Entre 1619 e 1628 numerosas mulleres de Cangas (Pontevedra) foron xulgadas
polo Tribunal do Santo Oficio (Inquisición) por suposta "bruxería". Hoxe en
día sabemos que aquelas desgraciadas, que acabaron confesando atrocidades a
forza de espantosos tormentos, foron en realidade víctimas dunha invención
dos
inquisidores.
A "caza de bruxas" estivo directamente provocada polo emprobecemento
xeral que seguíu á invasión turca de 1617. A pequena nobreza víu descender
as súas rendas de xeito alarmante, polo que buscou por tódolos medios os
recursos necesarios para mante-lo seu nivel de vida. A Inquisición,
integrada case exclusivamente por membros deste grupo social, foi un eficaz
medio para logra-lo seu propósito.
Escudo de la Inquisición
O obxectivo primordial era arrebatar a certas persoas os seus "dereitos de
presentación" en capelas e freguesías. Consistía este dereito en que os
sucesores do fundador dunha igrexa podían propoñer ó seu titular cando
quedase vacante, e á súa vez participar dos beneficios que aquela xerase.
Para disimular o seu reprobable propósito, mesturaron algunas que si os
posuían con outras que eran "pobres de solemnidade". Moitas delas atopábanse
totalmente desamparadas, por ter quedado viúvas tralos tristes sucesos de
1617.
Este foi o caso da máis famosa das supostas "meigas" de Cangas, ou polo
menos a que máis trascendeu do seu tempo, inmortalizada en cantares como o
que di:
“polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía
ai que soliña quedaches
María, María Soliña"
Esta cantiga parece indicarnos que as xentes a lembraron, maís que como
maléfica e perniciosa bruxa, como unha pobre e desgraciadísima muller,
reflexo de tódolos sufrimentos do pobo.
María Soliña, posuidora de dereitos de presentación en Aldán e Moaña, entrou
nos cárceres secretos da Inquisición no 1621. Todo o proceso foi dirixido a
demostrar que esta inofensiva muller gozaba de poderes demoníacos, capaces
de provocar incontables males, e que entregara a súa alma ó diaño. Pero
foron as propias confesións de María Soliña, provocadas polo suplicio, as
que chegaron a roza-lo paroxismo. Asegurou ser bruxa dende había máis de 20
anos, e ter tido actos nefandos co demo durante longo tempo, o cal se lle
aparecía en forma de home.
E
mentres isto declaraba, María Soliña suplicaba clemencia ó Tribunal e
proclamaba o seu arrepentimento, pois aseguraba que xamais renegara de
corazón de Noso Señor, senón só de palabra. Todo isto revela a desesperación
anímica desta muller, como consecuencia dunha terrible tortura física e
psicolóxica. O 23 de xaneiro de 1622 chegou por fin a sentencia.
Foi condenada cunha confiscación de bens, debendo porta-lo hábito
penitencial durante medio ano. Non sabemos se chegou a cumprir toda a pena,
pois probablemente a súa vida non durou moito máis. As secuelas físicas do
tormento non podían deixar de notarse nunha muller de 70 anos de idade. A
súa acta de defunción non foi atopada aínda. Tal vez algún día descubramos
onde repousan os seus castigados restos.
Outras moitas "bruxas" foron xulgadas durante estes anos. Mulleres como
Catalina de la Iglesia, que confesou ter matado a cinco criaturas. Ou como
Elvira Martínez, Teresa Pérez, María dos Santos,…estas pobres infelices
merecen o respeto dos heroes anónimos dun pobo que houbo de sufrir,
estoicamente, os abusos e a avaricia infame dus poucos. Tal vez próximas
investigacións aporten nova luz sobre as súas vidas, pero a memoria
colectiva as lembrará non como meigas, senón como o que realmente foron,
persoas de carne e óso, con tódalas súas miserias e grandezas.
www.galespa.com.ar