións. Estiven
seis meses nun hospital-lazareto de onde saían poucos. Había alí homes de todas
as razas, entre eles un galego ao que lle cortaran as dúas pernas a causa dun
estraño mal que contraerá no Brasil. Aquel home encariñouse comigo e definiu a
vida do meu espírito. Era anarquista tolstoiano. Amosoume o amplo panorama das
ideas sociais. Fun sempre un apaixonado pola lectura desde neno. Toda a miña
instrucción oficial eran tres cursos de instrucción nocturna. Eu fun o maior de
once irmáns e desde os sete anos tiven que traballar no mar e a terra".
Ramón Suárez Picallo tivo unha activa participación na vida sindical e política
arxentina. En 1917 a revolución rusa levouno a posicións máis radicais.
"Como membro dun Comité de organización gremial contribuín á organización de 50
organizacións sindicais. A crise que a guerra produciu no socialismo e os
fulgores da revolución rusa repercutiron na Arxentina. A esquerda marxista e as
mocidades iniciaron unha crítica fonda á obra dos dirixentes socialistas. Unha
escisión e a creación do Partido Comunista. Do comunismo retireime para
reingresar ao socialismo cando o PC se escindiu en catro grupos".
En 1918 foi candidato a concelleiro na Capital Federal e un ano despois
candidato a senador pola provincia de San Juan.
Picallo na súa histórica carta do 31 de agosto de 1933 a Santiago Casares
Quiroga vólvenos relatar a súa vida política:
"Iniciei a miña vida espiritual e política no movemento socialista e nos
sindicatos obreiros dos oficios cos que na emigración tiven que gañar o pan nun
país que é mirador e antena vibrátil de todas as inquedanzas políticas e sociais
do mundo. Dividido aquel movemento ante os problemas da posguerra, especialmente
a revolución rusa e a resurrección das pequenas nacionalidades oprimidas ou
aletargadas, formei parte nas filas comunistas, rama desprendida do vello tronco
socialista, convencido de que remataba o ciclo histórico do capitalismo e da súa
representación política, o estado imperialista. A revolución rusa primeiro
facendo unha Federación de Repúblicas e logo unha Unión de Repúblicas
reivindicaba os vellos pobos rusos afogados polo zarismo".
Malia as súas posicións radicais, as divisións internas dentro do partido vano
afastando da militancia comunista para se dedicar de cheo á vida sindical e
gañar a vida en distintos oficios.
"Despois do trust non tiven máis remedio que ir traballar bordo. Entrei de
lavacopas e cheguei a primeiro reposteiro co remoque de "el repostero-poeta"
polo feito de que tiña certo sentido estético para presentar as bandexas.
Naveguei os ríos interiores e logo os mares do sur. Pronunciei discursos e
organicei sindicatos en todos os portos do litoral arxentino. Presidín máis dun
cento de asembleas de obreiros marítimos, asembleas que non baixaban de 5.000
homes e que tiñan que se reunir en grandes campos de fútbol, fun secretario do
Primeiro Congreso Marítimo Arxentino e Conselleiro sindical privado do delegado
obreiro arxentino ás Conferencias IX e X do Traballo de Xenebra. Fun membro do
Consello Federal da Marítima e membro do Comité Central da Unión Sindical
Arxentina. Como delegado destas institucións percorrín o amplo territorio
arxentino, desde o Cabo de Vírxes ata o Chaco. En 1924 perdemos unha folga
famosa que durou catro meses. Unha folga desafortunada, á que me opuxera nunha
asemblea na que se me chamou de todo por parte dos anarco-sindicalistas;
producida a folga, e malia a miña discrepancia con ela, fun secretario do seu
comité directo.
Outra vez á <lista negra>. Outro ano sen traballo. Escribín un folleto: "Cartas
a un obrero" e agotei unha edición de 10.000 exemplares, e estreei "Marola", un
drama malo e truculento, que Concepción Olona tivo no cartel cincuenta e sete
noites no Teatro Mayo de Bos Aires. Entón fíxenme xornalista, o oficio que sen
vacilación tería elixido se algunha vez me fose dado elixir oficio. Entrei na
Arxentina para facer "Movimiento Obrero" e "Legislación Social", ou sexa, unha
páxina ao meu cargo. De alí pasei a "La República", onde me iniciei facendo unha
campaña famosa contra as axencias particulares de colocación, logrando aos tres
meses que aqueles antros de explotación de carne emigrante fosen gravados cunha
patente de 10.000 pesos obrigando ao seu peche. Conseguido este propósito fun
encargado da sección "Notas del día" do "Diario".
Daquela a Avenida de Maio, a avenida dos galegos, era a rúa predilecta dos
intelectuais arxentinos para organizaren as súas tertulias. Xustamente nunha
destas cafeterías de nome "La Armonía" reuníanse xornalistas e escritores da
máis variada procedencia. Picallo ao pouco de frecuentar esta tertulia foi
presentado a un compatriota emigrante coma el, que non sería outro que Eduardo
Blanco Amor. Aquel encontro marcaría aos dous amigos para sempre. Blanco Amor
será o encargado de introducir a Picallo no mundo do nacionalismo e a emigración
galega, sendo Picallo un factor moi importante nas posicións de esquerda de
Blanco Amor.
Picallo comentará así a súa etapa de ingreso á política galega desde a
emigración:
"Fun ademais secretario de redacción do importante semanario "Correo de Galicia"
de Bos Aires desde abril de 1926 ata o 16 de maio de 1931, data na que me
embarquei". "Paralelamente coa relación que lle relatei desenvolvín outra
igualmente intensa con proxeccións sobre a terra patria de Galiza. En 1921 na
colectividade galega de Bos Aires fan a súa aparición as doutrinas do
nacionalismo galego. Prenden singularmente na xente nova imbuídas das ideas
democráticas e universalistas en voga dotadas da sensibilidade máis exquisita.
Os libros en galego, os estudios do Seminario de Estudos Galegos, as
publicacións "Nós" e "A Nosa Terra", as críticas sobre os nosos valores
artísticos e intelectuais, son o pan espiritual das tertulias que congregan a
nosa xente moza. Fundouse con 45 Sociedades Comarcais a Federación de Sociedades
Galegas, Agrarias e Culturais cun programa republicano federal e socialista ao
que agrega os postulados máis interesantes do nacionalismo galego partindo da
autonomía integral da rexión. Actuou na entidade, concorreu aos seus Congresos,
a todos, e nun extraordinario como vicepresidente. Lembro que ocupaba eu a
presidencia cando os diarios da tarde daban a nova da morte de Pablo Iglesias. O
Congreso suspendeu as súas tarefas, os delegados e a barra de pé gardando un
minuto de silencio solemnísimo, despois do cal pronunciei o discurso máis
sentido, máis emocionado da miña vida, sobre a vida e a obra de aquel galego
insigne, apóstolo e patriarca do socialismo español. Aquela entidade foi durante
todas as dictaduras a única tribuna española de Sudamérica onde se expresou o
forte "non contento" da España que morría e a esperanza dunha nova España. Os
máis claros intelectuais de América deportados das dictaduras falaron desde ela.
Organizou centos de mitins contra a dictadura e en solidariedade cos
intelectuais deportados e encarcerados. Organizou durante varios anos a "Semana
Galega" en homenaxe a Pardo de Cela; durante cada unha delas pronunciáronse
conferencias sobre arte, literatura, cuestións políticas e sociais, historia,
xeografía e música galega. Estes actos mataron ante os ollos de América a lenda
da inferioridade galega e o tópico do galeguismo da "morriña", a "terriña", a
"gaitiña" e o lacón con grelos.
O galeguismo adquiriu unha categoría de espírito respectable por todos. A
Federación editou "El Despertar Gallego", órgano quincenal de batalla (hoxe
"Semanario Galicia"), que merecía o honor de ser queimado en pira polos caciques
rurais e polos paniaugados da UP. Deste xornal fun secretario de redacción e
colaborador asiduo. Ademais". (Alma Gallega)
O 30 de setembro de 1924 saíu á rúa o primeiro número da revista "Céltiga"
impulsada por Domingo Rial Seijo e baixo a dirección colexiada de Ramón Suárez
Picallo, Eduardo Blanco Amor e Eliseo Pulpeiro.
Como xa contara Suárez Picallo, o 18 de agosto de 1925 estreou a súa obra
teatral "Marola" no Teatro Mayo de Bos Aires, a musicalización da mesma foi de
Paz Hermo e tivo como asesor teatral a Eduardo Blanco Amor. A obra é de carácter
patriótico tendo unha grande repercusión de público.
Suárez Picallo viaxa a Europa en 1926 para participar do congreso anual da
Organización Internacional do Traballo que se realizou en Xenebra. Entre os seus
cometidos estaba visitar Galiza como correspondente da revista galeguista
"Céltiga" e contactar cos círculos políticos daquela época.
Picallo chegou a Galiza no mes de agosto dese ano. O 21 de agosto falou no
Círculo de Artesáns da Coruña sobre o xurdimento do nacionalismo galego en
América sendo presentado por Antón Vilar Ponte.
O día 29 as Irmandades da Fala ofrecéronlle un xantar en San Pedro de Nós, un
día antes de coller o barco para a Arxentina. Durante a súa estadía en Galiza
Picallo establecería unha fonda amizade política con Antón Vilar Ponte, un dos
fundadores das Irmandades da Fala e posteriormente de ORGA.
A viaxe de Picallo a Galiza e a súa amizade con Antón Vilar Ponte foron
decisivas para a fundación de ORGA en Bos Aires.
A Federación de Sociedades Galegas, Agrarias e Culturais de xeito conxunto con
ORGA de Bos Aires resolveu enviar como delegados á Asemblea Republicana da
Coruña a Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos e Sigüenza.
Suárez Picallo chegou a Galiza o 4 de xuño xusto para participar o día 5 da
Asemblea Republicana que se realizou na Coruña nos salóns do Teatro Principal.
Durante a asemblea ambos os delegados da emigración xogarían un papel moi
activo. Alonso Ríos foi elixido presidente da mesma e Suárez Picallo foi
proposto como candidato a deputado constituínte.
Ramón Suárez Picallo durante os días da campaña electoral percorreu unha chea de
vilas e aldeas da Coruña. O 28 de xuño Picallo recibiu 55.054 votos sendo
elixido deputado pola súa provincia.
En decembro de 1931 participou da fundación do Partido Galeguista,
obxectivo este que se tiñan marcado desde a emigración. Rapidamente Picallo se
converteu xunto a Castelao na imaxe pública deste partido, pasando a liderar
dentro do mesmo a corrente de esquerda nacionalista. Foi a presión de Picallo a
que definiu a política de alianzas progresista do Partido Galeguista cos
partidos que posteriormente conformaron a Frente Popular.
Picallo tivo unha activa participación parlamentaria sendo elixido membro da
comisión de Traballo e Previsión. Entre as intervencións máis destacadas de
Picallo foron: Repatriación de emigrantes españois na República Arxentina;
Proxecto de Constitución; Situación angustiosa de emigrantes españois en
América, etc.
En 1933 disólvense as cortes e convócanse novas eleccións. A pesar do retroceso
electoral obtivo 78.000 votos, os cales non lle chegaron para ser elixido
deputado.
Esta nova circunstancia foi aproveitada por Picallo para facer o bacharelato no
Instituto de Ensinanza Secubdaria de Lugo e posteriormente a carreira de
avogacía na Universidade de Santiago de Compostela.
En 1934 detivérono e encarcerárono acusado de alentar a folga xeral de
Asturias.
Durante estes anos Picallo foi o director de "A Nosa Terra", dirixiu "SER"
Semanario de esquerdas, foi o vicedirector de "Claridad" de Santiago de
Compostela, e escribiu en "Vanguardia Gallega" de Lugo. Os seus artigos foron
impresos por distintos xornais de cidades españolas como "El Sol" de Madrid, "Le
Humanite" de Barcelona e "El Ideal Vasco".
En setembro de 1935 Picallo licénciase como avogado con notas sobresalientes.
O triunfo da Frente Popular o 16 de febreiro significou para Picallo a obtención
dunha acta de deputado en representación do Partido Galeguista pola provincia da
Coruña, obtendo 162.000 votos.
Durante a Campaña polo Si, Picallo fixo uso da palabra en máis de 170 mitins das
catro provincias galegas. Co triunfo esmagador do plebiscito o 15 de xullo de
1936 foi levado a Madrid o Estatuto de Autonomía e entregado ao Parlamento
español para ser aprobado en Cortes. O 18 de xullo o Xeneral Franco sublévase no
África e comeza a guerra civil. A maioría dos membros da Comisión que levaron o
Estatuto de Autonomía ao regresar aos seus lugares son sorprendidos polo
alzamento, sendo na maioría dos casos detidos e fusilados. Foron asasinados o
seu entrañable amigo Ánxel Casal como así tamén Alexandre Bóveda, Díaz Baliño e
o seu propio irmán Antonio paseado en Sada. Picallo e os demais deputados
salvaron as súas vidas debido ás súas responsabilidades parlamentarias que os
retiveron en Madrid.
A finais de 1936 a maioría de intelectuais e político galeguistas trasládase a
Cataluña. Xunto con Castelao foi o responsable de "Nova Galicia", Boletín
quincenal dos Escritores Galegos Antifascistas, xornal de difusión do galeguismo
durante a contenda civil.
Derrotada a República Picallo esperou ata o último momento para partir ao
desterro. Con Marcial Fernández dirixiuse ata Darnius, o cruce da fronteira
francesa, e desde alí ata Perpignan. Logo trasladouse a Cherburgo, onde se
embarcou no Queen Mary rumbo a Nova York.
En xullo de 1939 marcha á República Dominicana e alí exerceu o xornalismo como
director do diario "La Nación".
Neste país estivo un ano, téndoo que deixar debido ás presións políticas do
goberno de Trujillo.
Suárez Picallo chegou a este país en outubro de 1940 fuxido e co posto.
En Chile comezou traballando no xornal "La Opinión", para logo pasar a "La
Hora",órgano oficial do Partido Radical, "El Mercurio", tamén colaborou en "El
Sur" da cidade de Concepción de Chile, onde tiña unha columna denominada "La
Feria del Mundo".
O 15 de novembro de 1944 fundouse en Montevideo o Consello de Galiza
coa sinatura de Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde, Antón Alonso
Ríos e Ramón Suárez Picallo.
En 1954 Picallo viaxou por vez primeira a Bos Aires logo de varios anos de
exilio en Chile. O motivo da mesma foi participar como figura principal dos
actos programados pola Comisión Intersocietaria con motivo do 18 aniversario do
Plebiscito de Estatuto de Galiza.
Malia a grande recepción tida na Arxentina, o goberno do Xeneral Perón non
simpatizaba coas ideas socialistas de Picallo, quen por cuestións de seguridade
decidiu voltar a Chile.
En 1956 Suárez Picallo volve á Arxentina para participar do Primeiro Congreso da
Emigración Galega, que se realizou desde o 24 ao 31 de xullo nos salóns do
Centro Asturiano.
En 1959 Picallo fíxose cargo da Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense de
Bos Aires.
En 1961 comezou tamén o seu primeiro curso de xornalismo que continuou
impartindo ata 1962.
Picallo arrastrou durante os seus últimos años a enfermidade do esquecemento e a
soidade. En distintas oportunidades foi internado pola súa doenza e abandono
físico.
Ramón Suárez Picallo morre no Sanatorio do Centro Galego o 14 de outubro de
1964.
www.galespa.com.ar