a simboloxía da terra: o LAR OU LAREIRA
O
lar é o centro da casa e esta significa familia,
descendencia, propiedade, residencia, economía, ideoloxía e símbolo do
pequeno mundo que xira arredor do lar. A casa é esencialmente autárquica e
resulta unha unidade de producción e de consumo. Está rodeada dun
patio pechado ó exterior por un muro. No patio viven os animais
domésticos, como o can, o gato, as galiñas, os porcos e as vacas. Nel
gárdanse tamén os
apeiros de labranza: o carro, o arado, os xugos, os sachos… e
outros máis modernos, como o tractor ou a segadora.
O patio
é un espacio intermedio entre o espacio interior, representado na casa, e o
exterior, representado no camiño. Para chegar á casa hai que atravesa-lo
patio e os cans e as galiñas anuncian a visita. Desde o patio accédese tamén
ó pallar -palleiro- e á
horta, que forman parte do espacio interior, da casa.
A
horta é dominio das mulleres, que cultivan legumes. Nela
entérranse os animais mortos e quéimase o lixo, é un espacio reservado á
xente da casa, representa o aspecto oculto do mundo. Arredor dos muros da
horta crece o loureiro, que aparta as tormentas e protexe a casa.
O pallar -palleiro ou palleira - úsase
para garda-la herba seca e a leña de queimar. Dormen nel os cans e xogan os
nenos cando chove. Este núcleo espacial divídese nun interior, onde viven as
persoas e os
animais, e outro exterior, formado polo pallar, a horta e o patio ou curral,
que rodean a casa.
A
cociña era a parte
central da casa e o lar, a alma da cociña, pois nel prendíase o lume,
corazón e punto de encontro da familia. A cociña
económica ou de ferro e a de butano
substituíron á lareira , que se conserva en casas vellas non
habitadas permanentemente, para afuma-los chourizos e os xamóns, ou para
cociñar certas comidas típicas como filloas.
A noite dun velorio queda
aceso o lume da lareira, para quentarse os vivos e tamén as ánimas , que
acoden no frío inverno, por iso se botaban anacos de pan ó lume para que se
alimentasen. Na cea de Noiteboa deixábanse alimentos sobre a mesa para que
as ánimas ceasen mellor e mesmo se poñía un servicio de máis e deixábase un
asento libre por se chegaban.
A cociña é un lugar pechado,
non se poden tirar fóra as varreduras procedentes dela, a cinza fertiliza a
horta -lugar pechado-, onde vai parar tamén a auga do vertedoiro. Os restos
da comida destínanse ós porcos e ós cans, animais domésticos e pertencentes
ó mundo interior.
O lar é o lugar de encontro
dos dous aspectos do mundo, representados polos habitantes do mundo visible
e os do oculto.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2001: etnografía espiritual", Xunta de
Galicia.
www.galespa.com.ar