lendas : as covas do rei cintoulo
As Covas
do Rei Cintoulo, sitas no Monte da
Farrapa, en Argomoso,
(Mondoñedo)
teñen unha
lonxitude
explorada de 5 km. No seu interior encóntranse estalactitas, estalagmitas e
outros tipos de formacións naturais que lle dan ó interior un carácter
misterioso e máxico.
A primeira exploración arqueolóxica efectuouna o Club de Montañeiros Celtas en
1954, ben que o mindoniense Xosé Villamil y Castro xa publicara un plano da
galería principal no ano 1873. Daquela acháranse na cova varios fósiles humanos
e algúns obxectos coma un puñal de ferro da cultura céltica.
Está situada a seis quilómetros da cidade de Mondoñedo. Sobre ela opinaron
moitos historiadores, falaron novelistas e poetas...
Segundo Murguía, polo nome que
leva e polas tradicións das que está rodeada é merecente dunha detida e
minuciosa exploración e que o nome "Cintolo"
puidese responder "a una más lejana tradición al presente olvidada, y que se
refería a un buen genio guardador de la cueva, que como rey otorgaba mercedes y
merecía por la generosidad de que le creía dotado, el nombre de Cintolo...".
Nunha lápida atopada neses lugares, pódese ler o nome de
"Ancetolo", que, pola transposición dunha
letra, pode converterse en "Acentolo", que
feminizado, por se tratar dunha cova resultou "A centola"
ou "A centoia". Esta última é a denominación
dunha vila que existiu no século IX preto de Mondoñedo, e que se cita nun
privilexio concedido por Afonso III á igrexa luguesa, segundo o Padre Risco.
Sexa como for, o certo é que a
misteriosa cova do rei Cintolo ou Cintoulo foi mal
estudiada na segunda metade do século XIX, e os obxectos nela atopados
desapareceron e nin sequera foron reseñados.
Máis esta cova posúe tamén fabulosas lendas de damas enfeitizadas, dragóns e
tesouros escondidos...
Hai dúas lendas que fan
referencia a estas covas:
* A primeira conta que na cova hai unha moza encantada que se peitea con peites
de ouro ó tempo que se contempla nun espello de prata. Quen desencante a moza
casará con ela e posuirá moitas riquezas. Pero hai un problema: a cova está
custodiada por unha enorme serpe ou dragón que devora a quen intente desface-lo
encanto. A pesar de tódolos impedimentos, dous irmáns decidiron intentalo, pero
despois de entrar na cova non se soubo máis deles.
* A segunda lenda conta que na Antigüidade no lugar onde hoxe está Mondoñedo
había outra cidade: Bría.
Reinaba
o rei Cintolo, que tiña o seu castelo onde hoxe está a cova. Nel vivía tamén a
súa fermosa filla, pretendida por moitos mozos.
Certo día chegou o conde
Hollvrudet, do que se namorou, pero pouco despois apareceu un vello (Tuba de
Oretón) que viña decidiu casar coa princesa, e de non aceptar, derrubaría o
castelo. O conde decidiu enfrontarse a Tuba, e xusto cando lle cravaba a espada,
soou un trono que derrubou a cidade e o castelo. Cando o conde recobrou o
coñecemento, no lugar só había unha cova.
E a tradición popular afirma
que a princesa Xila, está a esperar ó mozo que se atreva a entrar na cova para
ceibala do meigallo que a ten presa alí dentro.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar