|
O CAMIÑO DE SANTIAGO E AS PEREGRINACIÓNS
A Orixe
Os primeiros datos biográficos do Apóstolo Santiago proceden fundamentalmente
dos Evanxeos. Sabemos que era fillo
do Zebedeo e de Salomé e irmán de Xoán o Evanxelista. Respecto ó seu lugar de
nacemento, son varios os autores que o sitúan na localidade de Xaffa, preto de
Nazaret, na beira do lago de Xesenareth. O oficio familiar era a pesca, tarefa
na que estaban asociados ós irmáns Simón (San Pedro) e Andrés. Deste grupo de
pescadores Xesús elixiu os seus catro primeiros discípulos: Pedro, Andrés,
Santiago e Xoán, que o seguiron de forma enérxica e inmediata.
De entre tódolos discípulos que acompañaron a Xesús, este constituíu un grupo de
doce. Santiago, xunto co seu irmán Xoán, e máis Pedro, convértese nun dos
discípulos predilectos de Cristo; pertence ó grupo dos íntimos. Nos
acontecementos clave tómao como testemuña excepcional.
Santiago amósasenos como un home de carácter vehemente, apaixonado e impulsivo.
O ardor do fillo do Zebedeo é merecente de fortes reprimendas por parte de
Cristo, que lle pon o sobrenome de Bonaerge, "fillo do trono". A súa vehemencia
e perseverancia na predicación quedan recollidas no Códice Calixtino (século
XII), libro fundamental da tradición xacobea, que o cualifica de "santo de
admirable valor, benaventurado pola súa vida, asombroso polas súas virtudes, de
enxeño esclarecido, de brillante facundia".
PREDICACIÓN NA PENÍNSULA IBÉRICA
Santiago o Maior, trala crucifixión de Xesús, totalmente identificado coa súa
doutrina, converteuse no principal animador da comunidade de crentes en
Xerusalén, admirado polo fervor e a sinceridade das súas palabras. Crese que o
Apóstolo realizaría a viaxe de Palestina a España nalgunha destas embarcacións,
arribando na costa de Andalucía, terra na que comezou a súa predicación.
Continuou a súa misión evanxelizadora en Coímbra e Braga, e, segundo a
tradición, pasaría logo a Iria Flavia, na Fisterra hispánica, onde principiaría
a evanxelización, frecuentando lugares de culto pagán.
É no Breviario dos Apóstolos (fins do século VI) onde se lle atribúe por
primeira vez a Santiago a predicación en Hispania e nas rexións occidentais así
como o seu enterramento en Arca Marmórea, converténdose en instrumento
extraordinario de difusión da tradición apostólica. Posteriormente, xa na
segunda metade do século VII, un erudito monxe inglés chamado Beda o Venerable
constata de novo este feito na súa obra, e concreta, sorprendentemente, a
localización exacta do corpo do Apóstolo en Galicia.
As lendas populares recórdanno-la presencia de Santiago en cumes próximos o val
de Padrón, onde existía o culto ás augas. Ambrosio de Morales no século XVI, no
seu Viaxe Santo , di: "Subindo a montaña, na metade da ladeira, hai unha igrexa
na que din que oraba o Apóstolo e dicía misa, e debaixo do altar maior sae cara
a fóra da igrexa unha fonte con gran golpe de auga, a máis fría e delicada que
eu vin en Galicia". Ese lugar existe na actualidade e recibiu o cariñoso nome de
"O Santiaguiño do Monte". Un dos autores dos sermóns recollidos no Códice
Calixtino, aludindo á predicación de Santiago en Galicia, menciona "ó que van
venerar as xentes, Santiago, fillo do Zebedeo, da terra de Galicia envíao ó ceo
estrelado".
De volta a Terra Santa, sería a vía romana de Lugo o mellor camiño para cruza-la
Península, seguir por Astorga e Zaragoza, onde, abatido, Santiago recibe o
consolo e alento da Virxe, que se lle apareceu na beira do río Ebro, sobre un
piar romano de cuarzo, indicándolle que construíse unha igrexa naquel lugar.
Xa en Palestina, Santiago é parte integradora do conxunto básico da Igrexa
Primitiva de Xerusalén, co grupo dos "Doce", desempeñando un papel relevante
dentro da comunidade cristiá da Cidade Santa. Nun clima de gran inquietude
relixiosa, onde aumenta cada día o desexo de erradica-lo incipiente
cristianismo, temos noticia sobre como se lles prohibira ós apóstolos predicar
ós xudeus, pero Santiago, desestimando tal limitación, anunciaba a súa mensaxe
evanxelizadora a todo o pobo, entrando nas sinagogas e argumentando todo o
anunciado polos profetas. A súa gran locuacidade, a súa capacidade dialéctica e
o atractivo da súa personalidade sitúano como un dos apóstolos máis seguidos na
súa misión evanxelizadora.
Herodes Agripa, rei de Xudea, para cala-las protestas das autoridades
relixiosas, comprace-los xudeus e darlle un escarmento á comunidade cristiá,
escólleo como figura representativa e condénao a morte por decapitación no ano
44.
A TRASLACIÓN A GALICIA
Conta a tradición que dous dos discípulos de Santiago, Atanasio e Teodoro,
recolleron o seu corpo e a súa cabeza e trasladáronos nunha nave dende Xerusalén
ata Galicia. Logo de sete días de navegación arribaron nas costas galegas de
Iria Flavia, preto da actual vila de Padrón.
No relato do enterramento dos restos de Santiago, tinxido pola lenda, aparece
Lupa, unha dama pagá, rica e influente, que vivía daquela no castro Lupario ou
castro de Francos, a pouca distancia de Santiago. Os discípulos, que non tiñan
un terreo no que poder deposita-los restos do seu mestre, pídenlle permiso a
esta nobre matrona para enterralo no seu feudo, pero ela remíteos ó legado
romano Filotro, que residía en Dugium, preto de Fisterra. Sen atende-las súas
peticións, o gobernador romano ordena o seu encarceramento.
Segundo a lenda, os discípulos foron liberados, milagrosamente, por un anxo, e
emprenderon inmediatamente a súa fuga perseguidos polos soldados romanos. "
chegaren á Ponte de Ons ou Ponte Pías, sobre o río Tambre, unha vez atravesada,
esta afundiuse providencialmente e os fuxidos conseguiron escapar.
A chamada raíña Lupa, simulando un cambio de actitude, levounos ó Monte
Iliciano, hoxe coñecido como Pico Sacro, e ofreceulles bois salvaxes que vivían
alí en plena liberdade e mais un carro para transporta-los restos do Apóstolo
Santiago dende Padrón ata Santiago. Os discípulos achegáronse ós animais, que,
ante o asombro de Lupa, se deixaron poñe-lo xugo mansamente. Ante esta escena,
Lupa decide abandona-las súas crenzas e converterse ó cristianismo.
Cóntano-la tradición que os bois comezaron o seu camiño, sen ningún tipo de
guía, e instintivamente, movidos pola sede, pararon nun lugar no que, ó
escarvaren, lograron que abrollase a auga. É a actual fonte do Franco, xunto do
Colexio de Fonseca, lugar no que posteriormente se levantaría, como recordo, a
pequena capela do Apóstolo, na rúa santiaguesa do Franco. Os animais continuaron
o seu camiño ata chegar a un terreo, propiedade de Lupa, que o doou para a
construcción do monumento funerario, onde séculos máis tarde se levantaría a
catedral, centro espiritual que preside a cidade de Santiago.
UNHA PEREGRINACIÓN MILENARIA
Xa antes do descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago, multitude de homes
fixeron a ruta que vai ó
Finis Terre, e sentiron aquel "relixioso horror" ó ver apagarse o
sol nas augas do Océano, como lle aconteceu ó lexionario romano Décimo Xunio
Bruto, quen aseguraba que, ó se producir este feito, oíase un renxido coma o do
ferro cando o temperan na fragua.
Algúns aseguran que face-la Ruta ó Finis Terre formaba parte dos ritos da
"Antiga Relixión".
Pero a "chegada milagrosa" do corpo do Apóstolo Santiago, decapitado en
Palestina no ano 42, é a causa da peregrinación que hoxe coñecemos a terras
galegas. Conta a lenda que os seus discípulos roubaron o corpo do seu Mestre e
que despois o embarcaron nunha nave, anque sen tripulación, ou mellor dito, con
tripulación anxélica, e sete días despois da súa partida arribaron á
desembocadura do río Ulla, xa en terras galegas. Unha vez alí, os discípulos
tiveron serios problemas para enterra-lo seu Mestre por causa da Raíña Lupa e,
sobre todo, polo Rei Duio, declarado inimigo do cristianismo. Despois dunha
serie de feitos milagrosos, o Apóstolo quedou soterrado no que logo sería
Santiago e a Raíña Lupa convertida ó cristianismo.
A ORIXE DUNHA TRADICION
As continuas guerras, as incursións dos pobos suevos, godos, visigodos e
posteriormente a feroz conquista islámica do século VIII obrigaron ós cristiáns
a manter agochadas as reliquias de Santiago, protexidas e custodiadas, ó
parecer, polos ermitáns do lugar. Co paso dos anos vaise debilitando a memoria
do culto apostólico.
Logo destes tempos escuros, a conversión ó cristianismo do rei Recaredo, na
segunda metade do século VI, profundizou de novo no recordo da predicación
xacobea.
Durante o reinado de Afonso II o Casto (791-842), xa desaparecida a monarquía
visigoda, avanza a conquista dos musulmáns, que nunca dominaron a totalidade do
territorio peninsular. O seu labor político de islamización alternábase coa
loita por neutralizar algún núcleo independente. Nun principio, o Noroeste
peninsular, protexido pola sa abrupta xeografía así como por unha climatoloxía
nada agradable para as forzas islámicas, non lles debeu parecer ós
conquistadores árabes unha zona preocupante agás polo nacente culto a Santiago.
Aínda así, o pobo astur-galaico tivo que se enfrontar en numerosas ocasións cos
exércitos do emirato.
A comezos do século IX, nun contexto socio-político ateigado de necesidades
espirituais, intolerancia relixiosa e presións militares, ten lugar o
descubrimento do sepulcro apostólico, que podemos situar ó redor do ano 820.
Conta a tradición que un ermitán, de nome Paio, que vivía no lugar de Solovio
-onde está situada a igrexa de San Fiz de Solovio, na Compostela actual-, no
bosque Libredón, observou durante varias noites sucesivas uns resplandores ou
luminarias misteriosas que semellaban unha chuvia de estrelas sobre un montículo
do bosque.
Esta luz ou estrela reveladora da existencia da tumba apostólica convértese
noutro dos símbolos relacionados con Santiago e o culto xacobeo. Pero non é tan
só unha estrela; a pegada do Camiño de Santiago está marcada dende sempre na Vía
Láctea porque a sa dirección indica tamén a do camiñante cara a
Compostela, o que levou a referirse a esta
ruta como o
CAMIÑO DAS ESTRELAS.
Paio, abraiado por estas visións, presentouse perante o bispo diocesano
Teodomiro, que daquela rexía a sé de Iria Flavia, para comunicarlle o feito. O
bispo, ante a insistencia do ermitán, reuniu un pequeno séquito e dirixiuse
inmediatamente a Libredón. No medio do bosque, el mesmo puido contempla-lo
fenómeno relatado. Un forte resplandor iluminaba o lugar onde, entre a mesta
vexetación, atoparían un sepulcro de pedra no que repousaban tres corpos,
identificados como o de Santiago o Maior e os seus discípulos Teodoro e
Atanasio. O primeiro relato pormenorizado que se conserva sobre o descubrimento
é a Concordia de Antealtares, de 1077.
Teodemiro puxo de inmediato o feito en coñecemento do rei Afonso II, que acudiu
rapidamente dende Oviedo para visita-lo lugar e constata-la milagrosa
revelación. O rei Casto consideraba o cristianismo como un elemento catalizador
e unificador contra o Islam. O achado das reliquias do Apóstolo dentro dos
límites do seu reino constituía un poderoso instrumento político-relixioso que
fortalecía a igrexa astur-galaica fronte dos ataques islámicos e o expansionismo
carolinxio.
UNHA FIGURA CARISMÁTICA
O rei Afonso dá conta inmediatamente do descubrimento a Carlomagno, que se
presenta en Santiago co seu séquito. Isto é bastante improbable, dado que
Carlomagno morre no 814, pero forma parte da lenda. O feito é que a noticia se
estende por Europa con bastante rapidez e empezan os primeiros peregrinos a
chegar a este Locus Sanctus, o Campo da Estrela (Campus Stellae Compostela), a
traducción máis popularmente aceptada, onde os monxes gardaban algo moi
prezado, un corpo apostólico, que colocaba aquel lugar á altura de Antioquía,
Éfeso e a mesma Roma.
No primeiro tercio do século IX, cando a invasión musulmana está practicamente
consolidada e unicamente os reinos do norte se resisten á súa dominación, facía
falta unha figura que unificase a loita contra o inimigo común e que, á súa vez,
servise de apoio moral a esa importante acción histórica: Nas batallas, se os
mouros invocaban a Mahoma, os cristiáns a Santiago, e, así, aquel Santiago
humilde, amigo dos pobres, confiado no poder da palabra, converteuse nun
guerreiro -Santiago matamouros- que toma por primeira vez a espada o 23
de maio do 844 para axudar a Ramiro I de Asturias na batalla de Clavijo, contra
Abderramán II.
Desde entón presidirá as máis importantes batallas da Reconquista e pouco a
pouco os cristiáns van recuperando os seus dominios e converten Compostela no
principal foco de atracción espiritual do reino astur-leonés. Un fenómeno que,
co tempo, rivalizará con Roma e Xerusalén en poder de atracción, sendo o maior
centro de peregrinacións de toda a cristiandade.
BREVE HISTORIA DAS PEREGRINACIÓNS
Foron os monxes da poderosa orde de Cluny os principais promotores das
peregrinacións na Idade Media, peregrinacións que partían de tódolos lugares de
Europa e incluso de Oriente. Pero foi a partir do século XI, despois de que os
reis Sancho o Maior de Navarra e Afonso VI de León establecesen a traza do
Camiño Francés, cando o fenómeno das peregrinacións cobrou especial relevancia.
O camiño quedou definido daquela percorrendo basicamente ás numerosas vías
romanas que unían diferentes puntos da península. Pero ante o impresionante
fluxo humano, había que dota-lo Camiño da infraestructura necesaria para a
atención dos peregrinos, e fundáronse hospedaxes, creáronse hospitais e
cemiterios, erguéronse pontes, construíronse igrexas, instaláronse mosteiros e
abadías e, o máis importante, fundáronse infinidade de núcleos de poboación en
torno á ruta, constituíndo un legado histórico e artístico tan importante que
aínda hoxe é imposible valorar.
Neste mesmo século, un crego francés, Aymeric Picaud, presentou un libro
coñecido como Códex Calixtinus (que el fose o autor é máis que discutible), no
que xa describe o camiño francés e dá multitude de consellos para percorrelo; é,
sen dúbida, a primeira guía turística da humanidade.
A institución, polo Papa Calixto II, do Ano Santo Xacobeo, e polo seu sucesor,
Alexandre III (1159-1181), por medio da Bula Regis terna, do outorgamento da
gracia do Xubileo (Indulxencia plenaria) ós que visiten o templo compostelán nos
anos nos que o 25 de xullo (día de Santiago) coincidise en domingo, impulsaron
definitivamente as peregrinacións a Santiago durante a Idade Media.
No século XIV comeza un profundo declive, provocado tanto polas catástrofes que
asolaron a centuria (sobre todo a peste negra) como polas numerosas guerras nas
que se viu envolto o continente. Esta decadencia acrecentouse no século XVI: a
irrupción do protestantismo e as guerras de relixión foron a causa, así como a
ocultación dos restos do Apóstolo durante case 300 anos para evitar que caesen
nas mans dos piratas ingleses. Este proceso culminou no século XIX coa práctica
desaparición das peregrinacións. Comentan as crónicas que o 25 de xullo de 1867
a penas había corenta peregrinos na cidade de Compostela.
En 1878 o Papa León XIII expide unha Bula confirmando a autenticidade dos restos
reencontrados do Apóstolo, feito que fai rexurdi-las peregrinacións
paulatinamente ata chegar a 1993, último Ano Santo.
Actualmente, á marxe das motivacións relixiosas que lle deron vida, o interese
do Camiño céntrase nos seus aspectos artísticos e turísticos: no arquitectónico
(polo chamado estilo de peregrinación), na importantísima escultura románica (a
súa evolución pode seguirse ó longo da ruta ata desembocar no Pórtico da
Gloria), na pintura (plasmada no panteón de Santo Isidoro de León), e, en fin,
nos destacados alicientes turísticos: paisaxes, gastronomía, cultura, que ofrece
a milenaria ruta pola que pasaron personaxes tan notables como Fernán González,
O Cid, Luís VII de Francia, Eduardo I de Inglaterra, Xoán de Brienne (Rei de
Xerusalén), a Princesa sueca Ingrid, Isabel de Portugal, San Francisco de Asís,
o pintor flamengo Jan Van Eyck, Domingos de Guzmán, Reimundo Lulio, San Vicente
Ferrer e millóns anónimos que, sufrindo as innumerables dificultades do Camiño,
chegaron a Compostela simplemente para rezar e redimi-las penas.
Outros, como o X duque de Aquitania e conde de Poitou, viñeron morrer diante da
tumba do Apóstolo, como recolle o romance popular que inmortalizou a este nobre
francés co nome de Don Gaiferos.
A PRIMEIRA CONCIENCIA COMÚN DE EUROPA
A multisecular peregrinación xacobea a Compostela, a través do camiño de
Santiago, xerou desde o principio unha extraordinaria vitalidade espiritual,
cultural e económica; creou literatura, música, arte e historia, e pola súa
causa naceron cidades e vilas, edificáronse hospitais e albergues, xurdiron vías
comerciais e mercados, trazáronse camiños e pontes e alzáronse catedrais e
igrexas que elevaron a arte románica a un esplendor non acadado por outros
estilos.
O camiño foi crisol de culturas, transmisor de correntes e ideas por todo o
continente, encontro de pobos e linguas e eixo vertebrador da primeira
conciencia común de Europa.
Dixo Goethe que "Europa se fixo peregrinando a Compostela". Nos nosos días, o
Consello de Europa definiu o Camiño de Santiago como o Primeiro Itinerario
Cultural Europeo e a UNESCO declarou a cidade de Santiago de Compostela
Patrimonio Cultural da Humanidade.
O fenómeno xacobeo irradiou a súa influencia a todo o mundo. Baixo a advocación
de Santiago encóntranse infinidade de igrexas por toda a Terra e especialmente a
carón dos Camiños da Peregrinación. Denomínanse Santiago multitude de cidades e
vilas de Europa e doutros continentes; en América, o nome de Santiago designa
numerosas poboacións desde Estados Unidos ata Chile. Moitos Centros de Estudios
se dedican ó tema xacobeo, e, só no século XX, publicáronse máis de 600
traballos de especialistas en España, Francia, Italia, Alemaña, Reino Unido,
Bélxica, Portugal, Estados Unidos, Luxemburgo, Países Baixos, Suíza, ... e
incluso no Xapón.
OS CAMIÑOS
Camiño Francés
INTRODUCCIÓN HISTÓRICA
O Camiño Francés é o Camiño de Santiago con maior tradición histórica e o más
recoñecido internacionalmente. O trazado desta vía en España e Francia
está declarado pola UNESCO como Ben Patrimonio da Humanidade.
O itinerario desta rota a través do norte da Península Ibérica quedou fixado a
finais do s. XI, gracias ó labor constructivo e promocional de Sancho III o
Maior e Sancho Ramírez de Navarra e Aragón, así como de Afonso VI e os seus
sucesores en Castela, León e Galicia.
As principais vías deste itinerario en Francia e España foron descritas, cara o
1135, no Libro V do chamado "Codex Calixtinus", un texto fundamental da
tradición xacobea.
Das catro rotas coas que este itinerario conta en Francia, tres delas (París -
Tours, Vézelay - Limoges e Le Puy - Conques) cruzan os Pirineos por Roncesvalles
-Navarra-, mentres que o cuarto (Arlés - Toulouse) o fai por Somport e continúa
deica Jaca, por terras de Aragón. O itinerario de Roncesvalles, que cruza a
cidade de Pamplona, únese co aragonés en Puente la Reina (Navarra). A partir de
aquí, Estella, Logroño, Santo Domingo de la Calzada, Burgos, Castrojeriz,
Frómista, Carrión de los Condes, Sahagún, León, Astorga, Ponferrada, Villafranca
del Bierzo, xunto con outras moitas localidades menores, convértense en lugares
de renome deste itinerario xacobeo. O porto e a aldea do Cebreiro abren a
entrada a Galicia, a súa paisaxe e a súa cultura, que tanto lle debe á tumba do
Apóstolo e á peregrinación xacobea, que transformaron o bosque Libredón na
actual Compostela e os camiños de Galicia en rotas de espiritualidade, arte e
dinamismo cultural.
O Itinerario Galego de Aymeric Picaud
As referencias históricas máis precisas e antigas relativas ó Camiño Francés en
Galicia encóntranse, como se dicía, nunha das xoias bibliográficas da
Idade Media europea, conservada no Arquivo da Catedral de Santiago: o "Liber
Sancti Jacobi", popularmente coñecido como Códice Calixtino, composto por cinco
libros e varios documentos soltos. O Libro V constitúe unha auténtica guía
medieval da peregrinación a Santiago. Nela indícanse os treitos de Camiño que se
deben seguir e infórmase detalladamente sobre os santuarios da rota, a
hospitalidade, as xentes, a comida, as fontes e os costumes locais.
Todo está escrito coa síntese e claridade que necesita unha resposta práctica a
unha demanda concreta: a peregrinación a Santiago. Esta "guía" atribúese a
Aymerid Picaud, crego de Le Puy (Francia) familiarizado cos santuarios franceses
da rota e que tamén iría como peregrino a Compostela.
O traballo deste xeneroso xacobita por detalla-lo itinerario da peregrinación,
xeira tras xeira, ofrecéndo datos prácticos sobre cada lugar, responde á
política de promoción das peregrinacións xacobeas de Diego Xelmírez (1100-1140),
primeiro arcebispo de Compostela, e ó interese de moitas xentes letradas de
Europa que querían orienta-lo seu devoto camiñar cara ás afastadas terras onde
se lle rendía culto ó corpo do apóstolo que evanxelizou Occidente.
O relato de Aymeric Picaud detalla con máis precisión o Camiño Francés en
Galicia ca en ningunha outra parte. Referíndose a esta terra e ás súas xentes
di:
«Despois, pasada a terra de León e os portos do monte Irago e do monte Cebreiro,
atópase a terra dos galegos. Abunda en bosques, é agradable polos seus ríos,
polos seus prados e polas riquísimas maceiras, as súas boas froitas e as súas
clarísimas fontes; é rara en cidades, vilas e labradíos. Escasea en pan de trigo
e viño, abunda en pan de centeo e sidra, en gandos e cabalerías, en leite e mel
e en grandísimos e pequenos peixes de mar; é rica en ouro e prata, e en tecidos
e peles silvestres, e noutras riquezas, e sobre todo en tesouros sarracenos. Os
galegos, pois, acomódanse máis perfectamente ó noso pobo galo cás demais
poboacións españolas de atrasados costumes, pero son iracundos e moi
litixiosos.»
Camiño Norte
INTRODUCCIÓN HISTÓRICA
A orixe da peregrinación a Compostela polo Camiño do Norte, no límite
astur-galaico, remóntase ós momentos inmediatamente posteriores ó descubrimento
da tumba do Apóstolo Santiago (s. IX). Os camiños astur-galaicos foron
pioneiros en encarreirar peregrinos cara a Santiago. Esta ruta gozaba dunha
vitalidade semellante á dos demais camiños xacobeos "primitivos" antes de que,
nos séculos XI-XII, os monarcas hispanos potenciasen o Camiño Francés como
itinerario xacobeo privilexiado. Pero a promoción do Camiño Francés non produciu
a decadencia dos camiños de peregrinación astur-galaicos, xa que o treito León -
Oviedo potenciouse desde finais do s. XI.
En xeral, os peregrinos viñan por terra desde Francia, ou por mar, e recalaban
nos portos vascos, cántabros e galegos, procedentes de países europeos do norte.
Despois camiñaban ó encontro de San Salvador de Oviedo e do xubileo compostelán.
Para a entrada en Galicia había diferentes alternativas. Podíase cruzar en barca
desde Castropol ata Ribadeo -que recibía outros peregrinos por mar e contaba con
hospital- ou ben bordea-lo río Eo, que dispoñía de varias pontes, unha delas a
de Santiago de Abres. Estes pasos xeraban diferentes itinerarios en dirección a
Lourenzá, Mondoñedo e Lugo.
Hospitalidade e Peregrinación no Camiño do Norte
No barrio da Ponte, en Ribadeo, onde está a capela da Nosa Señora das Virtudes,
situábase o primeiro hospital galego da rota. Denominábase Hospital da Nosa
Señora da Ponte e foi fundado en 1543 para atende-los peregrinos chegados do
Reino de León e do Principado de Asturias. Iniciábase así, no Camiño do Norte, a
singular experiencia da acollida hospitalaria, mestura sensible de caridade
cristiá e asistencia filantrópica.
No mosteiro de Vilanova de Lourenzá recibían boa atención os peregrinos, pois os
benedictinos foron pioneiros neste tipo de atencións e caridades. O capítulo
LIII da Regra da Orde sintetiza magnificamente este sentimento: "Que tódolos
hóspedes que cheguen ó mosteiro sexan recibidos coma se fosen o mesmo Cristo". O
conde don Osorio Gutiérrez, fundador do cenobio, dedicou parte do seu testamento
á dotación de camas para a hospedería de pobres e peregrinos. Foi no ano 969, o
que acredita a vitalidade do Camiño Norte xa a mediados do s. X.
En Mondoñedo está documentada, desde 1602, a existencia do Hospital de San Paulo
para peregrinos que van a
Compostela. Nese ano, o bispo González de Samaniego infórmalle da súa existencia
ó Papa, advertindo que o centro de asistencia estaba ben dotado e que por el
pasaban moitos romeiros galegos e estranxeiros. O outro gran centro monástico da
rota é o de Sobrado dos Monxes. Trala súa refundación e incorporación ó Císter,
en 1142, converteuse nun dos cenobios máis importantes de Galicia en un dos máis
coñecidos polos peregrinos, ó que mesmo propiciou desvíos desde outros
itinerarios.
Entre os miles de xacobitas que peregrinaron a Santiago polo Camiño Norte, ó
longo dos séculos, destaca a figura de San Francisco de Asís. Segundo a
tradición, peregrinou a San Salvador de Oviedo e a Santiago de Compostela en
1214. A finais do s. XV o bispo armenio Mártir de Azerdjan, que sintetizou coma
ninguén o significado do Pórtico da Gloria no seu relato da peregrinación,
viaxou a Roma e Santiago. Tanto para a ida coma para a volta elixiu o Camiño
Norte, pasando polo País Vasco, Cantabria e Asturias. Do s. XVI existen dous
relatos de peregrinos que seguiron esa rota: Antonio Lalaing, señor de Montigny
(1502), e o italiano Bartolomeu Fontana (1539).
Durante o barroco tamén hai peregrinos que escribiron as súas experiencias.
Xacobe Sobieski (1611), pai do rei Xoán III de Polonia, peregrinou polo Camiño
Francés ata León, tomou o desvío a Oviedo e dirixiuse polo camiño da costa deica
Ribadeo, para seguir ata Santiago polo Camiño Norte. O italiano Sebastián Gatti
chegou en 1698 a Ribadeo por mar e continuou a pé ata Santiago.
O francés Guillerme Manier e os seus compañeiros de peregrinación (1726)
elixiron o Camiño Norte como itinerario de regreso a ultraportos. Por último, o
seu compatriota Jean Pierre Racq (1790), deixará un relato polo miúdo da súa
peregrinación a San Salvador de Oviedo e a Santiago de Compostela polo Camiño
Norte.
Camiño Inglés
INTRODUCCIÓN HISTÓRICA
Tódalas civilizacións posúen lugares considerados santos cara ós que dirixiron e
seguen a dirixi-los seus pasos millóns de persoas. Moitos destes peregrinos
emprenden camiño coa esperanza de acadar unha recompensa, tanto terreal coma
espiritual, mentres que outros abandonan a súa terra para cumprir unha promesa
ou saldar unha penitencia, pero o certo é que a devoción mantén vivas estas
correntes de peregrinación dende tempos inmemoriais.
Santiago de Compostela é, xunto con Xerusalén e Roma, un dos tres grandes
santuarios da cristiandade. Dende as
orixes do culto xacobeo, Galicia converteuse en meta de peregrinos procedentes
de tódolos puntos do mundo ata entón coñecido que, á procura do alento
espiritual do Apóstolo, poñían rumbo cara a aquel Finisterrae onde foran
atopados os restos de Santiago o Maior.
A corrente de peregrinación cara a Compostela abriu sendas de espiritualidade e
de cultura. Por terra ou por mar, as peregrinacións sucedéronse, aínda que con
altibaixos, dende a aparición do sepulcro apostólico no século IX ata os nosos
días. O trazado dos primeiros itinerarios respondía ás pouco precisas e, na
maioría das ocasións, inexactas informacións doutros camiñantes.
No caso dos que seguían as rutas marítimas, a escaseza de medios materiais e as
adversidades meteorolóxicas adoitaban complica-la relativamente curta travesía
dos barcos que arribaban ó norte da Península con peregrinos británicos,
escandinavos ou bretóns a bordo. Unha vez en terra, a última parte do seu
traxecto consistía en avanzar polos camiños reais que conducían a Santiago dende
a costa.
Nun principio, as igrexas e ermidas servíanlles de refuxio ós camiñantes, xa que
ata o Concilio de Trento non se ía impoñe-lo respecto sacral nestes recintos.
Ademais, o relato doutros peregrinos permitíalles saber qué mosteiros,
hospedarías e casas ofrecían os mellores alimentos e atencións, así coma os
lugares máis fatigosos do itinerario.
No seu aventurado e longo camiñar, que podía durar varios meses, o peregrino
padecía innumerables privacións, ademais de facerlles fronte ós ataques de feras
e bestas. Por se isto fose pouco, en moitas ocasións víase en mans de
salteadores preocupados en exceso por alixeira-lo peso das esportelas e
faldriqueiras nas que normalmente gardaban os cartos os viaxeiros que emprendían
tan penosa, aínda que sempre reconfortante empresa. Tampouco quedaban atrás
aqueles mesoneiros e mercadores sen conciencia que lles esixían tarifas abusivas
ou que minguaban a capacidade do azume sen o menor reparo.
Durante o apoxeo das peregrinacións a Compostela no século XII, aplicáronse unha
serie de disposicións reais de protección ó camiñante, ata ese momento moi
vulnerable. As duras penas por incumprimento destas bulas, salvoconductos e
provisións reais, que mesmo podían levar algúns condenados á forca,
xeneralizaron a esixencia de certificados para distingui-los peregrinos dos que
non o eran.
A hostilidade entre os diferentes Estados provocou, ademais, que os camiñantes
tivesen que se decantar por vías alternativas máis tranquilas naquelas épocas
nas que estes enfrontamentos aumentaban a inseguridade das rutas habituais cara
a Compostela. Este é o principal motivo da gran fluctuación das peregrinacións
marítimas, que aumentaban ou diminuían en función dos pactos e alianzas entre os
reinos de Castela, Inglaterra e Francia.
Entre as opcións elixidas polos peregrinos europeos que viaxaban en barco ata as
costas do norte peninsular, encóntrase a realidade da ruta xacobea que discorre
ben dende A Coruña, ben dende Ferrol-Neda ata Compostela. Neste último caso, o
camiño enriquecíase ó coincidir co que seguían os romeiros que visitaban San
Andrés de Teixido, así coma ó confluír en Betanzos cun dos itinerarios do Camiño
do Norte que, procedente de Oviedo, pasaba por Ribadeo, Mondoñedo e Vilalba,
punto no que algúns camiñantes se decidían por unha ruta alternativa que os
levaba ata o Santuario da Nosa Señora do Camiño, en Betanzos. Nesta vila unían
os seus pasos ós dos peregrinos que seguían o Camiño Real dende Pontedeume.
ESBOZOS
Os peregrinos que desembarcaban nas costas galegas víanse embargados pola
necesidade imperiosa de chegaren a Compostela. A primeira impresión que recibían
de Galicia adoitaba ser grata, coa suavidade das rías, os areais e unhas augas
máis sosegadas cás que os acompañaran durante a travesía do Gran Sol. As
caricias do Gulf Stream anunciábanlles, ademais, un clima oceánico temperado e
benigno con choivas abundantes.
Dende Ferrol, cun dos portos máis estratéxicos de Occidente e un deseño
urbanístico segundo os canons da máis culta Ilustración, ata a cidade da Coruña,
sempre ben defendida, o mar abríalle-las súas portas ós enclaves porteños dende
onde iniciaban a ruta terrestre os peregrinos que desembarcaban de navíos
ingleses, islandeses, daneses, noruegueses, flamengos, franceses...
Tratábase de embarcacións todoterreo, cocas e barcos de pouco calado que
accedían doadamente a calquera recanto, destinadas ó transporte de mercancías,
peregrinos e tropas. As noticias destas ancoraxes remóntanse ó século XI. As
vellas crónicas recollen, por exemplo, a travesía que o 15 de maio de 1189
emprenderon sesenta naves danesas dende Inglaterra ata o litoral coruñés. Os
cruzados que viaxaban a bordo fixeron escala en Galicia para visita-la tumba do
Apóstolo Santiago antes de poñer rumbo a Xerusalén. Unha das primeiras licencias
para transportar peregrinos ingleses ata as costas galegas está documentada pola
profesora británica Constance Mary Storrs e corresponde ó ano 1235.
Algúns dos viaxeiros do norte de Europa recalaban no porto de Ribadeo, onde se
unían ós peregrinos procedentes de Oviedo. Con frecuencia, ó chegaren a Vilalba,
seguían unha ruta alternativa cara a Betanzos para continuar dende alí a súa
peregrinación a Santiago. Estes camiños saben do paso de Robert Langton, nos
primeiros anos do século XV; de Mártir, bispo de Arzendjan (1491); de Antonio de
Lalaing, señor de Montigny, de Carlos de Lannoy e de Antonio de Quievarnts
(1502); do astrónomo Bartolomeo Fontana (1539), que sinala, no seu itinerario,o
seu paso por Ribadeo, Vilalba e Betanzos, vila á que se refire como “bittanza
cittá é porto di mare”; de Jacques Sobieski (1609), pai do rei Xoán III de
Polonia; e de Frei Martín Sarmiento (1745-1754), entre outros moitos peregrinos
de sona.
Dende calquera dos seus dous principais puntos de partida, o Camiño Inglés
conduce por lombas erosionadas ou montañas vellas cubertas de foresta, en xeral
a medio outeiro, esquivando os castros que coroan as alturas. O discorrer das
augas, que acompañan co seu rumor ó camiñante solitario, anuncia mananciais
naturais que brotan entre as rochas. Noutras ocasións, trátase de fontes con
frisos e caprichosas formas labradas en cantería.
A confluencia de vértices en Cabeza de Lobo (Ordes) alivia as dificultades do
ascenso, para dar paso a terras máis altas e chas nas que o camiño se amplía
entre soutos e carballeiras, que abeiran baixo a súa sombra ó peregrino na
primavera e no verán. Os casais, muíños, hórreos, oratorios, cruceiros, igrexas
e capelas acompañan o peregrino na súa viaxe: o bordón sérvelle de axuda para
continua-lo seu camiño coa esportela ó lombo, a faldriqueira ó cinto, a cuncha
no sombreiro e unha única meta: Santiago.
Entre o verde dos campos, con toda a súa amálgama de matices, ábrense carreiros
de terra e calzadas que salvan as correntes atravesando pontes empedradas de
seixo ou de pórfiro vermello, pedras axustadas a ámbolos dous lados por
ringleiras de pelouros, entre perpiaños graníticos erosionados polo paso dos
camiñantes. A medida que o camiño deixa as sosegadas terras baixas para penetrar
na montaña, a paisaxe enriquécese con amplos horizontes e grandiosas
perspectivas, como os que perfilou o poeta Robert Southey (1795) ante o
espectacular panorama do Portus Magnum Artabrorum, denominación xenérica coa que
os romanos agrupaban as rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol. Malia a ironía
e mordacidade coas que Southey relatou o seu paso pola Coruña e Galicia, compuxo
o seguinte poema inspirado na paisaxe destas rías:
Oh! What a sweep of landscape lies beneath me! hills on hills, And rock-pil’d
plains, and vallies bosom’d deep, And ocean’s dim inmensity, that fills The
ample gaze.
Ó seu paso polas Mariñas dos Condes e dos Frades, a ruta sublímase nas palabras
de Ziegler: “Un camiño de deuses”. Tampouco queda atrás a descrición de Antonio
de la Iglesia: “Verxel encantado ó que Deus lle concedeu a amenidade do
Xordán e a fertilidade do Hebrón”. O padre Sarmiento refírese ó tramo entre
Ponte Baxoi e A Ponte do Porco cando afirma que “este territorio intermedio é o
máis divertido á vista que se pode desexar”.
Os peregrinos que avanzaban por estas terras encontraban refuxio e amparo en
mosteiros e hospitais. Xa na fundación destes últimos quedaba determinada cál
era a súa principal función: “Refuxio, amparo, consolo e conveniencia... dos
peregrinos que pasaren por ela a logra-la devoción do Santo Apóstolo e dos seus
xubileos”.
Dende Ferrol ou dende A Coruña, o camiño facíase máis levadío gracias ó
establecemento da orde hospitalaria do Sancti Spiritus. A partir do século XIV,
os camiñantes atopaban ó seu paso por Pontedeume e Betanzos as fundacións, baixo
responsabilidade franciscana, de Fernán Pérez de Andrade “O Bo”. Tamén os
acompañaban na súa viaxe cara a Compostela varios hospitais e hospedarías do
Espírito Santo: os de Ferrol e Neda, outros menores en Miño, o de Guende en
Paderne, o da Anunciata e San Antonio en Betanzos, e o de San Lorenzo en Bruma,
todos eles no tramo que parte do porto de Ferrol. Os peregrinos que
desembarcaban na Coruña contaban nesa cidade cos hospitais dos Ángeles, Santa
Catalina e San Andrés, e cos de Sigrás e Poulo a medida que avanzaban na súa
ruta.
Algunhas destas edificacións dispoñían, ademais, de capela e cemiterio. Os seus
arquivos dan conta de natalicios, pero sobre todo de defuncións de peregrinos
ingleses, nórdicos, alemáns, franceses e italianos.
Nos lugares máis estratéxicos desta zona eleváronse torres de defensa que, aínda
hoxe, conservan a esencia das vilas e cidades señoriais polas que transcorre a
viaxe cara a Compostela dende o noroeste de Galicia.
Á riqueza espiritual, histórica e artística do Camiño Inglés, haille que engadir
tamén a súa variedade gastronómica: o pan de Neda e Carral; o polbo á miñense, a
tortilla de Betanzos, o cocido con repolo de Souto, o lacón con grelos de Ordes,
a troita de Sigüeiro, o queixo de tetilla de Mesía... Unha cociña sen
artificios, baseada na excelente calidade das súas materias primas.
Camiño Portugués
NOTAS HISTÓRICAS
1.1.- Predicación e translación do Apóstolo
Os vínculos do Camiño Portugués con Santiago o Maior comezan pola súa
predicación na Península Ibérica. Diversoshistoriadores tudenses reflicten a
tradición inmemorial que sitúa aSantiago como evanxelizador de Tui, punto de
entrada desta rota xacobea en Galicia. Santiago incluso designaría a un dos seus
discípulos, San Epitafio, como o primeiro prelado tudense.
Pero é Padrón, nesta mesma rota, o principal teatro da predicación do Apóstolo
no nordeste peninsular. Así se evidencia, sobre todo, no promontorio de
Santiaguiño do Monte, lugar no que o peregrino pode atopar pegadas que -sempre
según a tradición- lembra os seus milagres e pisadas.
Pero máis importante aínda cá estancia de Santiago en vida nestas terras é a
viaxe que realizou despois de morto, coñecida pola tradición como a "Traslatio".
A translación do corpo de Santiago o Maior -desde Palestina a Galicia cara o ano
44 d.C.- está contida no "Codex Calixtinus" (Libro III, Capítulo I) e na
"Historia Compostelana", dos textos fundamentais do acervo xacobeo.
Según estes textos, a nave transporta o corpo do Apóstolo Santiago, tras navegar
polo Mediterráneo e costa portuguesa, desembarca en Padrón. Desde aquí, despois
de suxeita-la barca a un pedrón que se conserva baixo o altar da igrexa
padronesa de Santiago, os dos discípulos que custodian o corpo sofren toda clase
de persecucións e axexos, particularmente da pagá raíña Lupa, que ten un pazo
que a lenda sitúa no Castro Lupario, moi preto do actual Camiño e da propia
cidade de Santigo.
Finalmente, os discípulos conseguirán continua-lo seu camiño, vía romana
adiante, ata chegar ó bosque de Libredón e dar sepultura ó corpo do Apóstolo, no
que é actualmente a cidade de Santiago.
1.2.- Portugal e o Camiño
Exemplo temperanísimo do culto a Santiago na Península Ibérica sería o famoso (e
controvertido) epígrafe (s. IX) da igrexa portuguesa de Castelo de Neiva, cunha
dedicatoria ó Apóstolo feita polo bispo Nausto de Coímbra.
A reconquista portuguesa deu lugar a que, como en Castela, as mesnadas de don
Afonso Henriques invocaran a Santiago antes e durante o combate. Santiago
cabaleiro tamén realiza os seus milagres na vella Lusitania contribuíndo á toma
de Coímbra (s. XI) e, como en Clavijo, pelexando como un guerreiro máis na
batalla de Ourique.
A influencia inglesa en Portugal vai substituíndo o culto a Santiago, a finais
do s. XIV, polo de San Xorxe. Pero no norte do país nunca desapareceu a devoción
xacobea. O Cancioneiro da Ajuda dá boa mostra diso. E tamén os máis de cen
albergues (Misericordias) sitos ó norte de Coímbra, que sempre reflectiron o
paso de peregrinos. E, por suposto, as máis de duascentas parroquias postas
baixo a advocación de Santiago en todo o país.
Reis e raíñas lusitanos mostraron o interese xacobeo da corte lusa ó emprenderen
en persoa a peregrinación. Así o fixeron don Manuel o Afortunado e a Raína
Santa, Isabel de Portugal, que peregrinou a Compostela en dúas ocasións, unha
delas (1335), segundo conta a tradición, de incógnito.
Santa Isabel, unha aragonesa filla de Pedro III de Aragón e Constanza de Sicilia
e neta de Xaime o Conquistador, casada ós doce anos co monarca Dinís, o célebre
rei-poeta de múltiples cantigas de amigo, é unha das mulleres máis singulares da
época (ss.XIII-XIV), especialmente pola súa capacidade negociadora e
pacificadora. Está enterrada no convento de Santa Clara de Coímbra, por ela
fundado, e a súa devoción xacobea quedou ben patente ó querer ser enterrada con
indumentaria xacobeo e bordón de peregrino.
1.3.- A hospitalidade
O Camiño Portugués, como auténtico río que a través dos séculos contemplou un
continuo fluír de peregrinos, sobre todo de peregrinos humildes, non podía
deixar de dispor dunha rede hospitalaria tanto no territorio portugués coma ó
longo do percorrido galego.
Ímonos deter nos hospitais situados na rota principal, Tui-Compostela, pero sen
esquecer que noutras rotas, consideradas como secundarias, tamén se lle daba
acollida ó peregrino.
En Tui, o antigo hospital situábase no casarón do actual Museo Diocesano, con
fachada á praza da catedral. Ávila y la Cueva destaca que “é tanta a súa
antigüidade que non garda memoria ningunha da súa fundación”.
A importante encrucillada de camiños que foi e é Porriño contaba xa en 1569 cun
pequeno hospital, situado preto do Concello. Dos seus avatares temos noticias
por unha manda testamentaria outorgada por Alonso Arias de Saavedra.
A máis antiga lembranza da existencia dun hospital en Redondela é de 1502,
situándoo nas inmediacións da Igrexa de Santiago. Confirma a ausencia de
hospital anterior a esta data o relato do peregrino alemán Xerónimo Münzer, que
chega en 1494 a Redondela e ten que se albergar na casa dun compatriota ó non
atopar ningún albergue. As actas das visitas pastorais fálannos da humildísima
dotación deste hospital.
Por manda de Tareixa Pérez Fiota (16 de xullo de 1439) fúndase o hospital
pontevedrés de Corpo de Deus, logo de Corpus Christi. En 1597 será totalmente
reconstruído por fundación do tenente de alcalde Alonso Maza, encargándose da
súa administración os irmáns de San Juan de Dios.
Caldas de Reis tivo hospital propiedade da Mitra. O peregrino Xoán Bautista
Confalonieri relátanos que se hospedou nun bo albergue, con moitos cuartos,
engadindo que existía, ademais, un lazareto.
A Leprosería de San Lázaro de Regueiro ocupaba en Pontecesures un lugar onde
hoxe se sitúa a nova parroquia. Pero é Padrón, coas continuas idas e vidas de
romeiros, o que impulsou ó prelado Rodrigo de Luna a doar un terreo, o 22 de
abril de 1456, para construír un hospital.
Xoán de Vigo, franciscano de Herbón, estaba xa en 1458 como capelán, nunha
tradición de atención ó peregrino que os monxes de Herbón seguirán practicando
de xeito admirable ata os nosos días.
Vía da Prata
INTRODUCCIÓN HISTÓRICA
O Camiño do Sudleste-Vía da Plata é a ruta xacobea galega de maior percorrido.
Pasa por terras das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, de gran
diversidade e riqueza xeográfica e ecolóxica e cun cuantioso patrimonio
histórico-artístico. Polo seu dilatado trazado presenta algunhas alternativas e
diversos accesos a Galicia desde o nordeste de Portugal e a través da cunca do
Sil, entrada tradicional a Galicia desde a Antigüidade.
Este Camiño é unha prolongación da calzada romana denominada Vía da Prata, que
comunicaba as cidades de Emerita
Augusta (Mérida) con Asturica Augusta (Astorga) cruzando de sur a norte o oeste
peninsular e salvando os cauces dos ríos Texo e Douro. A vía romana trazaríase
entre estas dúas importantes cidades hispanas do Imperio, aproveitando camiños
máis antigos. Na alta idade media este camiño mantívose vivo, primeiro durante o
período hispanovisigodo e despois baixo a dominación islámica andalusí.
A denominación “Vía da Prata” deriva, precisamente, do sentido etimolóxico do
orixinal árabe "Bal’latta", termo co que os musulmáns do al-Andalus designaron
aquela ancha vía pública, empedrada e de sólido trazado que se encamiñaba cara ó
norte cristián. Esta ruta foi empregada, en parte, como camiño para a infantería
cordobesa na aceifa que Almanzor dirixiu contra Santiago de Compostela no verán
de 997. "Vía da Prata" non fai referencia, xa que logo, a nada que teña que ver
coa explotación ou comercio do metal precioso.
Na Baixa Idade Media este camiño foi cristianizado de novo polos mozárabes do
al-Andalus, que puideron viaxar e peregrinar a Compostela con maiores
facilidades trala conquista de Sevilla e de Córdoba polo rei Fernando III o
Santo. O episodio da devolución das campás de Santiago á cidade compostelán,
despois de que foran roubadas por Almanzor en Compostela (997) e trasladadas a
Córdoba, relaciónase, como se pode imaxinar, coa Vía da Prata. O camiño Córdoba
- Compostela iniciaba con esta devolución -un acto simbólico de singular
significado- un novo período.
A partir de mediados do s. XIII, esta vía sur-norte foi reutilizada
espontaneamente polos peregrinos xacobeos procedentes de Andalucía e de
Estremadura. Uns continuaban ata Astorga, enlazando co Camiño Francés. Outros,
sen embargo, tomaban a Compostela pola desviación de Puebla de Sanabria - A
Gudiña - Laza / Verín - Ourense - Santiago, que facía o camiño máis curto e
rectilíneo, mentres que algúns atravesaban o nordeste de Portugal, cara a
Bragança ou Chaves, entrando polo sur da provincia de Ourense cara a Verín, para
seguir ata Ourense por Laza ou por Xinzo de Limia. O treito A Gudiña - A Serra
Seca - Santiago de Campo Becerros - Laza - Ourense (A Verea Sur) mantivo tamén a
súa vitalidade en sentido contrario, camiño de Castela, polos galegos que
marchaban a traballar ás segas da meseta.
Deste modo foise consolidando unha corrente peregrinatoria procedente do
recristianizado sur peninsular, conducida por unha pequena rede de itinerarios
xacobeos. Na provincia de Ourense conformouse o Camiño de Santiago do Sueste, un
camiño no que conflúen dous itinerarios: a continuación da Vía da Prata e os
Camiños Portugueses de Bragança e Chaves. Desde a capital auriense o Camiño de
Santiago continúa cara a San Cristovo de Cea. Habería peregrinos que buscarían a
hospitalidade monástica da abadía de Oseira, mentres que outros se apresurarían
para chegaren a Dozón. Desde alí o Camiño segue cara a Lalín, Silleda e Ponte
Ulla, aproximándose a Santiago case á sombra do Pico Sacro.
Hospitalidade e Peregrinación na Rota do Sueste - Vía
da Prata
A hospitalidade no Camiño de Santiago é unha das características máis notables
da sensibilidade espertada polas peregrinacións xacobeas. Unha vez remataban a
peregrinación ó santuario compostelán, os peregrinos regresaban ó seu lugar de
orixe e reuníanse en confrarías que tiñan por obxecto coidar do Camiño,
facilitar información e axudarlles a prepara-la viaxe ós futuros xacobitas.
Entre os viaxeiros máis famosos que empregaron esta rota para chegar a Santiago
destacan o Gran Capitán, don Gonzalo Fernández de Córdoba, que peregrinou
devotamente a Compostela cumprindo unha promesa, e Santo Toribio de Mogroviejo,
licenciado en cánones pola Universidade de Santiago en 1568 e futuro arcebispo
de Lima.
A testemuña solidaria das confrarías de peregrinos, común a toda Europa, tamén
se viviu arredor da Vía da Prata. Trátase da Irmandade da Nosa Señora da
Carballeda, tamén chamada “Hermandad de los Falifos”, establecida na localidade
zamorana de Rionegro el Puente. A documentación pontificia do s. XVI referida a
esta confraría cita, de xeito concluínte, as dedicacións dos seus devotos
compoñentes: os confrades “falifos” reparaban as pontes, limpaban os malos
camiños e atendían os hospitais da rota onde se hospedaban os peregrinos que se
dirixían a Compostela.
Os principais hospitais de peregrinos da provincia de Ourense atópanse en
Xunqueira de Ambía, Verín, Monterrei, Allariz e Ourense. O primeiro coñécese por
documentación dos anos 1520-1540, gardada no Arquivo Histórico Provincial de
Ourense, na que se cita a don Alonso de Piña como fundador do hospital de
peregrinos de Xunqueira de Ambía. Situado nas inmediacións do centro monástico,
este hospital tiña capacidade para acoller e atender cen peregrinos nacionais e
estranxeiros. En Verín estaba o hospital de San Lázaro. O de Monterrei aínda
conserva a súa portada coa data de fundación (1429), aínda que se sabe que a
hospitalidade da alberguería condal existía desde 1320.
Do hospital de Allariz, situado no casco histórico e fundado entre os ss.
XIII-XIV, aínda se conserva o vello edificio con emblemas xacobeos gravados no
rexo perpiaño da súa fachada. Un documento de 1678 afirma que lles ofrecía cama
e comida durante dous días ós peregrinos xacobeos procedentes de León, Castela e
Portugal. Na cidade de Ourense era o hospital de San Roque, situado no predio da
actual Alameda do Concello, o centro asistencial que atendía enfermos, pobres e
peregrinos. A súa elegante portada renacentista aínda se conserva na Praza da
Trindade. O seu frontón clasicista atesoura unha imaxe de Santiago Peregrino.
Máis ó norte, na provincia de Pontevedra, destaca a capela do Espírito Santo e o
hospitaliño da Estrada, onde en 1589 o veciño estradense don Juan González de
Figueroa doou no seu testamento unha casa para que lles servira de hospicio ós
peregrinos que se dirixían a visitar ó Apóstolo.
Tamén hai que ter en conta a hospitalidade monástica desenvolvida nesta rota
xacobea, especialmente na abadía de Santa María de Oseira. Nos seus claustros e
no seu hospital, a orixe das cales remóntase a finais do s. XII, atenderon os
monxes cistercienses de Oseira a numerosos peregrinos que se dirixían a
Compostela. En canto ás ordes militares que coidaban do Camiño do Sueste, hai
que falar da Orde de Santiago no itinerario de Laza - Xunqueira - Ourense.
A encomenda santiaguista de Barra protexía o camiño de peregrinación no treito
que vai desde Codesedo, ó pé do Monte Talariño, ata Vilar de Gumareites, en
termos dos actuais municipios de Sarreaus e Vilar de Barrio. A Orde de San Xoán
de Xerusalén (posteriormente, de Malta) tivo un priorado en Allariz desde 1170
para coida-la ponte de Vilanova. Consérvase a súa fermosa igrexa románica de
finais do s. XII, formando un conxunto monumental coa ponte medieval. Os
cabaleiros da Orde do Temple situáronse en Santa Mariña de Augas Santas e
comezaron a levanta-la súa igrexa sobre o “forno da santa”.
Fisterra - Muxía
O CULTO XACOBEO NA ÁREA DA ANTIGA “FINISTERRAE”
A relación da área xeográfica da antiga Finisterrae co culto xacobeo quedou
establecida pouco despois do descubrimento da tumba apostólica. Tradicións
locais, se cadra xa de época sueva (ss. V-VI), apuntan cara a relación do
Apóstolo Santiago con esta zona. No s. XI aparecen novas versións sobre o
sentido desa presencia e a mediados da seguinte centuria quedará fixada a
versión definitiva no "Códice Calixtino" (Libro III). Deste xeito, Fisterra
permanece integrada de forma sólida no circuíto europeo da peregrinación
xacobea.
As diversas versións do traslado do corpo de Santiago a Galicia mencionan a
cidade pagá de Dugium (Duio), que tivo asento no istmo de Fisterra e da que
desapareceron diversos vestixios.
Segundo o Calixtino, unha vez desembarcados os discípulos do Zebedeo en Padrón,
Lupa, raíña daquela terra, envíaos a Duio para que o legado romano lles conceda
o permiso para enterrar ó Apóstolo. Este, con intención de matalos, encarcéraos,
pero son liberados por un anxo e foxen. Cando están a punto de ser alcanzados
polos soldados que os perseguen, cruzan a ponte de Nicraria (identificada coa
ponte romana de Ons, hoxe baixo as augas do encoro Barrié de la Maza), que se
derruba, providencialmente, ó pasa-la tropa.
Na veciña Muxía ocorre algo semellante, pero aquí a tradición engade un elemento
novo: unha aparición en carne mortal da Virxe (na cruz, Cristo encomendoulla a
Xoán, o irmán de Santiago). A tradición integra tamén elementos pagás
característicos da zona, en particular os relacionados coas pedras, que quedan
así cristianizados e dan testemuña dos prodixios. Pero en ámbolos casos a
devoción dos romeiros concéntrase en dúas imaxes do culto chegadas do mar: o
Cristo de Fisterra, dun patetismo case humano, e unha pequena imaxe da Virxe, en
Muxía.
A Nosa Señora da Barca e o Santo Cristo de Fisterra
Na Punta da Barca (Muxía), alomenos tres santuarios se sucederon ó longo da
historia. O último, iniciado en 1716 polos condes de Frigilana e Aguilar e
concluído polos condes de Maceda, que foron sepultados no seu interior, segue
enmarcado por un contorno de bravía e impresionante beleza e conserva as pedras
(de Abalar, dos Cadrís, cos seus poderes curativos do reuma, e do Temón) que a
tradición asocia co casco, a vela e o temón da barca de pedra que trouxo á Virxe
a esta terra para, do mesmo xeito ca en Zaragoza, darlle folgos ó Apóstolo na
súa tarefa evanxelizadora.
O feito devocional e a propia peregrinación compleméntanse cunha gran romaría no
mes de setembro (primeiro domingo despois do día 8). A coroación canónica de
agosto de 1947 contribuíu, sen dúbida, a realza-lo culto. O templo, moi sobrio e
rematado na presente centuria con dúas torres, amosa no seu interior un soberbio
retablo barroco de Miguel de Romay, presidido polo camarín da Virxe. A talla
gótica está colocada nunha barca guiada por dous anxos, na que tamén figura un
Santiago orante.
Do Santo Cristo de Fisterra, do que se di que chegou por mar despois de ser
arrebolado por un barco durante unha treboada, cabe indicar que é unha valiosa
talla gótica do s. XIV, equivalente á de Ourense, que é unha copia mandada facer
polo bispo Vasco Pérez Mariño, natural de Fisterra. Como a aquel, aplicáronselle
determinados atributos humanos: sudoración e crecemento do pelo e das unllas. O
licenciado Molina cualificaba o Cristo de "tan maravilloso y de tan gran
devoción que se dize no hacerle ventaja el de Ourense", e engade que a el
"acuden los más romeros que vienen al Apóstol", pois este era un dos motivos
para se achegar "á fin do mundo".
Pero a igrexa de Santa María das Areas, ademais da capela barroca do Santo
Cristo (1695), cun retablo de Miguel de Romay, e a renacentista da Virxe do
Carme, con retablo tamén barroco, conserva un importante patrimonio gótico. A
capela maior (s. XIV) garda a imaxe pétrea da Virxe, unha interesante peza do s.
XVI e, na entrada, un precioso Santiago Peregrino, algo posterior. A capela da
Quinta Angustia e de San Miguel, de finais do s. XV, está adosada ó muro da
Epístola e a de Santa Lucía, do s. XIII, flanquea, xunto coa do Carme, unha
interesante porta exterior de estilo gótico tardío. Aínda que a portada
principal é románica, no exterior predomina o gótico mariñeiro. A torre das
campás é do s. XVI. A capela do actual cemiterio, moi reformada, pertenceu ó
antigo hospital de peregrinos, fundado no s. XV. Da mesma época é o precioso
cruceiro gótico levantado ó pé da estrada.
A festa do Santo Cristo, declarada de Interese Turístico Nacional, celébrase en
Semana Santa. Desde o xoves teñen lugar as escenificacións da Paixón (lavatorio
de pés, procesión do Nazareno, Desencravado e Santo Enterro), pero alcanza a súa
apoteose o domingo de Pascua coa Resurrección, bailándose, como colofón, a
antiga Danza das Areas. Nas representacións interveñen veciños de Fisterra e
algunha delas é seguida por miles de fieis.
Diarios de Peregrinación
A prolongación a Fisterra e Muxía é, tralo Camiño Francés, o itinerario con máis
referencias na literatura odepórica. A Xorxe Grissaphan, cabaleiro maxiar do
século XIV, debémoslle o relato máis temperán desta rota nas súas "Visiones
Georgii". Tras chegar a Compostela como peregrino, desexoso de permanecer en
Galicia como eremita foi informado dun "lugar moi solitario, deserto e afastado
notablemente dos homes e das súas vivendas, situado entre montes
altísimos que case ninguén frecuentaba". Trátase do Monte de San Guillerme, no
cabo Fisterra. Sen embargo, e despois de cinco meses, tivo que marchar por seren
moitos os que o visitaban -algúns, con seguridade, peregrinos-.
A finais da idade media abundan as relacións, como por exemplo a de Nompar II, o
señor de Caumont (1417), que pasou por Morañas e fala de San Guillerme "do
deserto". Outro tanto cabe dicir de Sebastián Ilsung, de Augsburg, en 1446, o
primeiro que menciona Muxía. Un anónimo alemán (mediados do s. XV), que en
Fisterra contemplou "a cadeira de pedra desde a que Santiago, Pedro e Xoán
ollaban o mar", proporciónanos un curioso debuxo da ermida e das pedras de
Muxía. A finais do s. XV, o polaco Nicolás Popielovo, que parte sen dilación de
Compostela a Muxía, describe o "barco esnaquizado, feito de pura pedra" no que
navegou a Virxe, que a pesar do tamaño do seu mastro podía moverse cunha man. De
aquí foi a Fisterra, onde na súa igrexa se ganaba entón a indulxencia plenaria.
Tamén é do s. XV o relato de Martir, bispo de Armenia, que atopa aquí ó
"vakner", un estraño animal selvático, grande e moi maligno.
Entrado o s. XVI, o veneciano Bartolomeu Fontana visita Muxía e Fisterra,
seguindo de forma inusual, desde A Coruña, a Costa da Morte (1539). Indica que
os libres de pecado mortal poderán mover cun dedo a pedra do navío de Muxía,
como o fixo el mesmo, e que todos deben pasar baixo o casco (pedra dos Cadrís) e
darlle tres voltas á ermida. En Fisterra recorda o hospital e fala dos guías que
conducían ós peregrinos ata a ermida de San Guillerme. Doménico Laffi, o erudito
clérigo boloñés catro veces peregrino, en 1673 achegouse tamén a Fisterra, onde
menciona a igrexa de Santa María e o fanal con lume para orienta-los navegantes.
O seu compatriota, o franciscano Bonafede Vanti, foi a Fisterra e Muxía,
copiando no santuario mariano unha relación dos milagres da Nosa Señora da
Barca.
Nestes relatos son frecuentes as referencias ó Monte de San Guillerme e á súa
ermida, hoxe desaparecida e con restos ós que se asociaba a fecundidade. En 1745
o Padre Sarmiento escribe : "No hace mucho tiempo, había una pila o cama de
piedra en la que se echaban marido y mujer que, por estériles, recurrían al
Santo y a aquella ermita".
Ruta Marítima
INTRODUCCIÓN HISTÓRICA
A rota marítimo-fluvial pola ría da Arousa e o río Ulla conmemora a chegada a
Galicia, por mar, según a tradición, do corpo do Apóstolo Santiago o Maior,
tralo seu martirio en Xerusalén no ano 44. Santiago foi mariñeiro e pescador de
Galilea, apóstolo de Cristo, evanxelizador de Occidente e mártir. O episodio da
súa morte, ordenada por Herodes Agripa, recóllese en "Os feitos dos Apóstolos",
de San Lucas.
Antigas tradicións cristiás, reforzadas por varios textos medievais, aseguran
que varios dos seus discípulos recolleron o corpo de Santiago, amortallárono e
trasladárono ata a costa palestina. No porto de Jaffa, un barco posiblemente
mercante (unha interesante hipótese expón o caso dunha "Barca ou Barco de Pedra"
destinado ó comercio regular de mineral de estaño con Oriente) trasladouno, a
través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica, ata os confíns de
Occidente: un dos lugares onde predicara o Evanxeo.
Os restos do Apóstolo entraron en Galicia pola ría de Arousa e remontaron o río
Ulla, arribando á cidade romana de Iria Flavia (Padrón). O texto máis importante
que narra a Translatio do corpo apostólico, desde Jaffa a Iria e desde alí ó seu
lugar de enterramento, en Compostela, é o célebre Liber Sancti Jacobi, "Códice
Calixtino", Libro III, capítulo 1.
Polas tradicións orais e os textos medievais que recolleron o acontecemento,
sabemos que, despois dunha longa viaxe, iniciada no extremo oriental do
Mediterráneo e concluída no Occidente do mundo coñecido, Santiago reencontrábase
definitivamente coa terra onde difundira o seu legado evanxélico. Parece
significativo que a representación máis antiga da barca apostólica co corpo de
Santiago apareza nunha moeda do século XII achada en Adro Vello (O Grove, ría de
Arousa).
Os discípulos que acompañaron o corpo de Santiago ata Galicia, Teodoro e
Anastasio, tiveron que usa-lo seu enxeño ó se enfrontaren coa teima da raíña
Lupa e coa furia dos romanos acantonados na cidade de Dugium, próxima a
Fisterra. Pero ó final venceron os perigos e lograron un lugar digno que servise
de enterramento ó seu mestre. O lugar elixido para situa-lo Sepulcro xacobeo,
nas inmediacións dunha encrucillada de camiños, quedou cuberto durante séculos
pola maleza do bosque Libredón. Este silencio quedou roto no século IX, cando o
monxe eremita Paio e o bispo de Iria Teodomiro descobre a preciada tumba e, coa
axuda do rei Alfonso II o Casto, reorganizaran e relanzan o culto a Santiago o
Maior.
A "traslatio", ó longo da ruta marítima do Apóstolo, sege sendo un acontecemento
vivo que as xentes de Arousa e Ulla rememoran anualmente. A finais de xullo ou
principios de agosto de cada ano, o Comité de Alcaldes desta rota xacobea (hoxe
"Fundación Rota Xacobea do Mar de Arousa e Ulla") en colaboración con
Autoridades da Mariña, a igrexa de Santiago de Padrón e armadores e pescadores
da zona, organizan tódolos anos unha procesión marítimo-fluvial que arriba a
Pontecesures e Padrón (varias deceas de barcos cheos de público), onde ten lugar
un acto relixioso.
Camiño Primitivo
INTRODUCCIÓN HISTÓRICA
O denominado Camiño Primitivo de peregrinación a Compostela foi utilizado polos
primeiros devotos procedentes de Oviedo, a capital do Asturorum Regnum, e das
terras máis orientais do territorio astur-galaico. Trátase, en rigor, do
primeiro camiño xacobeo que, posiblemente, conduciu ó propio Afonso II o Casto
ata a tumba do Apóstolo, no primeiro
tercio do s. IX. Este monarca peregrino auspiciou a fundación da primeira
basílica xacobea compostelá e organizou o culto apostólilco, coa axuda do bispo
Teodomiro de Iria, outorgando doazóns e incentivando o establecemento dunha
comunidade monástica (Antealtares) que atendese as demandas do culto no altar de
Santiago.
Outro rei astur, Afonso III, reemprazará esta primeira basílica compostelá por
outra de pedra de perpiaño e peregrinará varias veces ata a tumba do Apóstolo
facendo grandes doazóns, entre elas a célebre cruz votiva, desaparecida en 1907.
Esta rota de Oviedo a Santiago foi itinerario seguro e frecuentado ata ben
entrado o s. X, en que se consolida o actual Camiño Francés desde León, a nova
capital do Reino. Pero, aínda despois, seguiu a ser unha importante alternativa,
especialmente polo valor espiritual que se outorgaba á extraordinaria colección
de reliquias da Cámara Santa de San Salvador de Oviedo, así como ás
peculiaridades da Catedral de Lugo, coa súa exposición permanente do Santísimo.
Da importancia deste Camiño dan fe os numerosos hospitais da cidade de Lugo, e
os seis ,algúns moi vencellados ó Camiño, do municipio de Burón, hoxe A
Fonsagrada.

FONTE DA INFORMACIÓN: Web do Xacobeo,
www.xacobeo.es
Estes textos están publicados coa autorización expresa da
Consellería
de Cultura, Comunicación Social
e Turismo da
Xunta de Galicia.
Volver a:
Compostela e o Camiño de Santiago
www.galespa.com.ar
|