lendas : as lavandeiras do río sil
Hai unha lenda que fala das
profundas e misteriosas augas do río Sil,
na Ribeira Sacra, provincia de
OURENSE, como un lugar de intrigantes covas e pasadizos, amores
imposibles e seres mitolóxicos que moran as súas profundidades.
Conta a lenda que a filla dun poderoso nobre de Quiroga gustaba de percorre-los
montes dos arredores vestida con roupas vulgares, co obxecto de pasar
inadvertida entre as xentes humildes.
Nunha
tarde de outono atopou nun dos seus paseos un cazador mozo e lanzal, que viña de
cazar un corzo coa súa besta. A doncela, cuxa fermosura era, segundo se conta a
"dunha fada", deuse a coñecer como pertencente ó castelo de Quiroga, mentres
que o mancebo fíxoo como vasalo do señor de Osorio, de Castro Caldelas. Así e
todo, a beleza de ámbolos dous mozos fixo que se namoraran nese mesmo instante o
un do outro, acordando manter novos e apaixonados encontros.
Aqueles encontros tiñan lugar nas beiras do Sil e ó facérense frecuentes
chegaron a coñecemento do poderoso pai da rapaza. Don Pedro de Quiroga, que así
era como se chamaba este nobre, consideraba ós de Castro Caldelas os seus
adversarios e indignos de pretenderen a súa filla, polo que lle prohibiu a esta
que volvera a ver o mozo cazador.
Así e todo, os namorados atoparon axiña o xeito se veren, pois había un
pasadizo
que comunicaba o castelo de Quiroga cun túnel que pasaba por baixo do Sil e ía
ata o castelo de Castro Caldelas. Sen embargo, o pai da doncela decatouse axiña
do que acontecía e considerándoo unha ultraxe decidiu impor un castigo a ámbolos
dous mozos.
Así pois, unha vez que os amantes penetraran dentro do pasadizo para correr un
ós brazos do outro, o pai da doncela mandou ós seus homes pechar ámbalas dúas
entradas do túnel cun gran número de rochas para que estas dificilmente puidesen
ser outra vez abertas.
Deste xeito, ficaron, baixo das augas do Sil, os novos amantes para sempre...
Deles tamén conta a lenda que foron os proxenitores das lavandeiras, eses
seres mitolóxicos que a crenza sitúa nas augas profundas deste río, e das que se
cre lavan e pulen as pepitas de ouro que o Sil deposita no seu leito.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar