lenda da loba branca
Preto dunha aldeíña do
Courel, na provincia de LUGO, vivía unha
manada de lobos que tiñan por xefa unha enorme loba branca.
Un día os lobos levaron varios
tenreiros dunha corte, así que as xentes da aldea decidiron dar unha batida para
caza-los lobos. Cando os cans deron coa manada de lobos, a loba branca atacounos
mentres o resto da manada fuxía, e inda que conseguiu matar algúns e librarse do
resto non puido librarse das escopetas. Os homes arrincáronlle a pel pensando
que poderían vendela pola rara cor.
Aquela
noite a xente espertou asustada por mor do preto que se oían os ouveos dos
lobos. Cada vez oíanse máis preto ata que chegou un intre no que os lobos
ouveaban nas portas das casas.
Os homes saíron as fiestras coas escopetas para matalos pero só vían sombras que
desaparecían na escuridade da noite, inda que non podían velos disparaban onde
intres antes se movera unha sombra, pero non conseguiron que cesaran os ouveos.
Ó saír o sol cesaron os
ouveos, os homes buscaron os corpos dos lobos pero non atoparon nin rastro
deles. Deron outra batida pero desta vez nin sequera viron ós lobos.
A noite volveron os lobos pero
non se conformaron con ouvear o pé da porta subiron os teitos das casas e
puxéronse a ouvear na cheminea. Os ouveos soaban como se os lobos estiveran
dentro da casa facendo tremer a todos polo medo. Algún pensando que os lobos lle
entraran na casa botou fóra e nunca máis se soubo nada del.
O amencer volveron cesa-los
ouveos e con eles pararon tamén os tiros. A xente temerosa reuniuse na praza do
pobo para decidir que facer.
Algúns dicían de dar outra batida pero a maioría pensaban que non eran lobos
senón demos e cos demos non valen as batidas porque non se lles pode matar.
Andaban a discutir sen saber que facer cando unha muller con fama de meiga,
berrou: -"¡¡veñen pola loba!!"... Calaron as voces e as miradas
dirixíronse cara ela. -"Levade a pel ó claro que hai no medio do bosque",
dixo. Logo achegouse o que matara a loba e ordenoulle: -"Leva o corpo e
déitao sobre pólas de teixo de maneira que lle de o luar".
O home fixo o que lle mandou a
muller, mentres o resto da aldea preparábase para pasa-la noite.
A noite volvéronse oír os
ouveos dos lobos pero non soaban xa na aldea senón, no claro do bosque
onde deixaran a pel da loba. Os lobos rendíanlle o derradeiro homenaxe á quen
fora a súa raíña.
O raia-lo sol cesaron os
ouveos e os veciños non volveron ver dende aquela noite á manada de lobos...Inda
que nas noites de lúa chea pódense oír os seus ouveos e algúns aseguran que
nesas noites pódese ver a luz da lúa a manada coa loba branca á cabeza.
.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada:
"Etnografía: Cultura espiritual", Vincente Risco
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar