simboloxía da terra: o círculo
O
espacio circular é protector, segundo a
crenza de moitos galegos.
Circulares eran as vivendas dos castros celtas; similar tendencia apréciase nas
insculturas rupestres ou petroglifos da época castrexa: espirais, círculos
concéntricos e roscas. Tamén as pallozas
das montañas orientais galaicas tenden ó círculo e circulares son os fornos de
coce-lo pan.
O
círculo úsase, así mesmo, en prácticas
de medicina popular, unhas veces trázase o círculo sobre a parte doída e outras
colócase o enfermo e o curandeiro dentro del. O círculo tamén defende das
bruxas, das ánimas,do demo ou do lobo.
Para algúns estudiosos o círculo é a representación da serpe,
para outros é o símbolo do Sol; para todos é un
espacio ou centro que nos libra de perigos, íllanos e ponnos en comunicación co
outro mundo, co descoñecido.
A árbore cósmica
A
idea de centro adoita ir asociada á de árbore cósmica,
representada nas casas moi antigas por un poste colocado no centro do lar ou
lareira; por ela baixaban e subían as ánimas dos antepasados da familia cando as
casas carecían de cheminea, que veu substituí-lo poste como elemento ou lugar de
comunicación e cruzamento de niveis.
Ó lado da encrucillada adoita haber unha ou varias árbores de gran porte,
frecuentemente carballos, que posiblemente
sexan a árbore cósmica de Galicia. Numerosos ritos de medicina popular
celébranse ó lado dun carballo, citado xa por autores clásicos como árbore
sagrada.
O campanario da igrexa parroquial pode representa-la árbore cósmica do cemiterio
circundante, que é un cruzamento cristianizado de significación máis ampla cá
necrolóxica.
Arredor das igrexas adoita haber grandes árbores. Os santuarios, ademais, ocupan
habitualmente lugares altos ou montañas, que se asocian con arborado. Incluso
hai árbores sagradas ou do santo, como o carballo de Santa Margarida en
Pontevedra ou o de Santa Mariña de Augas Santas na Limia.
As pedras que son obxecto de culto adoitan ser altas coma árbores, feito
testemuñado por autores clásicos na Galicia antiga; veñen ser lugares de
intercambio entre o coñecido e o descoñecido, entre o aspecto visible e o oculto
do mundo.
Mónica Beatriz Suárez Groba
-
Bibliografía consultada:
"Galicia 2001: Etnografía Espiritual", Xunta de Galicia
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
.
www.galespa.com.ar