SANTUARIO DA VIRXE DA
FRANQUEIRA E A SÚA ROMARÍA
O
concello da Cañiza está situado ó sueste
da provincia de PONTEVEDRA, e ten unha
poboación dun pouco máis de 7000 habitantes. É unha terra de montañas e
ribeiras, adornada polo verde dos bosques e dos montes, con moitisima vexetación
formada por pinos, toxos, carballos, piñeiros, castiñeiros, é tamén moi rica na
producción dos cereais, viño, mel e productos da horta.
Nunha das súas parroquias, A Franqueira,
hai unha engaiolante lenda do século VII, xeira na que os musulmáns invadiron
Galicia, e está asociada á orixe do santuario da Virxe...
A Nosa Señora da Franqueira, a lenda da
súa aparición, a súa relación coas loitas entre mouros e cristiáns e outros
ritos ben particulares fan da súa romaría unha das festas relixiosas máis
típicas de toda Galicia...
Nun monte da Paradanta apareceu, nunha
espenuca, unha imaxe da Virxe, que estaba agachada no lugar polos veciños polo
temor de que a roubasen os mouros. Alí permaneceu, segundo a tradición, ata que
unha vella pastora que coidaba o seu gando observou unha
luzada
(das velas que lle puñan as xentes do lugar) e, ó se achegar a elas, descubriu a
imaxe.
Xurdiu unha discusión pola propiedade da efixie entre os veciños de Luneda e da
Franqueira, xa que a cova quedaba na división de ámbolos dous lugares. Uns e
mailos outros pretendían construír un santuario onde render
culto
á Virxe, pero o lugar da descuberta resultaba esgrevio de máis. Así que montaron
a imaxe nun carro tirado por unha parella de bois, tapáronlles os ollos e
deixáronos camiñar ó seu antollo. Alí onde parasen as bestas erguerían o templo.
Os bois
deambularon polo monte ata que atoparon unha saída , "franqueárona", (de
aí lle ven o nome da Franqueira), camiñaron logo ata chegaren a unha fonte e
nese lugar os veciños decidiron edifica-la primitiva ermida.
A imaxe da
Virxe preside o altar do santuario, e no lugar onde se atopou, chamado
"Cova da Vella", hai agora unha réplica en pedra.
O SANTUARIO DA FRANQUEIRA
Algúns
documentos aseguran que no século XI houbo na zona, disque no cumio do monte
Paradanta, un mosteiro de monxes benedictinos. Outros máis fiables evidencian
que ó remáta-lo século XIII ergueuse aquí un cenobio cisterciense e que foron
estes monxes bernardos quen acometeron a construcción da igrexa. No lintel unha
inscrición revela unha data que semella coincidir coa de conclusión da portada
(ano 1834)
A SÚA ROMARÍA
Celébrase
dúas veces por ano. A primeira nas "Pascuillas"
-o luns de Pascua-, unha procesión íntima na que se xuntan as figuras santas das
parroquias do arredor; a segunda, multitudinaria, ten lugar o 8 de setembro e a
ela acoden fieis de toda Galicia e do norte de Portugal a solicita-los favores
da Virxe. Ofrécenlle flores e exvotos de cera que representan as partes do corpo
que queren sandar, tocan o seu manto con panos que logo fregan contra o corpo e
pídenlle polo seu ben e polo das súas colleitas.
Ata
hai uns anos na procesión podíanse ver tamén cadaleitos con ofrecidos, persoas
que recobraron a saúde despois de estar desafiuzadas, e que eran levados ante a
Virxe para lle agradecer a súa axuda.
A procesión sae despois da misa maior polos camiños das aldeas. A imaxe da Virxe
vai subida, como orixinariamente, a un carro de bois. Diante del , tres parellas
de danzantes executan figuras con arcos e garabullos na honra da súa patroa.
Ó final do
percorrido outra lenda entra en escena... É a loita entre un mouro e un
cristián. O acto é unha das escasas incursións na festividade galega deste
episodio da nosa historia, tan apegado a outras celebracións peninsulares.
Consiste nun diálogo en verso escrito para a festa polo insigne poeta,
Ramón Cabanillas,
baseado nun relato da nosa tradición oral.
Segundo
este os mouros retiñan en Alxer, dentro dunha arca, a un rapaz da
Franqueira. Unha noite o mozo oíu comentar ós seus gardiáns que era momento de
matalo. Pediu axuda á Virxe da Franqueira e á maña seguinte amenceu a carón do
santuario co garda que o custodiaba. Despois de combater nun duelo a espada, o
musulmán caeu no chan malferido. Antes de morrer, o cristián xuroulle que
durante mil anos resucitaría o día da romaría e que ó cabo dese tempo a Virxe
limparía a súa alma de culpa e pecado.
Mónica Beatriz Suárez Groba-
Bibliografía consultada: "Lendas de Galicia e outros temas
narrativos", Chao Espina.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
.
www.galespa.com.ar