|
A festa do Magosto
No mes de
Novembro, a castaña recupera a importancia que o
millo e a pataca lle arrebataron nas lareiras galegas hai varios séculos.
Nestes días rendeselle culto, é o Magosto.
INTRODUCCIÓN
O aire das frías noites do 1 e o 11 de novembro levou sempre en Galicia
o recendo das castañas asadas. O
Magosto era o tempo que os
galegos reservaban para honra-las colleitas, despois do equinoccio, un
costume que nestes últimos anos se intenta recuperar.
Proclamada de novo raíña, o queixume da castaña mentres é cociñada convida
a compartir con familiares e amigos as horas nocturnas alumeados polas
faíscas da lareira e a luz das lapas baixo o ceo raso.
Ó rito que acompaña a noite no lle falta de nada. Festa de mozos e mozas,
eles traen o viño tinto novo -o primeiro da colleita do ano-, mentres
elas xuntan os froitos.
Para asalas colocase sobre o chan a foupa -agulla de piñeiro, toxo o
loureiro- e enriba dispóñense as castañas, que serán cubertas por un
novo manto de foupa. Cando está preparado, préndese o lume na capa de
abaixo, que será a que sinale o ritmo da celebración, e en canto se
apaguen as lapas indicará que as castañas están listas para comer. Con
viño -nalgúns sitios adozado con mel-, chourizos e pan remata o
suculento menú, e a sobremesa póñena os xogos, os contos de ánimas e
monstros e a latricada.
Os nenos non faltarán ó seu divertido costume: collerán un puño de cinza e
tisnarán as caras uns a outros, chanza que repetirán logo cos adultos.
Entre carreiriñas, berros, tonas de castaña, anacos de chourizo, charlas
e grolos irá transcorrendo calma unha noite especial que, doutra volta
en torno ó lume, tenta irmandar ó galego cuns devanceiros ós que segue
unido polo vencello da tradición.
Di o refrán: "Por san Martiño faise o magosto
con castañas asadas e viño ou mosto".
Novembro representa, en terras galegas, o tempo do Magosto e o comezo da
temporada da matanza do porco.
Por
San Martiño
celébranse reunións en casas e barrios durante as que se comen castañas
asadas
acompañadas por chourizos e polo primeiro viño tinto da colleita do
ano.
Tradicionalmente, os galegos facían esta festa, na que aparecía tamén o
compoñente purificador do lume, para honrar as colleitas. En tempos
pasados o banquete remataba con lendas e contos fantásticos relatados
polos maiores, e os cativos tisnábanse uns a outros a face coa borralla
do lume.
A ORIXE DO TERMO
Hai varias teorías sobre a orixe do seu nome: mentres uns coidan que vén
do latín
"magus ustus" algo así co significado
"gran fogueira", outros especialistas pensan que
"Magosto" deriva do latín
"magro" coa equivalencia de grande, con
algo de "magus", máxico o feiticeiro.....
A ORIXE DA FESTA
É unha festa de orixe pagá que logo foi cristianizada, e, como tódalas
festas de carácter agrario, pode situarse na Prehistoria, cando o ser
humano vai adquirindo consciencia individual e social . É unha
festividade relacionada co culto á fecundidade; de aí a súa relación
directa co lume, representando ó sol, deus fecundador da terra.
Trátase tamén dunha comida comunitaria e ritual que reforza os vencellos
comunitarios do mundo rural, galego; ten un carácter alegre e de acción
de gracias polos froitos recolleitos, así coma de homenaxe ós
castiñeiros e as castañas.
Con posterioridade foi asociada ós santos e defuntos, por iso se festexa o
1 de novembro, por ser unha comida que simboliza a morte do ciclo solar
anual. Máis tarde nas terras de Ourense pasou a celebrarse o día 11 de
novembro, festividade de San Martiño de Tours, padroeiro da cidade das
Burgas. De
Ourense
espallouse por toda Galicia, collendo novos matices, aínda que corre
risco de perde-la súa orixinalidade e espontaneidade popular tradicional
Segundo crenzas antigas a castaña era
como un símbolo da ánima dos defuntos.Tradicionalmente outono, castaña e
defuntos aparecen asociados na festa dos magostos. Enténdese que cada
castaña comida é unha alma liberada do purgatorio. Dise tamén que
despois da festa as almas viñan a quentarse nas brasas das fogueiras,
polo que cumpría deixar algo de castañas para a parroquia dos mortos.
Murguía consideraba a festa do magosto coma un
banquete funerario no que a castaña e o viño simbolizarían a morte e a
vida. Hoxe en día fanse na eira da casa, nas adegas, nas lareiras das
cociñas, pero segue a tradición de facelas no monte ou nun escampado no
que o lume non poida facer mal.
Prepárase con certa antelación, poñéndose de acordo para coñecer o que
aportará cadaquén, sobre todo castañas e viño, e tamén chourizos e
augardente para a queimada. Unha tarde solleira á hora da merenda-cea é
ideal para a celebración do magosto.
Despois de xantar, a partir das tres comézase a face-los preparativos.
Iníciase a andaina camiño do monte, atopándose con outras familias ou
grupos de amigos, búscase o lugar apropiado( escampado, encrucillada,
longa laxa de pedra), todos van cantando e facendo leiras. Búscase
frouma, palla, tamén acios de morodos que neste tempo están a madurar.
Acéndese o lume, arde, inicialmente tóstase loureiro para que de cheiro
e produza ruído, e tamén muñicos de verde para que de columnas de fume
branco mesto. Xa reunidos e amoreada a frouma necesaria precederase a
pica-las castañas para que no rebenten. Espérase que desapareza o lume e
fiquen as brasas para esparexe-las castañas, controla-lo seu punto.
OS ELEMENTOS BÁSICOS DO MAGOSTO
Coma elemento básico e imprescindible do magosto citarémo-la
castaña, nai e filla do
castiñeiro.
O segundo elemento é o lume, con todo o
que simboliza, como representación do deus sol dador de vida e elemento
purificador.
Outro elemento importante do magosto é o viño,
que non deixa de se-lo sangue da terra.
Pan de centeo e millo, empanadas, chourizos, patacas (que se soen asar no
lume sen depenar), e augardente para a queimada (de novo outra
purificación), son suficientes para este día de troula.
Ocupa un lugar eminente a leña, outro froito da
terra, para facer un bo lume.
O SECADO DAS CASTAÑAS
As castañas sécanse de diferentes maneiras: nunhas partes sécanse ó sol;
noutras en fornos, e nalgunhas cúranas ó
fume das cociñas. Despois de secas, nunhas partes gardan a cáscara, e
noutras móndanas e denúdanas non só da cáscara exterior, senón tamén da
interior, deixándoas limpas, brancas e curadas.
Para descascalas, nuns sitios enchen un saco húmido e despois apaléano
ata que lles saen as cáscaras interior e exterior, que se están ben
secas, hanlles saír con facilidade; noutros sitios poñen poucas castañas
no saco para collelo logo entre dous homes polos extremos, érgueno ó
aire e sacódeno con forza contra un banco que poñen no medio.
Terminada esta primeira manobra pásase a limpalas usando unha criba, e outros
avéntanas coma o trigo, pero de calquera modo as castañas quedan enteiramente
separadas de cáscara na que están envoltas, e non falta máis que darlle a última
man para separar as danadas e feitas anacos das que están enteiras, sas e en
estado de conservarse.
O mes de Novembro é o mes do Magosto, e son dúas as datas máis correntes
para a súa celebración: o día 1 de novembro, festa de Tódolos
Santos, ou o día 11,
festa de San Martiño
Este mes de novembro tamén leva o nome deste santo.
Outra data case obrigada para comer castañas é o primeiro de Maio,
chamándoselles "MAIOLAS ou MAIAS", e comíanse
para "non desmaiarse o resto do ano".
Tamén se comían as castañas na Coresma cando
había o costume de que non se comese carne.
Hai moitos xeitos de comer castañas: castañas asadas, castañas cocidas,
caldo de castañas, etc. Para que lles sexa máis cómodo comelas, nalgúns
sitios atravésanas cun fío para poder levalas a modo de colar; chámanse
zonchos.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "Breviario Enciclopédico",
Eladio Rodríguez Gónzalez.
Ler máis:
Temas relacionados:
San Martiño, o ritual da matanza do porco
O castiñeiro en Galicia
www.galespa.com.ar
|