|
OS SETE FILLOS DE ROSALÍA DE CASTRO
Do matrimonio de Murguía e Rosalía naceron sete fillos sen
quedar ningún descendente.

FOTOGRAFÍA TOMADA EN 1884,
UN ANO ANTES DA MORTE DE
ROSALÍA NA SÚA CASA EN PADRÓN
XUNTO A MURGUÍA E TODOS
OS SEUS FILLOS.
Despois de Alexandra, que nacera en Santiago o 12 de maio de 1859, enchendo de
tanta ilusión á nova parella, que o pai lle dedica o libro de lecturas escolares
La Primera Luz, cunha das máis poéticas dedicatorias que se teñan escrito, o
matrimonio aínda tardaría nove anos en concibir a segunda filla; e tras esta, na
volta de sete anos, naceron os outros cinco.
Alexandra, que cando morre Rosalía, en 1885, recibe, como muller da casa, as
condolencias de amigos e familiares así como as achegas de ánimo para coidar dos
irmáns e do pai, decide suspender o seu matrimonio co santiagués Xoaquín Arias
Sanjurjo para converterse na nova nai dos seus irmáns.
Ela, que ademais de filla fora a amiga de Rosalía cando o traballo de Murguía o
obrigaba a vivir fóra do fogar, intimidando tanto as dúas, que o Patriarca
recólleo nun dos seus poemas de En Prosa:
“Siempre unidas como la camisa al cuerpo’’; tamén foi a compañeira de
Murguía nos seus estudios, pois mentres el escribía ela tomaba os debuxos para
ilustrar as obras do Patriarca. Aprendera a debuxar en Santiago, cando ó vir seu
pai destinado para xefe do Arquivo Xeral de Galicia, se instalan nesta cidade en
1872; e o seu bo facer cos lapis e os pinceis debía ser moi coñecido e
apreciado, pois, se por un lado se fixo famoso o seu apuntamento sobre dona
Carme Lugín no leito de morte, desde o Museo do Prado tamén lle ofreceron un
posto de retocadora, o que non aceptou, disuadida polo pai, nun tempo no que o
traballo feminino non estaba ben visto, para ficar dirixindo o fogar do
Patriarca ata que finou, o 23 de marzo de 1937. Alexandra colaborou cos seus
debuxos nalgún número de “La Ilustración Gallega y Asturiana firmando “A.M.”.
Aura, que tamén naceu en Santiago, o 7 de decembro de 1868, casou por poder
antes de cumprir os vinte anos con Francisco Prats, experto numismático e
director do Diario de Albacete, de onde el era orixinario; e aínda que o
matrimonio tivo dous xemelgos que ilusionaron o avó, os únicos netos coñecidos
de Murguía, estes morreron con poucos meses de vida.
Seguen na lista os xemelgos Ovidio e Gala (Gala Blanca Eleonora), nacidos o dous
de xullo do 1871 en Lestrove.
Gala, que casou ós cincuenta anos con Pedro Izquierdo, un ano antes da morte do
Patriarca, non terá sucesión, pero será a derradeira supervivente de tan notable
familia, pois acada os noventa e dous anos de idade, falecendo no 1964, na mesma
casa da coruñesa rúa de santo Agostiño onde finou o Patriarca.
O seu xemelgo, Ovidio, de curta vida como pintor, víctima da mala sorte da
enfermidade, a pesar de morrer solteiro, o primeiro de ano e de século, por mor
dunha tuberculose, déixanos coa dúbida de se a súa noiva madrileña, Visitación
Oliva, quedaba ou non embarazada nesa data, pois cando estaba convalecente, o
infortunado pintor sufriu a falta de noticias da súa amada, pola que preguntaba
constantemente; pero a pesar de que ela lle escribía con certa frecuencia
dándolle noticias súas e preguntando pola evolución da súa enfermidade, as irmás
do enfermo, quizabes influenciadas pola opinión do seu curmán Alexandre Pérez
Lugín, que non tiña moi boa opinión daquela moza, agachábanlle as cartas e
rompíanas antes de darllas. Ovidio, membro destacado da chamada Xeración Doente,
recibira as primeiras leccións de pintura de súa irmá Alexandra, e logo, xa en
Madrid, do amigo de seu pai, Serafín Avendaño.
Son moi interesantes as cartas entre Murguía e o seu fillo, nas que o pai o
aconsella sobre o uso dos brancos, a exposición de novas obras, ou a venda
dalgún cadro mentres o anima a seguir traballando con dedicación plena. El, que
se destacou como paisaxista, foi o primeiro en pintar uns eucaliptos galegos,
para un cadro encargado por Montero Ríos, sobre a súa leira botánica de
Lorenzana (Pontevedra), onde plantara a semente destas árbores traídas polo
bispo galego en Nova Nursia (Australia) Frei Rosendo Salvado.
Amara (Amara Honorata Mª del Carmen), que tiña un especial gusto polas roupas
brancas, nacida na Coruña o 17 de xullo de 1873, cando seu pai era xefe do
Arquivo Rexional de Galicia, finou dun ataque ó corazón a finais de decembro de
1921, e dela cóntase a anécdota de que que era tan alta en comparación co resto
da familia que “necesitou un féretro de dez cuartas e media’’.
Quedan, neste resumo, Adriano Honorato Alexandre, nacido o 20 de abril de 1875,
quen morreu ó caer de encima dunha mesa, un fatídico catro de novembro de 1876;
e Valentina, nacida morta o 14 de febreiro de 1877, pero que os pais gardaron
sempre na memoria co nome do santo do día. Pódese, pois, asegurar que,
oficialmente, desde o 18 de xaneiro de 1964, en que finou dona Gala, do máis
grande casal das nosas letras non queda descendencia.

OVIDIO MURGUÍA CASTRO DEDICOUSE Á PINTURA PERO MORREU A TEMPRANA IDADE.
volver a: rosalía de castro
FONTES DE INFORMACIÓN:
"Follas Novas" , Rosalía de Castro, Edición de H. Monteagudo e Dolores
Vilavedra, Editorial Galaxia, 1993.
Especial Letras Galegas Ano 2000, Manuel Murguía, publicado polo xornal "O
Correo Galego".
"Galicia 2001", editado pola Xunta de Galicia.
www.letrasgalegas.org
www.galespa.com.ar
|