O
concello de Sanxenxo, que se atopa
na provincia de PONTEVEDRA ten un pouco
máis de 16.000 habitantes e limita ó norte coa ría de Arousa, Meaño e O
Grove, ó sur coa ría de Pontevedra, ó este con Meaño e Poio e ó oeste co
Océano Atlántico. Nunha das dúas nove parroquias, na de
Noalla, atópase un dos santuarios galegos relacionados coa
fecundidade… a ermida da Lanzada.
Esta capela románica do século XIII está situada na punta da Lanzada e dende
alí pódese ve-la praia do mesmo nome, á que se lle atribúe o poder de
cura-la infertilidade nas súas augas dende tempos inmemoriais. Isto pódese
deber o feito que na zona existen tres dolmens que están en moi bo estado e
é moi probable que este rito pagán fora oficializado pola Igrexa e
convertido en cristián ó construír unha capela nese lugar e atribuír eses
efectos milagrosos á intervención da Virxe da Lanzada.
O SANTUARIO DE SANTA MARÍA DA LANZADA
Con vocación
mariñeira, e sobre os alicerces dun vello faro fenicio, naceu o castelo no
século XII que abeiraba a ermida
de
Santa María da Lanzada. A penas fican vestixios
daquela importante fortaleza, testemuña de loitas medievais de poder,
guerras relixiosas e saqueos árabes.
A mitra compostelá (1110) e dona Urraca (1121) foron dous dos seus
propietarios máis insignes; o tempo e cinco séculos de ataques soamente
mantiveron erguido, desafiando ó mar e ós días, o famoso santuario levantado
na honra da Virxe. Quedan os restos do antigo castelo e tamén a fortaleza de
aviso, construída polo Arcebispo Xelmirez co obxectivo de dar conta da
chegada de naves normandas e viquingas, que daquela intentaban arrasar
Santiago. Nese mesmo lugar, moito tempo antes, facían o mesmo os
celtas usando fogueiras, para transmitir noticias e avisos de guerra.
A ermida da Virxe ten sete metros de lonxitude e unha única nave. Neste
Santuario, concorren a derradeira fin de semana de agosto milleiros de
devotos nunha romaría mítica en Galicia asociada a ritos de fertilidade...
A ROMARÍA DA VIRXE DA LANZADA
De grande sona
en toda Galicia é a "romaría da Lanzada"
na ermida románica do século XIII, onde se mesturan o culto á Virxe coas
vellas tradicións célticas: nas fermosas praias que a limitan ou na propia
da Lanzada, as mulleres toman ás doce da noite e á alba o chamado
"baño das nove ondas", que as curará da súa presunta esterilidade
ou para ser purificadas coas súas augas dos
'meigallos',
'feitizos' ou 'mal de
ollo'.
Esta
romaría ten lugar o último sábado do mes de agosto e a ela acoden numerosos
visitantes para disfrutar dos bailes e da gastronomía; e, como non, a muller
infértil deberá recibir ese "baño das nove ondas"
na praia da Lanzada se quere volver ser fértil.
Tamén os mariñeiros solicitan os favores da Virxe para que os protexa dos
perigos do mar; outros practican outros rituais como varre-lo altar e así
manter arredado o mal.
Noutrora acudíase ó santuario non só polos seus poderes xenerativos senón
tamén polos seus poderes de curación. Así, na festividade de San Xoán era
visitado por enfermos que ás doce en punto da noite recibían as nove ondas
buscando a súa curación, e non faltaba quen levaba os seus animais na
mañanciña de San Xoán para afastalos dos malos espíritos.
Atopáronse testemuñas de milagres cientificamente documentados, como un que
data do ano 1.845. Sucedeulle a un matrimonio de Madrid, que pasaba o
verán na Illa da Toxa. Despois de 17 anos de casados sen ter fillos,
esta posibilidade estaba descartada polos médicos... Conseguírono,
logo que a muller tomase o baño ritual das nove ondas, seguindo as
indicacións que lle tiñan dado un grupo de mulleres que recollían mariscos
no Grove.
.