PROVINCIAS GALEGAS: DE SETE A CATRO
De cinco a sete provincias:
A Galicia Moderna comeza no 1480 e aparece estructurada en cinco "provincias":
Santiago, Betanzos, Lugo, Mondoñedo e Ourense. Estas eran as únicas
cidades de Galicia e, polo tanto, as únicas favorecidas co dereito de
representación na "Xunta do Reino". Esta división persiste ata mediados do
século XVI.
Tui e A Coruña acadan o acceso á Xunta do Reino. nacen así as sete
provincias de Galicia, aínda que sería máis exacto falar das sete cidades que,
cos seus representantes, procuradores ou deputados integran dende entón a Xunta
ou Deputación do Reino.
O territorio que abarcaba cada unha destas sete provincias non estivo en
principio fixado de forma precisa. Só no século XVIII se abordou a súa
delimitación. Estas eran desiguais en extensión, poboación e número de vilas.
Frecuentemente sóese comparar as vellas sete provincias coas actuais nacidas do
constitucionalismo pero temos que dicir que o seu sentido é moi diferente.
Galicia, no século XVIII, é un reino e como tal estructúrase e goberna baixo
formas típicas do Antigo Réxime. Por iso fálase de Galicia como provincia aínda
que mellor sería denominala reino-provincia, desta forma as sete provincias
históricas perden transcendencia. Estas sete "provincias" son a extensión
xurisdiccional abarcada por cada unha das cidades que teñen procurador na Xunta
do Reino.

ANTIGO MAPA DE GALICIA
Necesidade dunha verdadeira división provincial de España
Coa invasión napoleónica e a subseguinte reacción popular española, chega a hora
de convocar Cortes. No caso de Galicia preséntase a cuestión de a quén se debía
chamar a Cortes, ¿asumiría este papel representativo a vella Xunta do Reino? O
levantamento popular creara xa os seus instrumentos de representación e goberno:
As Xuntas Revolucionarias.
Galicia contaba xa no 1808 cunha Xunta Suprema abocada agora a se converter no
instrumento básico para a representación de Galicia nas Cortes de Cádiz. Esta
Xunta non monopolizou a presencia galega nas Cortes, senón que se arbitrou un
sistema mixto que daba acceso tamén a deputados escollidos polas cidades e polas
vellas provincias: Xunta, cidades e "provincias" formaron a representación
galega nas Cortes de Cádiz, ampliándose así a representación ata agora vixente.
Mais isto era tan só algo temporal. Unha vez restaurada a normalidade en España
e expulsado o invasor e preciso imaxinar un procedemento novo.
É entón cando se deseña un instrumento de
representación:
A PROVINCIA. É preciso dividir racionalmente o territorio español en
provincias que serán a base da futura representación e Cortes. División
provincial e Cortes convértense así en elementos inseparables que se xustifican
mutuamente.
Este radical cambio vai afectar ó vello instrumento de representación galego, a
Xunta do Reino e a arcaica división en cidades cabeza de provincia. Estes
elementos están chamados a desaparecer. Pero a Constitución de Cádiz foi incapaz
de afrontar unha operación tan complexa e todo foi aprazado. Galicia aínda viviu
moito tempo considerada como unha provincia- reino perdurando a súa vella Xunta
como canal de representación dos intereses galegos ante as Cortes ata 1834.
División de
Galicia en catro provincias
As Cortes comezaron pronto os seus traballos para a división provincial
ordenando levantar a Carta Xeográfica de España imprescindible para unha exacta
delimitación territorial. Créase a Comisión Especial de División do Territorio
(1820). O resultado do decreto en 1822 foi a división de Galicia en catro
provincias: a Coruña, Lugo, Ourense e Vigo (fixada nesta cidade a capital
provincial tras longa discusión):
Configuración
definitiva do territorio galego
Pero un novo retroceso na consolidación da división provincial galega opérase no
1823. Vólvese ás vellas institucións. Galicia volve a concibirse como unha
unidade provincial.O Real Decreto do 30 de Novembro do 1833 consolida a
partición de Galicia en catro provincias cun cambio substancial: O traslado da
capitalidade de Vigo a Pontevedra. Esta división de 1833 resulta bastante
equilibrada. As provincia galegas eran relativamente parellas en extensión e
aínda en poboamento. Dende estas datas a división provincial de Galicia non
sofre modificación. A extensión fixada no 1833 é a actual:
A Coruña : 7.876 km2
Lugo : 9.881 km2
Ourense: .7.278 km2
Pontevedra: 4.477 km2

As provincias van vivir durante todo este século unha profunda mutación do seu
carácter que vai dende a súa inicial configuración, como instrumento
centralizador ó servicio dunha administración racional regular e eficaz, ata a
súa definitiva personificación como entidades locais.
Fronte a esta división provincial do territorio galego houbo intentos de
superación: un deles foi o sistema autonómico do estatuto do 1936. Outro foi o
suscitado polo Real Decreto do 18 de Decembro do 1913 polo que autoriza a
constitución de Mancomunidades Provincias.
Aínda tendo en conta estes intentos de superación, a división física do
territorio operada no 1833 non vai experimentar ningunha modificación.
- BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA: "Historia de Galicia", Ramón Villares.
www.galespa.com.ar