|
O matrimonio de Rosalía con Murguía
Entre os salóns literarios que o Patriarca, Manuel Murguía frecuentaba , estaba
o da casa de dona Carme Lugín, nai do autor de La Casa de la Troya, onde, xa
desde a primavera do 56, se hospedan a súa parenta dona Tareixa Castro e a súa
filla Rosalía, que emprenderon a aventura madrileña por se a moza encontraba
unha oportunidade de demostrar os seus dotes de actriz. Naquela casa, situada no
número 13 da rúa da Ballesta, xúntanse políticos como o seu amigo Eduardo Chao,
e literatos como don Cándido Luanco e os irmáns Valeriano e Gustavo Adolfo
Bécquer, para ler poemas e intercambiar opinións que enriquecen os espíritos
románticos dos asistentes.
Un día, aquela santiaguesa de 19 anos, que suplía a exuberante beleza doutras
concorrentes cunha grande sensibilidade poética, atrévese a ler, diante de tan
selecta audiencia, un grupiño de poemas que foi moi ben acollido entre os
asistentes, que non dubidan en animala a publicalos nun volume baixo o título de
La Flor.
En canto aparece nas librerías este poemario, dedicado á súa nai, Murguía non
tarda en facerlle unha crítica no xornal La Iberia (no número do 12 de maio de
1857), baixo o título La Flor, Poesías de la señorita Rosalía de Castro, onde
ademais de eloxiar a obra tamén di que non coñece a autora.
Non é probable que isto sexa certo, pois se el é visita da casa na que ela vive,
só se pode entender que di tal cousa como un recurso para indicarlle ó lector
que tales eloxios non son gabanzas de amigos. Pero por outro lado, a crítica,
máis que unha crítica, semella toda unha declaración de amor. Como queira que
sexa, esta favorable opinión posibilitou a frecuencia dos encontros,
probablemente sen grandes esperanzas para el, que lembraba ó romántico amigo
Aurelio. Pero a asiduidade dos seus encontros, a conversación sempre interesante
para ambos, sobre literatura e as lembranzas de Santiago, ían aproximándoos, e
cando el menos o esperaba, coas palabras aproximan os seus corazóns.
Se non andamos equivocados, a Rosalía están dedicados estes versos do seu libro
En Prosa, referentes á súa mocidade, que nos fai intuír o momento no que se fan
noivos:
“Antes de bajar a los jardines, la mujer pálida, rodeada de muchos, se
adelantó y poniendo su abrigo en mis manos me rogó que se lo echase sobre sus
hombros, más blancos todavía que mi rostro, en el cual se reflejaba mi emoción:
Porque yo me creía el último.
Mas vi que alguno se puso más blanco que ella.
Y creí en mi triunfo’’.


A parella, dispar no físico, encaixa perfectamente en gustos, falan polo miúdo
das súas inquedanzas, son illados polo resto dos compañeiros de parladoiro e,
finalmente, o namoradizo Murguía pregoa, nas súas cartas ós amigos galegos, e
incluso ós familiares, as marabillas do seu romántico amor. Ata que finalmente
acordan casar.
Pero o boticario don Xoán Martínez, home rexo e preocupado pola turbulenta
actitude deste fillo, non ve con bos ollos ese matrimonio. ¿Que ven sendo iso de
casar sen contar coa súa opinión? ¿Vai vivir sempre de escribir nun país onde as
letras son unha actividade secundaria? ¿Á conta de quen pensa este arroutado
rapaz manter un matrimonio cunha rapaza, practicamente, sen dote? E se ben a
familia desaproba a decisión do poeta, os amigos, aínda que só sexa de boca para
fóra, danlle os parabéns.
Unha das primeiras cartas de felicitación que recibe Murguía foi a do amigo
Aurelio Aguirre, quen, ademais, se ofrece para ser o padriño do primeiro fillo
e, de non ser así, rógalles que o primeiro varón que lles naza leve o seu nome.
Pero Aurelio morrerá en estrañas circunstancias, na coruñesa praia de Don Amaro,
o 30 de xullo de 1858, sen tan sequera chegar a oír as monicións dos seus
amigos.
A parella terá un noivado curto, de pouco máis dun ano, e o día 10 de outubro de
1858 contrae matrimonio na igrexa parroquial de San Ildefonso de Madrid,
servindo de testemuñas don Cándido Luanco e don Manuel Menéndez.
O novo matrimonio volverá axiña a Santiago, e sete meses máis tarde, o doce de
maio de 1859, nácelles a primoxénita, Alexandra. As loanzas con que el describe
o seu amor por Rosalía fannos intuír que non faltou a paixón durante o seu
noivado, pero a non asistencia de ningún membro da familia Martínez-Murguía á
voda, e o mesmo feito de non vir casar a Santiago de Compostela sendo os dous de
aquí, espertan en nós a curiosidade por saber qué pasou naqueles decisivos días
entre as familias do máis grande casal da nosa literatura.
O enfado que aquel matrimonio trouxo ós pais do Patriarca quedou patente no
bautizo da nena, ó que, a pesar de celebrarse en Santiago, tampouco asistiron
nin don Xoán nin dona Concepción.Sen embargo, posteriormente, o avó boticario
cartearase con esta neta, facéndoa partícipe dos acontecementos do momento,
cando ela e os seus pais viven en Madrid. Pero a parella ámase a pesar de todo.
E alleos ás faladorías que a desigual presencia física provocaba, vendo a aquela
muller alta, con sombreiros e roupas pouco elegantes ou pasados de moda, ó lado
dun home pequeniño e vestido como un figurino, entregaranse ás letras, a criar
os fillos e a sufrir os avatares da vida, coas súas épocas de escaseza e de
fartura, de felicidade e tristura.
Falouse moitas veces da infelicidade de Rosalía, dos moitos desgustos que o
temperamento pronto a exaltarse do seu esposo lle deparaba, pero quizabes
habería que falar tamén das coitas dun marido apaixonado polos arquivos e os
parladoiros literarios e políticos, que non podía dedicarlle todo o tempo que
quixese á súa esposa, a quen, sen embargo, lle dedicou as máis fermosas palabras
de amor e lembranza.
TEXTO DA ACTA DE MATRIMONIO DE ROSALÍA E MURGUÍA
"En la M. H. villa de Madrid, en diez
de octubre de mil ochocientos cincuenta y ocho. Yo, Doctor Lozano Prieto,
Teniente cura de esta Parroquia de San Ildefonso, previo despacho del Sr. Doctor
Manuel de Obeso, Vicario Eco., refrendado a primero de los corrientes por el
Notario Don Pedro Vicente Obejero: desposé y velé in facie Eclesiae a Don Manuel
Martínez Nurguía, soltero, de veinticinco años de edad, natural de Frogel,
Diócesis de Santiago, hijo de Don Juan y Doña Concepción Murguía; con María
Rosalía de Castro, soltera, de ventiún añós de edad, natural de la ciudad de
Santiago, feligresa en esta Parroquia por vivir en la calle de la Ballesta,
número 13, cuarto bajo, hija natural de Doña Teresa de Castro; habiendo
precedido todos los requisitos necesarios para la validez y legitimidad de este
contrato sacramental. Fueron padrinos testigos Don Cándido Luanco y Don Manuel
Menéndez."
Y lo firmo, L. Prieto.
volver a: rosalía de castro
FONTES DE INFORMACIÓN:
"Follas Novas" , Rosalía de Castro, Edición de H. Monteagudo e Dolores
Vilavedra, Editorial Galaxia, 1993.
Especial Letras Galegas Ano 2000, Manuel Murguía, publicado polo xornal "O
Correo Galego".
"Galicia 2001", editado pola Xunta de Galicia.
www.letrasgalegas.org
|