Plácido Ramón Castro del Río
O humanista liberal e cosmopolita que mellor simboliza a universalidade do
nacionalismo galego
Fonte da información:
IGADI
, Instituto Galego de Documentación e Análise
Xulio Ríos
Introducción
Pola orixe familiar, a súa inmensa cultura e peculiar formación humana, Plácido
Ramón Castro del Río, cosmopolita militante, é, sen dúbida, unha figura senlleira do mundo galeguista.
Portela Valladares dixo del que tiña "calidades de astro". Era efectivamente un
home grande, de aspecto coidado, que destacaba a primeira vista polas súas
enormes dimensións físicas, proporcionais á sincera humanidade que exerceu a
cotío durante toda a súa vida.
Bo e xeneroso, o seu maior patrimonio foi sempre esa sensibilidade e sinxeleza
extraordinarias. Humilde e desinteresado, gozaba cos seus libros e as
literaturas preferidas. Unha enorme curiosidade empurrouno sempre a adentrarse
polos máis vastos campos da cultura ata o punto de desenvolverse
polifacéticamente en dominios aparentemente tan diversos como a música, a
astronomía ou a pintura. Escasamente coñecido, gozou sempre de grande audiencia
e respecto no seu medio. Sociable pero pouco falador, gostaba de medir unhas
palabras, seguidas con deferencia e atención por interlocutores receptivos,
pouco amigos como él das simples banalidades.
O xornalista Francisco Pablos realizou unha magnífica semblanza da súa
personalidade. "Aparecía inesperadamente", di. "Grande, voluminoso, rotundo.
Redonda a cara, sutil a mirada dos seus olliños claros. Gordechas e grandes as
mans, palpaban con amor a taza que levaban á boca para beber a grandes sorbos.
Dos bolsillos saían sempre montóns de libros". E continúa: "Era un galego
sorprendente. O mesmo facía un tratado sobre determinadas especies de bolboretas
que traducía poemas hindús ou persas dos séculos en que agrupaban as historias
que comporían mais tarde as universais Mil e Unha Noites... Inagotable e
exquisito, Plácido, sabedor de tódalas cousas, fonte formidable de citas e
erudicións, de coñecementos estraños, era un home do Renacemento.
Plácido exemplificaba a cor. Dos bolsos da súa chaqueta... saían bolígrafos que
escribían en verde ou en vermello. A súa vista cansada, ó descendente latir do
seu pulso, obrigabanlle a comezar a nota con rotundas maiúsculas e continuala
con sílabas ilexibles, amontonadas, formando palabras a trompicóns. Que ninguén
se imaxine desorde na súa mente. Todo o contrario. Daquelas apresuradas notas,
nacía despois o articulo insuperable, preciso, exquisito."
Así era Plácido R. Castro. Tolerante (Mariñas del Valle); cordial e sensible
(Diéguez Patiño); tan sencillo que procuraba sempre pasar desapercibido (Morales
Ben); calando o seu amplo saber, sen facer ostentación de nada (Antonio
Magariños).
Naceu en Corcubión un 25 de xaneiro de 1.902. Amigos e coñecidos, ignorantes da
grave enfermidade que o acompañaba nos ultimos tempos, vironse sorprendidos polo
seu inagardado falecemento un 17 de xullo de 1.967. Plácido nunca quixo
preocupar a ninguén. Contaba 65 anos. Profesor numerario de lingua inglesa no
Instituto Técnico de Ensino Medio de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), unhas
semanas antes con toda normalidade fixera entrega ós seus alumnos dos
respectivos cadernos de notas.
Era fillo de Plácido Castro Rivas e de Eufrasia del Río Recaman. O seu pai,
empresario de minas, armador de buques e abastecementos de carbón, foi
vice-cónsul de Suecia e Noruega en Corcubión. Por aquel entón, esta vila da
Costa da Morte, ruta obrigada dos peregrinos que durante a Idade Media despois
de visitar Compostela seguían rumbo ata Fisterra, era un porto de grande
importancia comercial, estratéxica e naval.
O pai de Plácido era un home liberal (foi deputado pola Coruña) e filántropo,
que adicou unha grande parte da súa considerable fortuna á realización de obras
benéficas. Coa condición de que fosen destinados a usos sociais, en 1928 doou
varios inmobles á Asociación de Periodistas de Madrid, entre os que se atopan as
casonas e a finca denominada "Castelo do Príncipe", unha fortificación do s.
XVII, sita na parroquia de Ameixenda en Cee, hoxe convertida en residencia
privada. En memoria do seu pai, en 1942, os fillos, Plácido e Hermitas, a súa
irmán, oito anos maior ca él, preferiron doar o Castelo de San Carlos para ser
convertido en Museo local, antes que ceder á chantaxe expropiadora do alcalde
franquista de Fisterra.
Naceu pois nun entorno familiar acomodado pero igualmente culto e humanista,
aberto e sensible tanto no plano cultural como social.
www.galespa.com.ar