Memorial de Mártires - por Avelino Abuín de Tembra
(publicado
15 de agosto de 2002)
O amencer do 17 de agosto de 1936 constitúe unha das páxinas máis tristes da
historia contemporánea de Galicia. O asasinato de Alexandre Bóveda foi un dos
momentos máis dolorosas da vida de Galicia. A sesenta e seis anos de distancia,
a figura de Bóveda ten cada día máis admiradores e devotos. Se as décadas
oitenta e noventa foron as da recuperación de Castelao, habería que dispoñer o
necesario para que o 2003 resultase o ano da definiva recuperación de Alexandre
Bóveda. No 2003 cúmprese o centenario do seu nacemento. Mal que ben, os
organismos públicos foron aceptando a Castelao. Incluso loado e aclamado en
ángulos oficiais, que serían hoxe os seus adversarios máis acérrimos. Bóveda, en
cambio, mantense marxinado a toda costa. Algúns concellos tomaron a iniciativa
do desagravio e rehabilitación. Ou a petición de que o seu proceso sexa
revocado. Ninguén responde. Ninguén entende a necesidade que Galicia posúe de
que Bóveda sexa elevado á homenaxe que o país lle debe. Agora que están de moda
os itinerarios culturais e literarios, sería oportuno crear, tamén, o itinerario
de Alexandre Bóveda. Desde a derradeira chegada a Pontevedra. Ou desde que o
prenderon o 20 de xullo de 1936. Polo monte Fracha de San Martiño de Xustáns,
onde se lle quería aplicar a lei de fugas. Na prisión de Pontecaldelas. No
cárcere de Caldas de Reis. No calvario de Poio e da Caeira. Máis que itinerario,
víacrucis. Se Bóveda morrese no bando sublevado, hoxe sería un santo seguramente
colocado nos altares. Claro que a sociedade civil galega non necesita santos de
igrexa para proseguir a súa causa. Necesita exemplos humanos de valor
permanente. Necesita guieiros. Necesita fachos iluminadores. Bóveda é un deles.
Bóveda coñecerá toda a gratitude de Galicia no 2003.
Non se pode glosar a figura de Bóveda sen aludir a Castelao. Nin viceversa.
Precisamente Castelao dixo de Bóveda as
palabras máis acertadas e limpas para o amigo e colaborador. ¿Quen foi
colaborador de quen? ¿Bóveda de Castelao? ¿Castelao de Bóveda? Tanto monta. En
‘Sempre en Galiza’ Castelao escribiu de Bóveda moitas cousas boas. Destaca este
parágrafo: "A miña saudade aínda quixo visitar devotamente os moitos
cemiterios de Galicia onde dormen os derradeiros Mártires da Liberdade, en
número incontable. A miña imaxinación viu unha fogueira en cada cemiterio, como
outros tantos clamores de xustiza. Pero no de Pontevedra viu unha labarada que
chegaba ata o ceo. Era o lume do espírito de Bóveda, que non figura na Santa
Compaña dos inmortais, porque non pertence á Historia senón á Tradición, en
aroma de lenda. Bóveda terá de ser nun mañá próximo ou lonxano, a bandeira da
nosa Redención". ¡Martir da Liberdade! ¡Bandeira da nosa Redención! ¡Que
fermosos eloxios de Castelao na Alba de Gloria! ¿Acaso chegou ou está a chegar
ese mañá da Redención do que falara Castelao? ¿Será o 2003 o ano da Redención de
Galicia para coincidir co Ano de Bóveda? ¿Que se pode facer para impedir ou
evitar a indiferencia das institucións públicas e privadas? ¿Proclamar o Ano
Institucional de Alexandre Bóveda, como se fixo con Castelao ou Murguía, por só
citar dous casos ben recentes? ¿Reducir os ámbitos da celebración a determinadas
forzas políticas, por lícito e lexítimo que sexa? ¿Non acadará Galicia un pouco
máis de conscienciación na reivindicación dos seus dereitos? ¿É Bóveda un
estorbo para certos próceres? ¿É Bóveda unha voz que lle lembra á cidadanía uns
episodios cheos de iniquidades e atropelos? ¿Que diría hoxe Alexandre Bóveda
desta Galicia que tanto nos doe?
Castelao fala de ‘Mártires da Liberdade, en número incontable’. Á mente do
cronista ven outros episodios de sacrificio e inmolación que acaso se poidan
recordar coa sagrada evocación de Alexandre Bóveda. Aqueles mártires ofrendados
á civilización ó longo da guerra civil. En Galicia a guerra civil foi
especialmente dura na retagarda de vilas e cidades. Represión e vinganza
promovidas por tipos aberrantes e monstruosos. Abxectos, infames e malvados. Hai
segredos que eses executores levaron á tumba. O sistema de ameazas que xeou o
corazón da xente, especialmente do pago rural. Dicíanlles ós fillos: "Teu pai
foi un mal home, un comunista, un masón, un ateo, un vendido a Rusia". Así, unha
e outra vez, ata o aborrecemento. Eso explica que nalgunhas familias, o pai, a
víctima, fose executada polos propios sicarios do seu fillo. O método empregado
coa esposa-nai era a intimidación: Ou calas ou correrás a mesma sorte. Hoxe van
revelándose algúns enigmas. O herdeiros e testemuñas están decididos a contar
cousas. Non para vindicar, senón para recuperar o nome dos proxenitores
calumniados e sacrificados. Entran en escena os netos e os bisnetos, liberados
totalmente das secuelas da guerra civil. Todas as guerras civís son crueis e
inhumanas. Concluído o conflicto, os vencedores elaboran un plan reparador para
curar feridas e ofensas. O plan pode durar cinco ou seis anos. En España, non.
Non só se afondou no enfrontamento radical de ideoloxías e doutrinas, senón que
se impuxo o silencio do medo e do terror. O plan de represalias e castigos durou
en España catro décadas. A solidariedade era un vocábulo maldito e prohibido.
Deixounos marcados para sempre.
Xunto a Bóveda hai unha serie de persoeiros e preclaros fillos do país que
padeceron o martirio pola liberdade e as nobres causas de Galicia. Por onde
pasaron deiraron ronseis de ben e altruísmo. Sementaron o amor e a xenerosidade.
Se houbese que inscribilos a todos baixo un epígrafe común para un presunto
santoral civil, o epígrafe sería: Alexandre Bóveda e compañeiros mártires. A
festa cidadá, o 17 de agosto. Bautizado oportunamente como o Día da Galicia
Mártir. Bramaba Arcadio López Casanova no soneto ‘Prego por Galicia no cabo dun
ano’: "Unha vendima máis e cantas levas, / muda terra no pranto encarcerada;
/ un pouso máis de sombra en ti calada / segues aínda, Galicia, entrelas trevas"...
Arcadio López Casanova escribía estes versos en 1967. Compróbose que pouco
variou o panorama.

Os persoeiros e preclaros fillos que padeceron o martirio pola liberdade e
as nobres causas de Galicia son case infinitos. A maioría, anónimos. A
advocación do martiroloxio ‘Alexandre Bóveda e compañeiros mártires’ podería
situarse o 17 dos espléndidos agostos de Galicia. Erguerlles a todos eles un
monumento de gratitude parece labor fundamental. No curuto dun monte simbólico
como o Pico Sagro ou o Pedroso. O Aloia. O Lobeira de Arousa ou o Xiabre. Desde
onde se puidese contemplar a súa estampa branca de paz e convivencia. Na base do
enorme monolito deberían figurar os nomes de todos os mártires de 1936-37-38.
Cada ano, no Día da Galicia Mártir, acudiría a cidadanía para rememorar a súa
fama e crédito. As súas proezas benfeitoras. Non se trata de empresas ou fazañas
realizadas exclusivamente no nome de Galicia, que tamén as hai. Ben se sabe e
comprende que numerosos mártires non morreron especificamente por Galicia.
Morreron polo progreso e polo futuro. Morreron por profesar unha doutrina.
Morreron por defender un ideal. Morreron por lles abrir un camiño de esperanza á
súa xente. Morreron por ser fieis a uns principios e a un credo nos que
confiaban. Morreron contra a opresión. Contra a escravitude, a submisión, a
tiranía. Acaso neses atributos radique a transcendencia que nos debe atinxir a
todos hoxe. A sesenta e seis anos de distancia.
O cronista pide perdón por citar tantos nomes benqueridos e omitir outros
dos que carece de noticia. En todo caso, sería o persoal tributo de reverencia e
amizade. Loor para os dous protomártires, Camilo Díaz Baliño e Sixto Aguirre,
asasinados tras un periplo de preludio infernal, nunha paraxe de San Mamede de
Coence, Palas de Rei. Era o amencer do 14 de agosto de 1936. Loor para Ánxel
Casal Gosenxe, asasinado en Cacheiras, Teo, o 19 de agosto de 1936. Loor para
Xoán Xesús González, canteiro de Cerqueril-Cuntis. Mestre, xornalista e
dirixente sindical. Fundador da ‘Unión Socialista Galega’. González, prodixio de
superación, púxose á fronte dos mineiros de Lousame para marchar sobre a Coruña.
Tiveron que retroceder. Asasinado nas tapias de Boisaca o 21 de agosto. Xoán
Xesús González é autor de varias novelas, entre elas, unha curiosísima titulada
‘A modelo de Paco Asorey’, publicada en 1933. Loor para Narciso Vidal Fraga, de
Padrón. Avogado e profesor de Lóxica e Psicoloxía. Presidente do Centro
Republicano de Santiago. Asasinado. Para Andrés Rey Baltar, de Padrón.
Asasinado. Para Francisco Carballo, gobernador civil da Coruña. Asasinado. Para
Adolfo ‘O Carabinero’, de Padrón. Asasinado. Para Ramón Carbia, alcalde de
Valga. Asasinado.
Para os curmáns Insua de Rianxo, Manuel Rodríguez Castelao e Xosé Losada
Castelao, de Rianxo, sadicamente mortos no bou Eva, no peirao de Vigo, en 1937.
Asasinados. Para Xaime Quintanilla Martínez, alcalde de Ferrol. Un médico
ilustre e popular, paseado o 17 de agosto de 1936. Asasinado. Para Matías Useo
Torrente, sacerdote, amigo e compañeiro de Quintanilla, singular protagonista da
vida de Ferrol. Fusilado o 20 de agosto. Asasinado.
Loor eterno para Amancio Caamaño, presidente da Deputación de Pontevedra,
amigo de Bóveda e Castelao. Asasinado. Loor tamén para Víctor Casas Rey,
administrador de ‘A Nosa Terra’. Liberado do PG. Fusilado o 12 de novembro de
1936 na Caeira-Poio. Asasinado. Para Paulo Novás, mestre da Escola Graduada de
Pontevedra. Asasinado. Para Gonzalo Martín March, compañeiro do anterior na
Graduada de Pontevedra e gobernador civil de Ourense, executado o 10 de
setembro. Asasinado. Para Ramiro Paz e Poza Covas, ambos de Pontevedra.
Asasinados. Para o dentista Svasky, que se oufanaba da súa ascendencia rusa.
Asasinado. Para Xoán Carballeira, poeta e xornalista, alcalde de Bueu.
Asasinado. Para Jorge Echeverri, médico e alcalde de Cangas do Morrazo.
Asasinado. Para Telmo Bernárdez, médico, alcalde de Redondela. Asasinado. Loor
para Henrique Heraclio Botana e Eugenio Arbones Castellanzuelo, deputados nas
Constituíntes de 1931, fusilados en Vigo. Asasinados. Para José Gómez Osorio,
secretario da UXT e derradeiro gobernador civil republicano de Madrid, fusilado
na capital de España. Asasinado. Para Henrique Blein, alcalde de Vigo.
Asasinado. Para Martín Echegaray, fillo do propietario da illa de Toralla.
Asasinado. Para Modesto Pasín, fillo do famoso tallista de Santiago. Asasinado.
Para os Listes de Calo, irmáns do xeneral. Asasinados. Para O Nécoras, personaxe
popularísimo e revolucionario. Dormía bébedo a carón da vía do tren e alí foi
rematado polas costas. Asasinado. Para o poeta e xornalista Roberto Blanco
Torres, gobernador civil de Palencia. Executado o 2 de outubro de 1936.
Asasinado.
Loor eterno para Darío Álvarez Limeses, poeta e xornalista, fusilado tras un
xuizo sumarísimo na madrugada do 30 de outubro de 1936. Para Xerardo Álvarez
Limeses, irmán de Darío. Asasinados. Para Andrés Dourado Ces, alias Eduardo o
Barbeiro, rematado en Santa María de Xanza-Valga. Para O Calador, a quen lle
aplicaron a lei de fugas na Escravitude-Padrón. Asasinado. Para Manuel Lustres
Rivas, vergonzosa e infamemente esquecido polo consistorio de Santa Uxía de
Ribeira. Xornalista, contertulio e biógrafo de Castelao e amigo de Vicente
Risco. Fusilado en Vigo en outubro de 1936. Asasinado. Estes son os mártires a
quen se dedica esta memoria nas laudes funerais pero gloriosas de Alexandre
Bóveda. Faltan aquí infinidade de mártires galegos de 1936. Non é posible
incluílos nesta apresurada relación porque, entre outras causas, carece o
cronista de noticias.
"Infinita moitedume de luciñas e vagalumes o que nós fomos, o que nós somos
e o que nós seremos sempre, sempre", como quería Castelao.
Na lembranza dos Mártires de Galicia, a ‘Canción de amor á Terra’, de Darío Xoán
Cabana que remata:
"¡Terra ó carón e lonxe desde sempre,
filla e nai dos labregos que te labran!
¡Terra humana, ferida e latexante,
terra de promisión nunca acadada!"...
* Fte: GaliciaViva - Memorial de mártires - "Publicado o: dia 15 do
AGOSTO do ano 2002 CET"