lendas : o LOBISHOME
Segundo a crenza popular os
lobishomes
ou homes-lobo son individuos que por mor
dunha maldición e por ser o sétimo ou noveno fillo nacido dun matrimonio con
descendencia de todos varóns ou mulleres, poden nacer coa
"fada"
de sufrir unha transformación en lobo, tanto en aparencia e actitude, ó cumprir
unha determinada idade.
Para
que isto non ocorra o fillo afectado pola fada debe ser apadriñado polo
irmán ou irmá maiores, segundo se trate de homes ou mulleres.
A transformación do individuo en lobishome ten lugar pola noite e en lugares
despoboados, pero non existe unanimidade sobre cales serían as noites nas que
tería lugar a metamorfose. Algúns relatos falan de todas; outros, dos mércores,
e outros, dos martes, mércores e venres. Pasado este momento, recuperaría a súa
forma humana, podendo recordar ou non a súa faceta como lobo.
A maldición debe ser cumprida durante un tempo determinado que pode abarcar
dende 7 anos a toda a vida. Non se libra un dela coa morte, pois neste caso a
maldición pasaría ó espírito.
Nos relatos populares recóllense diversas formas de poder librarse da maldición:
queimarlle a pel no momento da transformación, ferilo cunha bala de prata
bendicida ou facelo sangrar usando sobre todo o aguillón do ramo do acivro
bendito o Domingo de Ramos.
As lendas sobre lobishomes están moi arraigadas en Galicia e nelas pódense
observar paralelismos con lendas xermánicas, debido, quizais, á presencia
nórdica en Galicia, especialmente durante o reino suevo.
.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar