ALMANZOR E A LENDA DAS CAMPÁS DE COMPOSTELA
No século X da nosa era, o Apóstolo Santiago, era para os árabes un símbolo da
reconquista dos cristiáns no norte da península Ibérica. Esta importancia
simbólica, atraeu os desexos de destrucción do caudillo árabe
Al-Mansur Bi-Llah, coñecido polos cristiáns como Almanzor.
Almanzor emprendera varias expedicións de saqueo e invasións contra outras
cidades cristiás coma Barcelona, León ou Salamanca. Pero a importancia que
Santiago tiña como símbolo dunha fe que era inimiga da súa, foi o que o levou a
deixar Córdoba e emprende-la expedición de castigo a Compostela.
O día 10 de agosto do ano 997 Almanzor toma Compostela e as súas tropas saquean
a cidade. A crueldade que este caudillo demostraba en tódalas cidades por el
saqueadas, viuse soamente conmovida pola presencia dun vello monxe que impasible
ante a brutalidade dos saqueadores, permanecía inmóbil, orando, fronte á tumba
do Apóstolo Santiago. Dise que este vello monxe era o bispo
San Pedro de Mezonzo. Entón, Almanzor quizais conmovido por esta
actitude, prohibiu ós seus soldados que non danasen nin o sepulcro, nin ó
ancián.
Pero o castigo divino caeu sobre as tropas musulmanas e sobre Almanzor…Este
castigo tomou a forma de cegueiras e trastornos varios de saúde. Dise que ata o
caudillo árabe, foi atinxido por unha destas cegueiras transitorias, quen na súa
desesperación pediu favor ó Deus dos cristiáns, nese momento renegando de Alá e
de Mahoma. Pero ó recobra-la vista, Almanzor esqueceu a súa promesa e emprendeu
o camiño de volta a Córdoba, levándose un cuantioso botín, incluídas as campás
da catedral compostelá, que foron levadas á “cidade dos califas” a ombros de
prisioneiros cristiáns tomados cativos. Do mesmo xeito leváronse as portas que
despois servirían como teito para a mesquita cordobesa. Soamente respectaran o
sepulcro de Santiago…
Despois desta destrucción masiva da cidade, o templo do Apóstolo Santiago foi
reconstruído baixo os auspicios do Bispo Pedro de Mezonzo. A construcción da
actual catedral iníciase durante o reinado de Afonso VI no ano 1075, ficando
rematada entre os anos 1122 e 1128.
Pero para os cristiáns este fora un duro golpe que ficou gravado na súa memoria…
En tempos de Fernando III o Santo foron reconquistadas as cidades de Sevilla e
Córdoba…Entón, as campás que foran roubadas e levadas a Córdoba máis de 230 anos
antes, foron devoltas a Compostela pero segundo conta a lenda, esta vez levadas
a ombros de prisioneiros musulmáns, seguindo como rota unha antiga calzada
romana que comunicaba Andalucía con Estremadura e Castela…Era a chamada Vía da
Prata, e que logo, foi aproveitada polos peregrinos a Santiago seguindo esta
antiga vía cara ó norte, tomando ese mesmo traxecto cás campas de Compostela ó
seu regreso.
Existe outra lenda que di que Almanzor morreu ó ser castigado por Deus por
provoca-la destrucción de Santiago de Compostela. Algúns historiadores pensan
que o árabe morreu como consecuencia das feridas recibidas na batalla de
Calatañazor (1002), aínda que posiblemente a verdadeira causa da súa morte fose
unha enfermidade, a que forzou a súa retirada ata Medinaceli.
Mónica Beatriz Suárez Groba
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
.
www.galespa.com.ar