Morreu García-Sabell
Fonte de información: www.culturagalega.org ,
6 de agosto de 2003

Despois de anos de padecer unha enfermidade cerebral irreversible, o doutor
Domingo García-Sabell falecía esta madrugada na Coruña aos noventa e tres anos
de idade, segundo informou a Subdelegación do Goberno.
García-Sabell, escritor e antigo presidente da Real Academia Galega fora
tamén delegado do Goberno en Galicia e membro do xurado do Premio Príncipe de
Asturias entre moitos outros cargos.
O funeral desenvolveuse no Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago e os seus
restos respousan no cemiterio compostelán de Boisaca.

Fotografía: Galicia Hoxe (Grupo Correo Galego), edición do 7 de
agosto de 2003. Autor: Nacho Santás.-
DOMINGO GARCÍA-SABELL RIVAS
Por Olga Castro (Fonte:
www.culturagalega.org)
O apelido García-Sabell non pasa desapercibido para o mundo da medicina, para o
da cultura, nin para o da política. E é que Domingo García-Sabell participou
activamente nestes tres campos do saber. Soubo compaxinar a medicina (a súa
verdadeira vocación), co seu labor a prol das letras galegas durante os
difíciles anos de dictadura. E coa chegada da democracia, compatibilizouno tamén
con diferentes cargos na política galega. Pero unha personaxe tan polifacética
sempre levanta controversias. É por iso que Domingo García-Sabell inspira, entre
os seus coñecedores, encanto ou aversión.
O xermolo que fixo desta personaxe o que foi está en Compostela. Alí veu ó mundo
o 8 de outubro do 1909, e alí tamén transcorreu a súa nenez e adolescencia.
Primeiro, indo e vindo á escola de monxas das Orfas, onde lle inculcaron un
profundo sentimento relixioso e onde tamén lle corrixiron unha zurdeira que só
esqueceu ó escribir. Logo, cursando o bacharelato, ó tempo que nel espertaba
unha inmensa curiosidade por descubrir os segredos da ciencia e, en particular,
do corpo humano. Comezada a carreira de Medicina en Compostela, á temperá
vocación médica uniuse tamén unha “enorme inquietude cultural”, segundo el mesmo
dixo en varias ocasións, “nunha cidade cunha universidade enormemente
prestixiosa (...) que para un mozo con inquietudes era o gran modelo”.
Nestes anos de estudiante, García-Sabell fixo amizade coa xuventude intelectual
da época: dende Dieste, Manoel Antonio, Seoane, Fole ou Cunqueiro, ata os xa
máis consagrados membros da Xeración Nós.
Co título de médico, García-Sabell marchou primeiro a Madrid e logo a Berlín
facer o doutoramento. Na cidade alemana descubriu o pensamento europeo máis
vangardista da época, que marcaría a súa liña ideolóxica de por vida. “Eu son
partidario de europeizar Galicia. A cultura viva está en Europa e o que hai que
facer aquí é trasladala sen mimetismos e con acento propio”, dixo en varias
ocasións. Neste seu vagar polo continente é cando descobre ó filósofo Heidegger
e ó literato irlandés James Joyce, que para el serían os dous grandes fitos
culturais do século XX.
Despois da guerra
Trala súa volta a Galicia, García-Sabell pensara en dedicarse á investigación da
medicina. Pero a guerra do 36 rachou cos seus soños. E rachou tamén cos de todos
aqueles mozos de espírito renovador cos que tratara na Compostela dos anos de
estudiante. Con alternativas coma a morte, o exilio ou a cadea, non é de
estrañar que García-Sabell optase por un silencio público que, sen embargo,
soubo aproveitar para reflexionar sobre a realidade social e política na que
vivía, para investigar na medicina e para publicar numerosos ensaios sobre a súa
profesión.
Malia ós duros comezos da posguerra, non tivo que pasar moito tempo para que
García-Sabell entrase de novo do mundo da cultura galega. Fíxoo no 1950,
coincidindo co impulso innovador que trouxo para Galicia a aparición da
editorial Galaxia. Os seus fundadores, e en especial Ramón Piñeiro, buscaban co
proxecto editorial de transfundo político incorporar á causa a algúns dos
intelectuais máis sólidos da época. E en lugar destacado estaba o médico
García-Sabell. Xurdiu así entre eles unha amizade que o levou a integrarse de
cheo nas actividades de Galaxia e a involucrarse ó máximo. Axiña se converteu el
mesmo en promotor de xuntanzas entre os máis novos. Na súa casa compostelá da
Rosaleda celebrábanse daquela tertulias literarias ás que concorrían novos e
vellos escritores da cultura galega. E a eles, con frecuencia, dicíalles: “É
bo matinar na seitura do porvir. Nunha seitura na que, lado con lado, vós e nós
arrimemos o lombo para beneficio da patria”. Franco Grande, un dos novos que
participaba nos faladoiros, comenta que “por estes anos Ramón Piñeiro xa
consolidara un grupo intelectual arredor de Galaxia no que figuras como
García-Sabell (...) eran as estrelas de máis brillo da constelación, da
galaxia.” De feito, García-Sabell acabaría por se converter, anos máis tarde, en
presidente da editorial.
Pero o de García-Sabell e Ramón Piñeiro foi algo máis que unha amizade.
Entrambos sempre houbo un apoio ideolóxico, unha fidelidade que non enfebreceu
nin sequera cando dentro da editorial estalou un proceso de combate entre as
vertentes culturalista e nacionalista do galeguismo.
Malia estes enfrontamentos, García-Sabell amosou dende os cincuenta unha
actitude de compromiso coa cultura galega que culminaría ó ser elixido membro da
Real Academia Galega no 59 e ó presidila durante case vinte anos, ata o 96. O
seu posterior compañeiro de academia, Franco Grande, ve “a entrada de don
Domingo como, en realidade, a entrada de Galaxia -ou sexa, en certo xeito a
entrada de Galicia- na súa academia, ou polo menos a entrada simbólica da
verdadeira, e nova, e vella Galicia nosa”. Francisco Fernández del Riego, un dos
seus coetáneos na RAG e que o sucedeu na presidencia, cualifica a García-Sabell
coma “unha figura representativa, sobranceira no mundo da cultura, á que lle
aportou cousas substanciais (...). Foi esta unha contribución fundamental para a
cultura galega, pola súa ampla formación e pola responsabilidade intelectual coa
que García-Sabell sempre viviu”. En canto ó seu labor á fronte da RAG, Fernández
del Riego lembra que “García-Sabell fixo todo o que puido, tendo en conta que
tiña que compaxinar o seu traballo con moitas outras actividades que lle
restaban tempo e que non lle permitían ocuparse con máis dedicación ó
desenvolvemento da Academia. Aínda así, foi durante a súa presidencia cando se
realizaron os primeiros estudios filolóxicos e léxicos do galego e cando se
crearon seminarios para o estudio da lingua”.
Loita política
Chegada a democracia, García-Sabell loitou pola cultura galega tamén dende o
lado político. Coma el mesmo conta, esa interese pola cousa pública arrincou de
dous factores. “Por un lado, que o Rei me fixo senador (...). Polo outro, que
sendo eu senador real, Ramón Piñeiro me dixo que o que debía facer era intentar
galeguizar ó máximo a xente de Madrid. E naturalmente, empregueime niso a
fondo”. Nos anos da Transición formou parte do partido Realidade Galega e,
concluída esta etapa, García-Sabell seguiu ocupando un posto na vida pública ó
ser elixido delegado do goberno en Galicia. Ocupou este cargo durante quince
anos, do 81 ó 96, nas lexislaturas do PSOE.
Aínda que no 1996 García-Sabell deixou política e tamén a presidencia da RAG,
nunca abandonou o seu labor literario e investigador. Seguiu reflexionando e
escribindo, deixando sempre a pegada da súa rexa personalidade que lle fixo
gañar adeptos e rivais, e que tamén lle fixo gañar, no 1998, o Premio das Artes
e das Letras de Galicia . Pero sobre todo García-Sabell constituíu unha ponte,
un lazo, un nexo de unión entre as figuras máis senlleiras coas que el tratou
nos seus anos de estudiante, e os novos mozos de espírito renovador que
frecuentaban a súa casa da Rosaleda para escoitar ó mestre.
Declaracións
extraídas de:
-Platas Tasende, Ana María: Conversación con Domingo García-Sabell, en Revista
Galega do Ensino, 1995.
-Fernández del Riego, Francisco: A xeración Galaxia. Editorial Galaxia, 1996.
-Franco Grande, Xosé Luís: Os anos escuros, I. A resistencia cultural da
xeración da noite (1954-60). Edicións Xerais, 1985.
Galiza, entre o nexo histórico e o rupturismo
por
Adela Figueroa
Panisse
(Artigo publicado en Vieiros,
www.vieiros.com, 7
de agosto de 2003)
Ao fío da morte de García-Sabell achegámoslles unha reflexión sobre o
protagonismo dos vellos galeguistas escrita por Adela Figueroa Panisse,
catedrática de Bioloxia e Xeoloxia do IES Lucus Augusti de Lugo, membro da
Plataforma Nunca Máis de Lugo e vocal de participación e información cidadana de
ADEGA.
A morte do doutor García Sabell, colócanos diante do fenómeno da realidade
histórica e social desta terra: Galiza.
Para algúns, a figura pode representar un dos moitos elos en que a nosa historia
recente se debuxou, pois ninguén pode negar que foron homes como Domingo García
Sabell os que mantiveron acesa a chama do galeguismo nos tristes e dificeis
tempos da "longa noite de pedra" en que a dictadura de Franco sumiu esta terra.
Nesta linea de razonamento, o seu nome está ligado a outros insignes como Ramón
Otero Pedrayo (Don Ramón), ou Ramón Piñeiro,lugués de Láncara, que fundara aló
polos seus anos mozos de 1935 as mocedades galeguistas de Lugo, xunto con
Antonio Figueroa, e Luis García Pardo (Luis Sabarei). Foi un dos fundadores da
Editorial Galaxia, que foi concibida como o facho que tería que manter o
rescoldo da pobre labarada galeguista. A editorial Galaxia mantívose gracias a
outros homes como o tamén lugués Álvaro Gil Varela que non deixou nunca de
respaldala economicamente.
É unha xeración de homes que sobreviven á Guerra Civil, algúns despois de pasar
pola cadea, como Carvalho Calero, os citados Ramón Piñeiro e Álvaro Gil, que
senten a Galiza como o seu país e que teñen a responsabilidade histórica de
capear os maus ventos e pasarlles a testemuña ás xeracións futuras.
Isto faise dunha maneira bastante timorata dentro das pobres posibilidades que
permitía a situación. A esta xeración de homes pódeselle criticar que
practicaron un certo "pactismo", non tanto naqueles difíceis tempos da
dictadura, como nos tamén dificeis actuais.
Neste momento, por exemplo, non se pode entender como neste grupo de homes non
se levanta unha voz contra todas as atrocidades que se están a cometer con esta
terra, que eles defenderon no seu momento. Despois do accidente transformado en
desastre por un goberno que despreza a Galiza que eles defenderon, e que culmina
o seu desprezo coa concesión das medallas aos artífices da desgracia do
Prestige, non se escoitou unha voz destes que poderíamos chamar os nosos
maiores.
Só se sentiu a Díaz Pardo, a quen seguimos lendo con evidente alivio os que
pensamos que a historia deste país non debe de ser unha liña de puntos separada
por espazos baleiros, mais unha liña continua. Onde está a voz do Presidente do
Patronato da Cultura Galega, ula a do presidente da Fundación Penzol, o da
Editorial Galaxia?
www.galespa.com.ar