|

Fotografía: La Voz de Galicia
(José M. Casal)
Imagen:
Publicación "El ecologista" (2001-2002)
Ecologistas en Acción |
A única espranza, case un milagre, era un ovo en forma de pera. Este mes
tiña que aparecer nalgún lugar oculto dun acantilado das illas Sisargas
ou do cabo Vilán. Pero non o fixo. Nin o ovo nin a súa cría. A ameaza
cumpriuse e o arao ibérico, coñecido como o pingüino galego, pasou á
historia. O Prestige sepultóuno nun féretro negro e agora forma parte da
lista negra de especies extinguidas.
O certificado de defunción expedírono os expertos da Sociedade Española
de Ornitoloxía (SEO) e da Sociedade Galega de Historia Natural, que este
mes rastrexaron o hábitat das duas colonias deste ave que existían na
Costa da Morte, as únicas de toda a península. E non atoparon nin
rastro.
O arao pasa a maior parte do tempo na agua e soamente acude a terra
dunha forma estable en maio e xuño, coincidindo co periodo de
nidificación. Se nesta época non se atoparon nas rochas, xa non
aparecerán nunca.
A súa historia, nembargantes, é a dunha crónica anunciada. Apenas
quedaban dez parellas reproductoras e cincuenta individuos. Moi lonxe
das 3.000 aves reproductoras censadas en 1960 en oito colonias
repartidas por toda Galicia. A súa fraxilidade natural, os aparellos de
pesca, as sucesivas mareas negras que asolaron a costa e incluso a caza
foron mermando unha especie á que lle chegou a puntilla co Prestige.
A súa vulnerabilidade era máis que evidente e dende fai anos estaba
catalogada como en perigo crítico de extinción no "Libro Rojo de los
Vertebrados de España". Sen embargo, dende a Administración «apenas se
fixeron esforzos por conserva-la especie», laméntase Antonio Sandoval,
coordinador do grupo ibérico de aves marinas da SEO.
O último censo da Xunta, de feito, fíxose en 1994. E tampoco abundan os
estudios oficiais para coñece-las peculiaridades do ave ibérico.
Coa súa extinción será imposible reabrir tamén un vello debate: ¿O arao
ibérico formaba unha subespecie, a albionis, ou pertencía exclusivamente
á que procede das Illas Británicas? O certo é que a marea negra matou xa
8.152 exemplares, sen distinguir entre especies.
|