A muller galega
Mulleres, nais, fillas, mozas, labregas, marisqueiras...
Mulleres que todo o facían cun sorriso nos beizos, mulleres que traballaban de
sol a sol nas eiras, sementando e recollendo os froitos da terra, cruzando os
montes neses chuviosos días de inverno, lavando roupa á beira do río, camiñando
pola lama coa pesada carga ó lombo entre a brétema e o frío que chegaba ata ós
osos, cociñando ricas comidas co pouco que tiñan...
Mulleres que traballaban fóra e dentro da casa,
usando a gadaña e o fouciño nas tareas agrícolas coas mesmas mans que acunaban
ós fillos,
cun canto de berce á calor da lareira.
Mulleres que todo o facían cantando,
que daban todo polos demais,
mulleres fortes por fóra pero cun corazón moi grande por dentro,
viúvas de vivos e viúvas de mortos.
Mulleres que viron partir ós seus homes e fillos á emigración, quedando ó
coidado das casas, esperando días e anos as cartas que traían as noticias de
América,
deses seres amados que en moitos casos non viron nunca máis.
Mulleres que deron a vida polos seus seres queridos, pola súa terra, polos seus
fogares.
Muller galega que non sei o teu nome, porque tes miles deles...
Muller, nai, filla, moza, labrega, marisqueira...
Para ti o meu recoñecemento e o meu recordo, para ti a miña sinxela homenaxe

"Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tés, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tés corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará".
ROSALÍA DE CASTRO, "FOLLAS NOVAS", 1880.-
FOTO:
Consuelo Groba Porto: unha das miñas bisavoas. Ela non emigrou, naceu e
morreu en guláns, ponteareas, onde hoxe repousa para sempre.
Mónica B. suárez groba
www.galespa.com.ar