a importancia da auga na cultura galega
A importancia da auga para os galegos
procede de tempos moi remotos e ten un culto que se pode cualificar de
tradicional e xeral, sen dúbida polas súas condicións creadoras e
fecundantes. Para os nosos aldeáns as augas son salutíferas, beneficiosas,
prolíficas e ata sandadoras. Xa no século IV da nosa era o campesiño galego
facía as súas ofrendas de pan e viño ás
fontes.
O respecto que as augas perennes inspiran ás xentes do país é un resto do
antigo culto que as cría poboadas de seres sobrenaturais ou espíritos, entre
os que figuran as virxes, as doncelas, as damas e as lavandeiras. Estas,
segundo un vello romance galego, gozaban do privilexio de que cando o día de
San Xoán collesen no pico unha pinga de auga e a deixasen caer sobre una
moza que se bañase antes de saí-lo sol, sería feliz.
A auga está moi presente nas cantigas populares, nos romances, nas
tradicións e lendas vencelladas a moitas delas.
A auga percíbese de distinta maneira: pode ser a auga
de arriba, a de abaixo e a auga bendita.
AUGA DE ARRIBA
É a auga da chuvia procedente das nubes que
cargan o líquido nos ríos. Teñen poder sobre esta auga os
nuboeiros e os tronantes ou patróns dos tronos. Os
nuboeiros descríbense como trasnos ou espíritos malignos que habitan os
aires e ós que a mitoloxía galega lles atribúe o poder de xerar tempestades
e dirixir raios.
Uns e outros deixan caer chuvias ou desencadean tormentas cando, onde e como
queiran. Os galegos poden adiviñar se vai chover ou escampar. A chuvia é boa
ou mala segundo o momento e a época do ano.
Organizábanse rogativas para pedirlle a un santo que chova ou deixe de
chover. As tormentas páranse tocando as campás da parroquia e sacando santos
protectores ás ventás das casas. Prende-la vela da Candeloria nas ventás e
queimar follas de loureiro benditas do domingo de Ramos tamén protexe das
tormentas; o loureiro crece no perímetro da horta como árbore protectora.
Se a tormenta se forma ó outro lado do río non hai nada que temer, pois a
serpe está nel gardando os límites, que nin as tormentas nin as ánimas poden
atravesar. Para librarse do trono debían esconxuralo un ou tres sacerdotes;
durante o rito, os nuboeiros debían ir a montes ermos.
AUGA DE ABAIXO
Acreditan un antigo culto ás augas divindades acuáticas como
Edovius, Reva, Bormánico ou Conventina.
A auga da fonte da aldea reunía as mulleres, que ían buscala e se daban as
noticias que circulaban na comunidade. Nos pozos ou estanques bebe o gando,
coa auga réganse as leiras próximas á aldea por quendas establecidas desde
antigo.
Nas augas do río as mulleres lavaban a roupa e desfacíanse da sucidade, pero
non podían regar con elas as leiras do espacio interior da aldea.
AUGA BENDITA
A auga para bendicir cóllese das fontes , pero despois de bendita
pertence a categoría distinta á de arriba ou á de abaixo.
Levábase á casa unha botella de auga bendita despois dos oficios de sábado
santo, que incluía o rito da bendición da auga na igrexa parroquial. Tíñase
moita fe na auga bendita e utilizábase durante o ano para bendicir e
purifica-la casa e as cortes, as persoas e os animais; para as rogativas e
despois da morte dun animal ou dunha persoa.
Antes de facer entrar na corte un animal comprado tamén se esparexía con
auga bendita. Incluso algunhas persoas levaban consigo auga bendita para
protexerse do demo ou dos malos espíritos.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2001: etnografía espiritual", Xunta de
Galicia.
www.galespa.com.ar