O
concello de
Muxía está situado no noroeste da provincia
da CORUÑA, estando integrado na
Comarca de Fisterra
situada na rexión denominada "Costa da Morte".
Conta cunha extensión de 121
Km2 e cunha poboación de 6.200 habitantes distribuída nun total de 14
parroquias: Bardulllas, Buiturón, Caberta, Coucieiro, Frixe, Leis, Moraime,
Morquintián, Muxía, Nemiña, A O, Ozón, Touriñán e Vilastose. Os seus límites
son: ó norte, a ría de Muxía-Camariñas; ó sur o río Castro; ó leste os
concellos de Dumbría e Vimianzo e ó oeste o Océano Atlántico.
O SANTUARIO DA VIRXE DA BARCA
A
Virxe da Barca ou
Nosa Señora da Barca, como se coñece popularmente, ten o seu
santuario na punta de Muxía, na parroquia do mesmo
nome deste concello. A súa romaría celébrase o domingo seguinte ó 8 de
setembro, cunha segunda celebración o día de San Miguel (29 de setembro).
Conta a lenda que cando Santiago predicaba o evanxeo
por aquelas terras, nun momento de soidade e desacougo polo pouco éxito da
súa predicación, recibiu a visita da Virxe nunha barca de pedra remada por
anxos, que lle infundiu folgos ó apóstolo para continua-lo seu labor
evanxelizador.
Como proba da súa
desaparición, a barca da Virxe quedou plasmada nas rochas. Posteriormente a
imaxe da Virxe foi descuberta debaixo do temón da barca e trasladada á
igrexa parroquial, pero, inexplicablemente, volveu aparecer no seu sitio
orixinal.
Ante este milagroso feito, os habitantes de Muxía decidiron construír un
santuario para honra-la Virxe.
A Virxe da Barca non é coñecida por curar nin protexer contra ningún mal en
especial. Pódese dicir que ten prestixio e popularidade porque concede todo
aquel favor que se lle pida con fe. Neste santuario encóntranse as dúas
famosas pedras de culto no pasado pagán e que posteriormente fora
cristianizado: as chamadas pedra de Abalar
e a pedra dos Cadrís. Estes son os
vestixios da barca de pedra na que fixo a súa aparición a Virxe. Tamén se
atopa outra pedra: a pedra dos Namorados.
Este culto ás pedras, moi frecuente en Galicia, probablemente teña a súa orixe
na época prehistórica e parece ser que foron os monxes de Muxía os
encargados da súa cristianización.
A
Pedra dos Cadrís: é de visita obrigada para todos
aqueles que padezan problemas reumáticos. Forma parte do conxunto pétreo do
santuario da Virxe da Barca e está moi preto da Pedra de Abalar. A tradición
atribúelle o poder de cura-la reuma e as dores de cadrís, pasando por baixo
dela nove veces. Na lenda mariano-xacobea sería a vela da barca na
que chegou a Virxe. Preto dela está a 'Pedra do Timón',
o que sería o timón desa barca.
A Pedra de Abalar : Trátase da pedra
máis famosa de toda Galicia e a máis cantada no noso folclore (e non só por
galegos: o mesmo García Lorca tamén a eloxiou). Mide case 9 metros de longo
e uns 30 cms. de grosor, aínda que tronzou e foi desprazada por unha
tormenta no ano 1978.
Ó moverse produce un son
misterioso. A tradición atribúelle múltiples e variados poderes:
"só soa se os que a intentan mover están libres de pecado"... e o
feito que produza un son é proba da inocencia diante dunha acusación, a
virxindade ou a fidelidade. Cando produce un son ela soa é para avisar dun
naufraxio ou para previr dunha desgracia. A lenda mariano-xacobea fala dunha
barca de pedra e o seu casco sería esta rocha.
A Pedra dos Namorados: das
pedras da Barca que enlazan coa tradición popular é a única que non o fai
tamén coa lenda mariana. Está moi preto da 'Pedra dos Cadrís', ten
unha forma de asentadoiro cun grande respaldo onde as parellas prométense
amor e fidelidade. O nome ten a súa lóxica: é bastante frecuente o vento do
nordeste por esta zona e esta pedra abriga o asentadoiro dándolle intimidade
e protección.
A ROMARÍA DA BARCA
A Romaría da Barca de Muxía é unha antiga
celebración de culto (a súa antigüidade vai parella á data da fundación da
primeira
capela cara o século XI ou XII) que segue aínda nos nosos días congregando a
unha cantidade moi grande de fregueses vidos de tódalas partes de Galicia e
incluso de fóra que acoden ó Santuario da Barca a abala-la Pedra de Abalar e
pasar por debaixo da Pedra dos Cadrís, das que se pensa, teñen propiedades
curativas e que chaman á solidariedade da xente.
A Romaría da Barca celébrase o segundo domingo de Setembro, agás cando este
segundo domingo é o día oito, que entón pasa ó seguinte, isto é, ó quince;
por iso existe o seguinte dito: "a romaría da Barca non baixa do nove nin
sobe do quince" (referíndose ó domingo da Barca).
Son sonadas as romarías, principalmente a da Barca, declarada de interese
turístico, que se celebra na honra da Virxe da Barca o segundo venres,
sábado, domingo e luns do mes de setembro, e xunta a milleiros de persoas
que veñen tanto guiados pola súa fe. O punto culminante da romaría é a
procesión do domingo, que percorre varias rúas, camiño da igrexa de Santa
María, onde se acolle á Virxe ata o día seguinte, xunto co constante e
variado desfile de romeiros.
Esta romaría constitúe unha das festas máis grandes de Galicia.