simboloxía da terra: os santuarios
OS SANTUARIOS
As
manifestacións de fe en Galicia son numerosas e significativas, danse
en catedrais suntuosas e en
humildes ermidas perdidas o resto do ano nun monte calquera; en cruceiros que
presiden encrucilladas; nos petos de ánimas; en pontes e camiños; en rochas e
árbores; en fontes e ríos, que se converten en soportes simbólicos, en lugares
de "encontro entre o mundo oculto e o visible, entre os vivos e outros seres
que viven tamén no mundo". Son espacios-centros especiais que facilitan a
circulación entre os dous aspectos do mundo.
No espacio
habitado, o lar -lareira- é o
centro da casa-mundo; o cruzamento de camiños
-encrucillada-, da aldea-mundo; e o cemiterio é
o centro da parroquia-mundo. No espacio non habitado están as pedras, as fontes,
as árbores e as montañas, relacionados frecuentemente con algún santuario.
Estas
manifestacións de fe son expresións dunha vivencia relixiosa, que non sempre
coincide coa ortodoxa ou oficial, pois cada persoa interpreta a relixión segundo
o filtro da súa maneira de ser e de pensar, e ademais combínase con antigos
ritos de crenzas pagás. É case unánime a opinión de que en Galicia se adoraban
as montañas, as fontes, as árbores e as pedras. Martín de Dumio en De
correctione rusticorun e o mesmo Concilio de Braga dan fe destas prácticas e
prohiben tales cultos no século VI. A relixión popular estaba, pois, impregnada
de paganismo e é "natural" que así sexa, se concordamos con R. Bastide cando
escribe que unha relixión ou é popular ou é un pensamento filosófico.
Hai en Galicia
numerosos santuarios que atraen cada ano a
miles de devotos. Antonio Fraguas cita e describe en "Romarías e santuarios",
71 santuarios de fama en Galicia. Adoitan estar situados en montañas e nas súas
proximidades non falta unha fonte, unha pedra famosa ou unha árbore moi antiga,
xeralmente carballo, obxectos-espacios utilizados para realizar ritos de
curación, de fecundación ou de adiviñación.
O espacio
interior do santuario prolóngase no exterior e aprovéitase para as
procesións, para reunión de devotos ou cumprimento de promesas. Cada
santuario está dedicado a un santo e cada santo ten o seu poder e está
especializado na curación dalgunha enfermidade, de sorte que pode establecerse
certa relación entre o espacio dos santuarios e a anatomía do corpo humano.
Os santuarios
atraen a moitos devotos o día da festa ou romaría,
termo que orixinariamente significaba "viaxe dos católicos a Roma"
(romaría) e que ampliou o campo semántico a viaxe a calquera santuario. Están
consagrados a Cristo, á Virxe coas súas numerosas advocacións ou a distintos
santos: Santiago, santo André, santo Antón, san Bieito, santa Marta, san Brais…
A orixe das romarías
Remóntase a
tempos antigos e explícase frecuentemente con lendas relacionadas con feitos
sobrenaturais. Ó significado relixioso das romarías debemos sumarlle o
profano-folclórico, manifestado na comida, na festa e no baile.
Á
parte doutras intencións persoais, a visita ó santo e a participación na romaría
é unha mostra de agradecemento polos favores concedidos. Calquera persoa pode
ofrecerse polo enfermo a visita-lo santuario, pero é conveniente que sexa
parente próximo, se non pode o doente en persoa.
Dentro do ciclo
anual da vida, a devoción popular manifestada nas festas e romarías desenvolve
unha rica cultura espiritual, sustentada nunha artesanía variada, como a de cera
e a de migas de pan.
Ós santuarios
lévanse velas e exvotos de cera virxe de abella, de parafina, de estearina, de
sebo e mecha de algodón. As velas poden ser lisas, rizadas, labradas,
coloreadas, pintadas e velas de promesa. Os exvotos son reproduccións completas
ou parciais da parte do corpo humano que sofre a doenza: cabeza, brazo,
tronco...ou reproduccións do animal enfermo: vaca, porco, ovella… Os exvotos son
portadores dunha simboloxía máxico-relixiosa coa reminiscencia primitiva de
ofrecer sacrificios e sufraxios ás divindades como agradecemento, expiación ou
promesa. Tales prácticas foron cristianizadas máis tarde. Non faltan nas festas
e romarías os foguetes, feitos polos pirotécnicos ou fogueteiros, que traballan
para lucir visualmente breves instantes no ceo ou para anunciar acusticamente o
evento ás parroquias veciñas.
Mónica Beatriz Suárez Groba
-
Bibliografía consultada:
"Galicia 2001: Etnografía Espiritual", Xunta de Galicia
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
.
www.galespa.com.ar