Unha tradición singular en Pobra do Caramiñal
A Pobra do Caramiñal é un concello
que se atopa na provincia da Coruña. Limita con Boiro ó norte, Porto do Son ó
oeste e Ribeira ó sur.
O límite oriental pono a ría. O seu territorio é un dos máis contrastados e
pintorescos da costa. Ten unha poboación duns 10.400 habitantes e está formado
por 9 parroquias.
As principais actividades económicas dos pobrenses son as relacionadas co mar e
coa industria do peixe, seguidas dos sectores da construcción, o comercio, os
servicios e a hostalería.
O municipio ocupa unha pequena superficie na ladeira meridional da Serra do
Barbanza. O seu perfil costeiro amosa
unha sucesión de praias, rasas mariñas, enseadas, baías e promontorios.
Ás súas costas érguense as moles graníticas da Curotiña e da Curota e o resto
das formacións do Barbanza, excelentes miradoiros naturais dende os que se
obteñen boas perspectivas das Rías Baixas.
Nestas terras da Pobra do Caramiñal, na marxe dereita da Ría de Arousa e na
parroquia do Deán, celébrase a festa mais renomeada e concorrida de todo o ano.
Esta festa é tamén a máis luctuosa, pois un longo cortexo acompaña a Xesús o
Nazareno, en medio de cadaleitos e cirios: é a chamada "Procesión das
Mortallas".
A PROCESIÓN DAS MORTALLAS
A tradición de tan singular cortexo, con cadaleitos incluídos, provén do século
XV. Desde entón, a devoción non decaeu. Aqueles que estiveron preto da morte
ofrécense a Xesús o Nazareno. Cirios e féretros son levados polos familiares e
un fervor que non tenta conterse, estremecen ata o máis escéptico. É todo un
canto ós limiares da morte que resulta impresionante.
No terceiro domingo de setembro, a Procesión das Mortallas sucumbe ante calquera
oficio ou quefacer dos pobrenses que acoden, con grande devoción, ante a imaxe
do Santísimo. Unha tradición tan singular como antiga na que a vida se antepón á
morte e esta só está presente nas grandes e pequenas caixas de madeira, coroadas
por crucifixos.
Sen embargo, a explicación é ben sinxela. Todos aqueles que estiveron a punto de
morrer encomendáronse a Xesús o
Nazareno, rogando pola súa salvación. Desta forma e coma agradecemento, o día da
procesión camiñan tras aquel que debía de ter sido o seu propio féretro, o cal é
levado polos seus familiares vestindo un hábito morado e portando un cirio moi
grande.
De tan particular ritual, aínda que non é o único de Galicia, deron boa conta
García Martí e Valle-Inclán. Este último pasou longas temporadas na vila
coruñesa (quen mesmo, nos preitos sobre as orixes do seu nacemento, chegou a
declarar que nacera na Pobra do Caramiñal, aínda que, posteriormente, logrouse
demostrar a súa procedencia de Vilagarcía de Arousa). E sen dúbida, da Procesión
das Mortallas, Ramón María do Valle-Inclán, debeu de recoller máis dun detalle
para os seus famosos esperpentos.
Preto da vida, preto da morte
O culto ó Xesús o Nazareno remontase na localidade de Pobra ó século XIV, pero
non hai constancia da Procesión das Mortallas ata o XV. Daquela, a bisbarra
estaba asediada por uns vándalos que utilizaban as serras para se agachar .
Tras facer prisioneiros a catro dos compoñentes do grupo de bandidos, en
vésperas da festa en honra do Nazareno, o alcalde maior da vila do Deán
condenounos a morte. Mais, Don Juan Linares, que así era o nome deste rexedor,
comezou a atoparse moi enfermo. Escoitando o repenique de campás na Pobra dende
o seu leito, rogou a Xesús pola salvación da súa alma.
Era o terceiro sábado de setembro e Juan Linares fixo que os seus criados
chamasen a un carpinteiro para que lle fixese con urxencia un féretro á súa
medida.
Ó día seguinte, durante a procesión, o alcalde, vestido coas súas mellores
galas, acompañou a imaxe de Xesús seguindo ó seu propio ataúde, que carrexaban
os catro reos.
Finalmente, ó chegar ó adro da igrexa, o alcalde perdoou a vida ós reos, non sen
antes increparlles polos seus delictos. Don Juan Linares quedou curado das súas
doenzas.
E esta, semella se-la orixe deste singular ritual que cada ano ten lugar en
Pobra do Caramiñal...

Fontes de información: Web da Diputación de A Coruña,
www.dicoruna.es, Turgalicia:
http://www.turgalicia.es
www.galespa.com.ar