a importancia do aire na cultura galega
Un elemento importante para
os galegos é o aire. Pódese ser
alento, cando
vén de dentro, aire de casa
e aire de
fóra. O aire contén forzas misteriosas e influencias daniñas;
non ten forma concreta. Os remuíños de aire son máxicos e sempre perigosos.
Evítase exporse a correntes de aire.
Unhas veces os
aires malignos son una especie de exhalación de determinadas persoas:
aire de morto, de excomungado ou de certos animais: aire de sapo, de toupa
ou de píntega. Non son aires propiamente, senón influencia maléfica que se
transmite por el. Confúndense coas sombras, de persoas ou animais, que
asombran.Outras veces confúndense coas correntes naturais de aire, que
rompen e derruban cousas. Certas correntes naturais de aire poden seca-las
terras, os froitos, deixar á xente sen ánimo ou producir certas
enfermidades: catarro, lumbago, parálise…
Aire de dentro
Para os antigos habitantes
de Galicia, os cabalos eran fillos do vento e dunha egua, fecundada por
aquel. Para os indoeuropeos, o cabalo era o vehículo da alma, que levaba as
almas dos mortos ó recinto das sombras; pero era tamén fonte de vida, como
Pegaso, e atraía á terra a luz que anima e vivifica tódolos seres e
tódalas cousas.Esta relación vento-cabalo e cabalo-alma confírmano-la
relación vento-alma-outro mundo. As casas antigas da Galicia oriental tiñan
poucas ventás e, ademais, reducidas. Sen nega-las razóns climáticas, quizais
foron feitas coa intención e protexe-lo aire de dentro contra o aire de
fóra. O primeiro está habitado pola xente da casa e polas almas dos
antepasados; o de fóra, por outros seres que poden ser perigosos.
O alento é a vida, no momento da morte dunha
persoa debían cubrirse os espellos da casa para que o alento non quedase
pegado e o defunto non vagase para sempre.
O respecto polos aforcados
explícase por ser un morto cos espíritos dentro, xa que o alento non puido
saír do seu corpo.
As máscaras do entroido
golpeaban con vexigas de porco inchadas ás mulleres casadas sen
descendencia, quizais porque o aire é fecundante.
Aire de fóra
Os malos espíritos e as
bruxas habitan no aire de fóra, están no aire os nubeiros ou seres que
producen e controlan a chuvia, hai que pechar ventás e ata tapa-los buratos
das pechaduras.
As persoas -vivas ou mortas- poden botar malos aires. Os nenos poden colle-lo
aire dun defunto se entran no cuarto do cadáver ou lles "toca" a sombra da
caixa o día do enterro.
Os animais tamén poden bota-lo aire: é perigoso o aire de sapo, da serpe cando
voa cara a un río ou das femias en celo de certas especies. Os aires son os
espíritos perigosos que habitan o aire exterior
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "galicia 2001: etnografía espiritual", Xunta de
Galicia.
www.galespa.com.ar