lendas : A doniña
cerva
O
concello de Cervantes pertence á comarca
dos Ancares, na provincia de
LUGO. Ten unha poboación dun pouco máis de 2000 habitantes e limita
con Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita e Becerreá.
En Cervantes é onde se concentra a maioría das
lendas dos Ancares . Neste municipio, segundo conta a tradición, e na localidade
de Vilarello da Igrexa, puido ter a súa orixe
Miguel de Cervantes Saavedra, autor do insigne "Don Quixote". Cervantes é un
topónimo de raíz "cer" , que significa
"terra de cervos". A súa etimoloxía vinculado cun posible culto a
este animal, está incluída ademais no seu escudo.
Aquí , neste concello, atópase o Castelo de Doiras,
que ten a súa propia lenda...
A DONIÑA CERVA
No
castelo de Doiras (Concello de Cervantes) moraba un
cabaleiro de nome Froiaz, con dous fillos: Egas e Aldara.
O fillo doutro señor dun castelo veciño
namorouse de Aldara. O seu amor foi correspondido e, parecéndolle ben ós seus
pais, o casamento anunciouse.
Un serán Aldara desapareceu do castelo. Pai e
irmán, criados e escudeiros, mesmo o seu namorado acompañado das súas xentes,
foron na súa busca por montes e bosques, por pallozas e casaríos... despois
dalgúns días de buscas infructuosas, deron por definitiva a perda de Aldara,
maxinando que sería morta por algún xabaril, algún oso, ou devorada polos
lobos...
Un día Egas, estando de cazaría, albiscou unha fermosa cerva branca. Dun disparo
único e certeiro rematou coa vida do animal, pero non se decatara de que era
imposible levala ata o castelo polo seu peso excesivo (ou, se cadra, porque a
neve dificultaba o transporte), así que cortou a pata dianteira
da
cerva (para sinalar que o animal lle pertencía, ou para poder mostrar un trofeo
que dera conta da súa fazaña). E cando foi amosarlle o seu pai a pata da cerva ,
contándolle o seu éxito atinxindo, arrepiados, viron como, no seu lugar o que
Egas sacou da bolsa foi unha man; unha man fina, branca, suave; unha man de
doncela fidalga. E nun dos dedos daquela man relucía un fermoso anel de ouro
cunha pedra roiba. Pai e fillo lembraron que aquel era o anel da malfadada
Aldara...
Con ánimo dorido correron monte arriba, para o lugar onde Egas dera morte á
cerva. Alí atoparon, tendido no chan, o cadáver de Aldara, á quen lle faltaba
unha man...
Segundo o que di a lenda algún mouro debeu encantala en figura de cerva, e a
morte encargouse de volvela ó seu estado natural de doncela. Máis endexamais
puido saberse a razón.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar