|
BIOGRAFÍA
DE MANUEL MURGUÍA
Naceu o 17 de maio de 1833 en Arteixo. Foron seus pais o
farmacéutico compostelán Juan Martínez Castro e a guipuscoana
Concepción Murguía Egaña.
Seu pai traslada a botica e a residencia a Santiago. Entre 1843
e 1848 estudia latín e humanidades e en 1850 obtén o grao de
bacharel en filosofía pola universidade compostelá.
No Liceo da Xuventude, coñeceu a Aurelio Aguirre, Eduardo
Pondal, Rosalía de Castro e o máis inquedo da mocidade
compostelá e alí formouse a súa mentalidade progresista e a súa
vocación literaria. A primeira novela, Desde el cielo, escríbea
cando tiña 17 anos, pero non tardou moito en descubri-la súa
verdadeira vocación, a de historiador.
En 1853 marcha a Madrid, coñece a Rosalía e publica unha crítica
de La Flor, o primeiro libro de poemas da escritora. En 1858
casan e froito do matrimonio naceranlles sete fillos: Alexandra,
Aura, Gala, Ovidio, Amara, Adriano e Valentina. A vida do
matrimonio foi bastante azarosa por cousa dos altibaixos
económicos derivados da inseguridade no traballo, os cambios
continuos de domicilio, as frecuentes separacións, e a delicada
saúde dela que a obrigaban a pasar longas tempadas en Santiago
ou en Padrón. Estaban unidos, sen embargo pola defensa dos
valores galegos, a vocación literaria e os intereses
intelectuais. Non se pode esquecer que foi Murguía o que prestou
maior apoio e alento á obra literaria da súa muller.
A partir de 1859 instálase en Galicia onde dirixe Diario de La
Coruña. Aquí permanecerá ata a súa morte, agás dúas breves
estadías en Simancas e Madrid. En 1861 celébranse na Coruña os
Xogos Florais. Os poemas recóllense ó ano seguinte no Álbum de
la Caridad.
Desde 1860 dedícase ós estudios históricos e en 1865 publica o
tomo I da Historia de Galicia, ó que seguirá o tomo II en 1866,
precedido dun discurso considerado a primeira pedra do
nacionalismo galego no plano conceptual.
Murguía pertence ó grupo dos historiadores románticos galegos,
que reivindican os dereitos históricos de Galicia. A súa
historiografía está orientada a amosa-la antigüidade e a
lexitimidade do especificamente galego en tódalas ordes, a
defini-lo ser de Galicia a partir da súa historia. Para iso
combina os seus presupostos románticos coa súa actitude política
liberal-progresista ata culminar nos escritos propiamente
rexionalistas de 1888-1891. Galicia constitúe unha nación, cun
conxunto de caracteres propios e distintos ós das demais
nacións.
En 1868 ingresa no corpo de arquiveiros e é destinado a Simancas
e en 1870 é nomeado xefe do Arquivo Xeral de Galicia. Participa
no lanzamento da revista La Ilustración Gallega y Asturiana da
que foi director. Nesta época iníciase a relación entre Murguía
e o Centro Galego da Habana.
En 1885 publica Los Precursores e é nomeado Cronista Oficial do
Reino de Galicia. Nese mesmo ano morre Rosalía.
A finais de 1890 constitúese a primeira organización política da
historia do galeguismo, a Asociación Rexionalista Galega, da que
Murguía é nomeado presidente e publícase o primeiro número do
voceiro da asociación, La Patria Gallega. Neste mesmo ano ten
lugar a translación dos restos mortais de Rosalía.
En 1892 é destinado á Biblioteca da Universidade de Santiago. Un
ano despois é trasladado ó Arquivo da Delegación de Facenda da
Coruña, onde permanece ata a xubilación en 1905.
Nese mesmo ano fúndase a Real Academia Galega. A sesión
inaugural tivo lugar o 30 de setembro no salón da Reunión de
Artesáns da Coruña, baixo a presidencia de Murguía, cargo que
exerceu ata a súa morte.
O 17 de maio de 1913 réndeselle na Coruña unha magna homenaxe co
gallo do oitenta aniversario do seu nacemento. En 1916 nacen as
Irmandades da Fala e dous anos máis tarde ten lugar en Lugo a I
Asemblea Nacionalista. Morre o un de febreiro de 1923.
Foille dedicado o Día das Letras Galegas no ano 2000.
(Extraído
de Justo González Beramendi: "Murguía" en Gran Enciclopedia
Gallega)
|