simboloxía DOS CRUZAMENTOS DE CAMIÑOS OU ENCRUCILLADAS
Os
cruzamentos de camiños ou encrucilladas teñen gran valor para a
comunidade porque son o centro da aldea.
Neles adoita
haber
cruceiros ou petos de
ánimas
, que son obxectos de culto e parte integrante da
paisaxe galega. Os cruceiros
naceron unhas veces para cristianizar lugares de antigo culto pagán, para
substituír quizais monumentos dedicados a divindades primitivas ou
ós lares viais, que eran os deuses dos camiños na
Gallaecia romana.
Os
cruceiros, sen embargo, non son exclusivos das encrucilladas, hainos que
marcan a fronteira coa parroquia veciña -cruzamentos de termo-, outros sinalan
cada estación do vía crucis e outros recordan un accidente mortal ou un
fusilamento. Algúns levan unha inscrición co nome de quen o mandou facer, co fin
de pedir unha oración pola súa alma ou polos defuntos, en xeral. Ante os
cruceiros paran os cortexos fúnebres que se dirixen ó cemiterio e incluso se
coloca o ataúde sobre unha mesa de pedra que algúns teñen; alí recítanse
responsos.
Noutras
encrucilladas de camiños pode haber petos de ánimas,
petos para as almas do purgatorio, formados por un retablo onde arden en chamas
as almas do purgatorio, mentres a Virxe ou algún santo as vén sacar de alí cun
escapulario ou cun cordón para que se agarren a el. Colócanse nos camiños para
que os viandantes recen polas almas necesitadas.
Nos cruceiros
aparécense as ánimas e dan sinais de que alguén vai morrer pronto. As
bruxas
reúnense nas encrucilladas, especialmente diante dos cruceiros. A encrucillada é
elemento imprescindible para ritos catárticos, profilácticos e de fecundación. A
muller que abortou debe bautiza-los seus fillos non natos no cruzamento dun río
cun camiño. A noite de San Xoán préndese o lume en moitas encrucilladas de
camiños; tamén se queiman as bruxas.
A importancia
das encrucilladas vén dada por se-lo lugar de encontro do outro mundo -ánimas ,
bruxas e demos- cos deste. Na encrucillada conflúen os camiños procedentes do
mundo oculto/deshabitado e os do mundo visible/habitado
O CEMITERIO
O
cemiterio
é o espacio central da parroquia. Tódolos núcleos de poboación -aldeas- teñen
camiño directo ó cemiterio; as aldeas son unidades constitutivas, orixinais do
hábitat de Galicia, mentres que a parroquia é a unificación de diferentes
encrucilladas no cemiterio, por influencia quizais da institución parroquial
católica, segundo M. Mandianes.
No momento de
enterra-lo cadáver, os parentes e amigos collían un pouco de terra, bicábana e
botábana sobre o féretro. O defunto queda alí acompañado de parentes e veciños.
O cemiterio é un lugar de encontro entre o mundo dos vivos e o dos mortos: tamén
facilita a comunicación entre os membros da parroquia vivente, pois é lugar de
reunión e de charla amigable en días de enterro e tamén os domingos antes e
despois da misa, sobre todo cando os cemiterios rodeaban a igrexa e formaban
parte do adro.
.
Mónica Beatriz Suárez Groba
-
Bibliografía consultada:
Galicia 2001: Etnografía Espiritual", Xunta de Galicia
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
.
www.galespa.com.ar