Halloween e o ano novo celta en Galicia
Inda que as orixes máis lembradas da festa son americanas, a verdade é que até
1845 o Halloween non foi celebrado naquel país, alomenos dun xeito aberto. Os
"pais pelegríns" dos Estados Unidos, imbuídos pola súa fervenza relixiosa,
ou ben descoñecían a existencia desta festa, ou ben sinxelamente prohibiron
celebrala.
Pero en 1845-46 un suceso de carácter histórico ía cambiar esta posición. Foi a
grande fame que aconteceu en Irlanda a causa das malas colleitas da
pataca. Daquela, a illa británica estaba poboada por aproximadamente 12 millóns
de persoas. Só dez anos despóis a poboación era de 6 millóns, e inda hoxe non é
máis grande. ¿Onde foron todos estes irlandeses? A meirande parte emigrou ós
Estados Unidos, e o porto de New York converteuse nun fervedoiro de xente
chegada da illa esmeralda, que traía a súa relixión (o catolicismo) e as súas
tradicións como o era Halloween.
A tradición, polo tanto, non foi creada en América, senón que esta proviña de
Irlanda, onde se gardaron mellor as antigas tradicións celtas e druídicas.
Orixinalmente esta festa druídica chamábase "a vixília de Saman". O nome de
"Halloween" ven do intento de cristianizar esta festa pagana, concretamente
cando no ano 830 o papa Gregorio IV dedicou unha capela da igrexa vaticana a
"Tódolos Santos" o día 1 de novembro, mudando así a festa que antes se viña
celebrando no mes de maio. O novo día foi chamado "Día de Tódolos Santos"
(ou All Hallow's Day en inglés) e cedo chegóu o costume de chamar á
tardiña antes "All Hallowe'en", que acurtado é HALLOWEEN.
Pero o feito importante é que a cristianización desta festa celta fracasou,
mentres que noutras festas coma Pascuas ou o Nadal o pobo esqueceu a verdadeira
orixe da festa, co Halloween foi ó contrario.
En
efecto, a celebración orixinal non se chamaba Halloween, senón SAMAN,
SAMAIN
ou SHAMHAIN (a verba pronúnciase "xao-in"), e comezou moito
antes de Cristo entre os antigos pobos celtas.
Para os historiadores cristiáns, os celtas observaban uns rituais no fin do
verán e facían sacrifícios a Samaín, que era o seu deus da morte e dos
malos espíritos. Con esta festa sinalábase o comezo do novo ano celta.
Estes historiadores afirman que o deus dos druídas chamábase Saman,
Samana,
Shamhain ou Samhain, e que esta festa era chamada "a vixília de
Saman". A moderna versión deste deus é ese macabro esquelete cunha fouce na
man que sen dúbida veriades algunha vez nas películas. O esquelete é coñecido
hoxendía entre os americanos coma the grim reaper (o segador macabro).
No seu libro Halloween Through the Centuries, o escritor Ralph Linton dí:
"a celebración americana do Halloween ven de costumes populares escocesas
e irlandesas que poden seguirse en liña directa dende tempos pre-cristiáns. As
celebracións máis vellas mantíñanse polos druídas en honra a Shamhain, o
señor dos mortos, e cuio festival cae o primeiro de novembro".
Segundo outras fontes, os celtas consideraban o día 1º de novembro porque as
follas comezaban a caír, facíase de noite antes e a temperatura baixaba. Eles
crían que Muck Olla, o seu deus do sol, estaba a perder forza
porque Samhain,
señor da morte, estaba a vencelo. Ademáis, crían que o 31 de outubro
Samhain
xuntaba os espíritos de todos aqueles que morreran durante o ano anterior. Atá
entón eses espíritos estarían presos nos corpos dos animais, como castigo polos
seus pecados.
Na véspera da festa de Samhaim, ou sexa, o 31 de outubro, ós espíritos se
lles permitía regresar ós seus fogares para visitar ós vivos. E para protexer á
xente, os druídas dirixían ó pobo en ceremonias diabólicas de adoración de
cabalos, gatos, años negros, bois, etc. Todos eles, incluíndo algúns seres
humáns, eran arroxados ó lume e ardían na fogueira, para aplacar a Samhain e
evitar que os espíritos sofrisen danos.
Os druídas serían bruxos, practicantes de relixións escuras. No século I a.C.
César
conquistou ós bretóns, e na súa versión da historia (A guerra das Gálias)
dí así: "Tódalas nacións galas estaban entregadas á superstición... ofrecían
homes como víctimas ós deuses, ou facían o voto de se sacrificaren eles mesmos.
Os ministros nestes ofertórios son os druídas, quen sosteñen que a ira dos
deuses inmortáis só pode aplacarse, e o home ser redimido, ofrecendo sacrifícios
humáns, e é unha parte das súas institucións nacionais tér solemnidades fixas
(cerimónias) para este propósito".
Estas "solemnidades fixas" serían, segundo Richard Cavendish, no seu libro
Man, Myth and Magic, os dous grandes festivais do lume, ou sexa,
Beltane, a víspera do 1º de máio e Samhain, na do 1º de novembro, para
marca-los comezos do vrao e do inverno. Segundo Robert Graves, as catro datas
eran a festa da Candelaria (2 de febreiro), a véspera de Maio (30 de Abril),
Lammas (1 de Agosto) e Halloween (31 de Outubro).
As adoracións tiñan lugar neses días nas carballeiras ou nos círculos de pedra,
coma Stonhenge. Os historiadores afirman que a práctica dos sacrifícios
humáns é "evidente"
porque polos arredores de Stonhenge foron atopados máis de 350 túmulos
funerarios con restos humáns.
Unha
das histórias máis esperpénticas, pero non por elo menos difundidas, encol da
"verdade"
sobre o Halloween, ten moito que ver co topónimo galego "Canabal".
Alexander Hislop no seu libro As dúas Babilónias, dí: "O deus a quen
adouraban os druídas era Baal... temos evidéncias de que facían pasar ós
seus nenos polo lume de Molech, e... en Xeremías 32:35, comparado con
Xeremías 19:5, atopamos que esas dúas partes pertencen a un mesmo sistema".
Ademáis, este autor dí que "os sacerdotes de Nimrod ou Baal eran obrigados a
comerse os sacrifícios humáns; e isto pasóu á forma 'Cahna-Bal', (Cahna sinifica
'sacerdote') que quere dicir 'devorador de carne humán'".
Como vemos, os apoios que adoitan usarse a prol dun Halloween diabólico e
malvado non son moi firmes: un historiador mediocre coma César, e a
terxversación da mesmísima Biblia, na que nin por asomo aparecen mencionados os
pobos celtas.
Sen dúbida todas estas son historias moi macabras, e moitas igrexas
fundamentalistas cristiáns nos Estados Unidos seguen hoxendía espallándoas coma
certezas indubidables, pero para os historiadores máis serios, a moderna
celebración do Halloween non tiña nada que ver con supostas adoracións de demos,
senón que é a descendente do antigo festival celta do lume, chamado "Samhain".
O diccionario Irlandés-Inglés editado pola Irish Texts Society define así a
palabra: "Samhain, [All Hallowtide], a festa dos mortos en tempos do
Paganismo e do Cristianismo, sinalando o fin da seitura e o comezo da tempada de
inverno, que durará atá maio, e durante o que as tropas (especialmente o Fiann)
eran acuarteladas. Maxinábase que as fadas estaban particularmente activas
durante esta estación. Dende aquí calculábase o médio ano. Tamén chamada 'Feile
Moingfinne' (Deusa da Neve)."
Pola súa banda, o diccionário Gaélico Escocés o define destoutro xeito:
"Hallowtide. A Festa de Tódalas Animas. Sam + Fuin = fin do vrao."
O contrário da información aportada por moitas organizacións, non existen
evidéncias nin arqueolóxicas nin literárias que indiquen que Samhain era unha
deidade. Os deuses celtas dos mortos eran Gwynn ap Nudd para os
Bretóns, e Arawn
entre os Galeses. Os irlandeses non tiñan un "señor dos mortos"
coma tal.
Os celtas eran un pobo pastoril, coma contraposición a un pobo agricultor. A fin
do verán era relevante para eles porque sinificaba a época do ano no que a
estructura das súas vidas trocaba radicalmente. O gando baixábase das terras de
pastos nas cuíñas e o pobo xuntábase no interior das casas para pasa-las longas
noites de inverno contando contos e facendo traballos manuais.
Os celtas crían que cando a xente morría, ían a unha terra de eterna xoventude e
felicidade chamada Tir ná Nog. Eles non tiñan o concepto de ceo e
inferno que a igrexa cristiana introducíu no país moitos séculos despois. As
veces pensábase que os mortos eran agochados onda o Fairy Folk ("A
xente das fadas"), quen vivían nos numerosos outeiros ou "sidhe"
(pronúnciase "xi") que salpican a campiña irlandesa e escocesa.
O
Samhain
era o aninovo dos celtas. No sistema de crenzas celta, os puntos
de "da-la volta", coma o tempo entre un día e o seguinte, o encontro do
mar e a beiramar, ou o paso dun ano para o seguinte, eran vistos coma tempos
máxicos. O troco do ano era o máis potente deses tempos. Este era o intre no que
"o veo entre os mundos" era máis fino, e os vivos podíanse comunicar cos
seus seres queridos mortos en Tir na Nog.
Os celtas non tiñan demos e diaños no seu sistema de crenzas. As fadas, porén,
eran decote
consideradas hostís e perigosas para os humáns, porque se pensaba que estaban
resentidas porque os homes lles colleran as súas terras.
Nesta noite, podían ás veces enganar ós humáns facéndolles perderse nos túmulos
das fadas, onde ficarían atrapados para sempre. Após da chegada dos cristiáns ás
terras dos celtas, algúns quixeron ver nas fadas a aqueles anxos que non
apoiaron a Deus nin a Lucifer na súa rifa, e asemade, foron condeados a camiñar
pola terra ata o día do xuízo.
A relixión celta estaba moi ligada á terra. As súas grandes lendas están cheas
de acontecementos que sucederon durante o tempo de
Samhain. Moitas das
grandes batallas e lendas de reis e heroes céntranse nesta noite. Moitas das
lendas ocúpanse da promoción da fertilidade da terra e o aseguramento da
continuidade das vidas da xente a través da escura estación do inverno.
¿Como se observaba o festival relixioso? Desgraciadamente, sabemos moi pouco
encol diso. W.G. Wood-Martin, no seu libro Pegadas das Antigas Fes de Irlanda
dí: "Hai comparativamente poucas pegadas da relixión dos druídas descubertas
atá agora, agás no folklore dos labregos, e as referéncias relativas a ela que
temos nos manuscritos irlandeses antigos son escasas e insuficientes para apoiar
ningunha cousa que soe a teoría completa sobre o desenvolvemento da antiga
relixión".
Os druídas eran os sacerdotes dos pobos celtas. Adoitaban pasa-las súas
ensinanzas por tradición oral en vez de escribilas, cousa que algúns pensan que
estaba proibida, así que a meirande parte das súas tradicións relixiosas ficaron
perdidas. Pero sabemos que este festival estaba caracterizado coma un dos
"catro grandes festivais do lume" dos celtas.
As lendas din que nesta noite tódolos lumes nas lareiras de Irlanda debían
extinguirse, e logo acenderse de novo a partir da fogueira central dos druídas
de Tlachtga, a 12 millas da cuíña real de Tara. Este lume era xerado pola
fricción de dous paos, en vez de usar outros métodos máis habituais daquela
(chisqueiros). A extinción dos lumes simbolizaba a "metade escura" do
ano, e o acendelos de novo era un símbolo do regreso da vida que se agardaba
tralo inverno.
¿E qué pasa cos sacrificios que describen os historiadores da antigüidade? Pois
que certamente os animais eran sacrificados nesta época do ano, coma por outra
banda tamén acontece agora no noso tempo do San Martiño. Esta era a época
de enche-las despensas para o inverno e de desbota-los animais que non serían
engordados para o ano seguinte. E sen dúbida, moitos destes sacrifícios
levaríanse a cabo dun xeito ritual, coa partecipación dos druídas.
Respecto ós
sacrificios humáns, os historiadores antigos dividíanse moito neste
tema. César e Tácito falan de sacrificios humáns entre os celtas, pero hoxe ben
sabemos que César manipulóu a história no seu benefício, para darse maior
glória, e sen dúbida tamén para xustificar éticamente a aniquilación dos pobos
vencidos. Nora Chadwick apunta no seu libro The Celts
que "foi polo seu propio interese polo que os románs aboliran os sacrifícios
humáns nas súas própias prácticas relixiosas non había moito tempo antes de
César, e as referéncias que fan a dita práctica entre os pobos bárbaros soan
moito a auto-xustificacións. Hai moi poucas evidéncias arqueolóxicas encol dos
sacrifícios humáns entre os Celtas". Non así entre os románs, por suposto.
De feito, hai moi poucas referéncias a estas prácticas na literatura celta. A
única história que sobrevivíu sóanos bastante ó conto do Minotauro das
lendas gregas: os Fomoriáns, unha raza de xigantes que seica vivían en
Irlanda antes da chegada do "Tuatha de Danaan" (o pobo da deusa
Danu), pedían o sacrifício das dúas terceiras partes do trigo, leite, e os
primoxénitos dos Fir Bolg, os habitantes humáns de Irlanda. Os De
Danaan remataron con esta práctica na segunda batalla de Moy Tura,
que por certo tivo lugar o mesmo día de Samhain.
A tradición popular fálanos de moitas prácticas de adiviñación asociadas co
Samhain. Entre as máis comúns, había prognósticos sobre casamentos, o tempo, e
as fortunas que agardaban para o ano. Todo isto facíase mergullando e pelando
mazás. A primeira persoa que trabara unha mazá mergullada nun bocoi de auga
sería a primeira en casar, e canto máis longa fose a monda da mazá pelada, máis
longa sería a vida. Moitas destas supersticións inda continúan vixentes entre
nós, coma poderedes observar.
Os satanistas adoitan voltar ó revés tódolos ritos e litúrxias cristiáns, e unha
das súas noites máxicas (Walpurgis) é precisamente o 31 de outubro. Isto
é porque o 1º de novembro é a festa de Tódolos Santos, polo que os satanistas
estableceron que o 31 de outubro sería a festa de tódolos demos.
Asemade, mentres que para a meirande parte da xente o Halloween é unha
festa inocente de feitizos e enmeigamentos, para os satanistas a noite de
Walpurgis
é un dos seus maiores sabbats do ano.
Pero o Halloween non é só unha festa antiga. Inda hoxe hai quen a celebra, e non
ó xeito tradicional con disfraces e lambetadas. Os practicantes do moderno
"Wicca"
(a moderna relixión da bruxería) teñen esta data coma unha das súas meirandes
celebracións do ano, e non faltan mesmo aqueles que a queren convertir en
oficial, chegando a pedir permisos especiais no traballo coma se tal cousa.
Moitos seguidores de várias relixións pagáns observan este día como un festival
relixioso. Celebran esta festa como día de relembranza ós amigos falecidos, e é
inda unha noite especial para practicar várias formas de adiviñación e para
comezar novos proxectos.
Segundo denuncian algunhas igrexas fundamentalistas cristiáns, algúns grupos
aproveitan o Samaín
para celebrar sacrifícios humáns. Non debemos esquecer que esta noite ven sendo
propícia para que toda caste de maníacos fagan das súas nun país, os Estados
Unidos, onde a violéncia é a única e verdadeira relixión practicada por case
tódolos seus habitantes. Nesta noite, as estatísticas de nenos desaparecidos
multiplícanse, o índice de crimes rituais dispárase e as violacións de tumbas e
sepulturas son algo habitual. Os fundamentalistas cristiáns afirman que
"Cristo xamáis iría a unha festa de Halloween", pero o certo é que as festas
deste tipo adóitanse celebrar en lugares púbricos, coma coléxios, e mesmo en
igrexas e salóns parroquiais.
Así que, a pesar do que din as películas de Hollywood, os sacrifícios humáns e
nin tan sequera os sacrifícios con sangue son unha práctica dos druídas ou os
"wiccanos"
de hoxe. Pero claro, iso non quita que haxa algún tolo por aí, por suposto.
A orixe dos costumes de Halloween
OS DISFRACES: A práctica de
poñerse un disfraz na festa de Halloween ten a súa orixe na noite na que os
druídas acendían o lume central no que tódolos demáis debían ir prendendo o das
súas lareiras. Durante ese ritual a xente levaba disfraces, feitos de cabezas de
animais e peles, para asustar ós "malos espritos". Tamén podían ser unha
representación gráfica das pantasmas e trasnos que axexaban na noite. Segundo a
11ª edición da Encyclopedia Britannica, a xente levaba disfraces de animais para
que os espritos da xente que habitaba nos corpos dos animais non atacasen ós
vivos, ó confundilos con outras bestas.
TRUCO OU GALANO: ("Trick or
Treat") Esta é unha frase que adoitan dici-los nenos que van pedindo
lambetadas polas casas ó abri- las portas. Ten unha orixe baseada nas fadas que
andarían polos camiños esa noite. Ademáis das fadas, moitas persoas estaban fóra
de casa, ocasionando danos. Como esta noite non pertencía nin a un ano nin ó
seguinte, o pobo celta cría que o caos reinaba durante esa noite, e a xente
adoitaba facer brincadeiras e bromas pesadas. Isto servía tamén coma saída final
para os altos espritos antes de que chegase a tristura do inverno.
Durante o decurrir destes sucesos, moitas persoas imitarían ás fadas e irían de
casa en casa pedindo galanos. Fallar en subministrar algún regalo normalmente
ocasionaría unha broma pesada para o dono da casa. Como as fadas estaban fóra
esta noite, adoitábaselles deixar un pouco de comida ou leite nos chanzos da
casa, e daquela o dono podería gaña-las benzóns da "boa xente"
(os trasnos e fadas) para o ano vindeiro. Moitos dos donos tamén deixaban fóra
unha soupa para os espritos dos que marcharon.
James Napier
dí no seu libro Holidays of Legend que os granxeiros irlandeses ían de
casa en casa pedindo comida para os seus antigos deuses. Prometíase boa sorte
para todo aquel que dera un galano, pero ameazábase ós que non.
AS
CABAZAS: Outro dos clásicos
costumes é coller unha cabaza, deixala óca, e facerlle uns buratos que
simbolicen uns ollos e unha boca cadavérica.
Logo se lles mete dentro unha vea prendida para iluminalas dende dentro. Nos
Estados Unidos chámaselles
"Jack-o-Lantern", unha verba de evidente orixe irlandesa, pero
¿que sinifican?
Segundo a World Book Encyclopedia, son un antigo símbolo dun alma en pena.
Tamén corre a tradición de que o nome de "Jack-O-Lanterns" foi
dado por un home chamado Jack, que non poido entrar nin no ceo nin no
inferno, e polo tanto, andaba vagando na escuridade coa súa linterna atá a fin
do mundo. E os máis escabrosos din que a tradición provén dun antigo sinal para
marca-las casas daqueles satanistas na noite de Halloween.
O certo é que é máis creíble a versión que afirma que a xente que saía pola
noite imitando ás fadas levarían ás veces nabos tallados representando facianas.
Esta é a orixe do moderno "Jack-o-lantern".
Galicia resultou fortemente romanizada, polo que os máis importantes ritos
celtas ficaron perdidos para sempre moi cedo. E por se fora pouco, os restos de
calquera sinal de paganismo foron borrados pola Igrexa cristiá e polas sucesivas
ondas do Estado.
A
festa de Santos ten en Galicia un senso moi particular, iso non ten
dúbida, pero sexa cal for, este
senso é totalmente integrable nas mesmas tradicións cristiás de Castela e de
todo o Mediterráneo.
Tan só perviven coma recuperadas algunhas festas, coma a de Cedeira, e
noutras vilas inda se garda a tradición dos fachos. Esta segunda é moi
simple: consiste en acender uns fachos e marchar con eles en procesión para
facer unha grande fogueira.
Tódolos que participan nesta ceremonia afirman que é parte dunha tradición moi
vella, que de feito podemos crer que se perde na noite dos tempos, pero a festa
que realmente é máis próxima á tradición do Halloween é a festa do Samaín de
Cedeira.
Os veciños de Cedeira celebran a noite de Santos dende hai oito anos graciñas á
recuperación do Samaín por parte da asociación cultural "Chirlateira"
propiciando que centos de persoas, nenos na súa meirande parte, saian á rúa con
cabazas talladas en forma de caveira cunha vela acendida no seu interior. A
festa adoita comezar ó redor das cinco do serán e faise un percorrido polos
calellos máis escuros da vila ó compás da música dun tambor.
No Concello da Illa de Arousa os nenos érguense antes de que saia o sol e
percorren as rúas e tendas o día 1 de novembro pedindo cunha algarada
tradicional:
"unha limosniña polos defuntiños que van alá".
Reciben cartos, laranxas, lápises, boliños de pan e lambetadas.
E
en Xil, una parroquia do concello de Meaño na ladeira do monte, entre o lusco e
o fusco os seus habitantes suben en procesión ó cemiterio portando velas.
Dende abaixo, obsérvase unha "santa compaña" de luces oscilantes, e no
mesmo cemitério non son poucas as viúvas que ficaron toda a noite alí, velando
ós seus mortos.
Se cadra, é con esa e con outras tantas tradicións coas que hoxendía se seguen a
facer pervivi-los antigos ritos celtas do Samaín na nosa terra, os que
fan perdura-lo vello rito do máis vello dos rituais: a mesma morte.
fonte de información : revista "nova
fantasía"
Temas relacionados :
El ciclo anual festivo en el mundo celta
A noite do 31 de outubro
www.galespa.com.ar