lendas :
A trabe de ouro e a trabe de alcatrán
O
concello do Pereiro de Aguiar,
emprazado na marxe esquerda do Miño, ten un pouco máis de 5000
habitantes. Pertence á provincia de
OURENSE, e linda cos municipios de Ourense e
Coles polo oeste; polo norte coa Peroxa e Nogueira de Ramuín; ó sur co
de San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz e polo leste co municipio
de Esgos.
Nesta beira do Miño, na parroquia de Vilariño do
Pereiro de Aguiar
consérvase a crenza sobre a existencia dun castelo asolagado e de
pasadizos subterráneos que o comunican co antigo castro do outeiro.
Esta lenda aparece ligada á coñecida da trabe de
ouro e a trabe de alcatrán, así como ós restos arqueolóxicos
alí atopados, pertencentes segundo a memoria popular ós
'mouros'' ou
trasnos que poboaban a zona.
A LENDA DA TRABE DE OURO E DA TRABE DE ALCATRÁN
Esta lenda que pervive hoxe na memoria dos máis vellos da
Ribeira Sacra, tamén foi relatada por varios autores, coma
Vicente Risco.
Esta historia está relacionada coa xeografía de penas rochosas , en "forma
de castelo", así como co universo máxico de trasnos, pasadizos
subterráneos e marabillosos tesouros que forman parte do mundo da
tradición oral celta.
Segundo conta a lenda , na parroquia de Vilariño,
en terras do Pereiro de Aguiar, existe
unha rede de pasadizos subterráneos que unen os restos do monte do
castro coas ruínas dun castelo asolagado polas augas do Miño en tempos
tan remotos que ninguén os lembra...
Estes túneles están habitados por un 'mouro'
ou trasno que acocha alí un tesouro inmenso,
rico en pedras preciosas e xoias de ouro, que ten tentado a moitos a
procura-la entrada ós pasadizos. Sen embargo, a "historia" advirte ás
xentes da existencia de dúas trabes que sustentan todo o conxunto de
túneles e cuxa disposición constitúe unha trampa para aqueles ousados
que vaian na busca do tesouro.
Nos arredores houbo un mozo que xa hai moito tempo tentou chegar ás
riquezas que estas covas gardaban e quen contou ós veciños como
conseguiu atopa-la entrada ós pasadizos. Despois de camiñar un anaco por
eles atopou unha sala sustentada por unha gran trabe de ouro e outra
escura, que segundo lle pareceu estaba feita de alcatrán. O enorme valor
da trabe de ouro cegou o bo sentido do mozo, que axiña tentou tirala
para fóra do seu lugar e levala consigo, sen decatarse de que cando
comezou a tirar por ela accionou un resorte preparado polo 'mouro' que
fixo que o lume prendese na veciña trabe de alcatrán.
As lumaradas foron tais no interior da cova que o mozo só conseguiu saír
dos pasadizos logo de arrastrarse polo chan, seguindo unha corda que
levaba á cintura e que deixara atada fóra a un penedo.
Pouco antes de que a trabe de alcatrán que sustentaba o teito dos pasadizos
fose consumida polas chamas e a cova comezara a derrubarse, o mozo lograra
saír para o exterior. Sen embargo, para el todo semellaba aínda o interior
do máis escuro dos túneles, decatándose de que o lume da trabe de alcatrán
que ardera tan próxima a el o deixara cego.
Aínda que feitos como este disuadiron a moitos de procura-la a fortuna
do tesouro, algúns dos máis maiores do lugar aínda confesan que de mozos
pasaron días escavando e tentando atopa-la entrada ás covas do mouro.
No mesmo sito do que conta esta lenda foron atopados restos dun castro e
dunha importante inscrición que rezaba unha breve lenda :
"sicenata pacata" , e que algúns teñen
interpretado como conmemorativa da victoria romana do castro do Medulio,
suxerindo algúns o seu emprazamento na zona.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez
www.galespa.com.ar