O Fogar Galego para Anciáns (Bos Aires) 




A fundación de cada unha das institucións da emigración galega ten unha historia en común e ao mesmo tempo unha historia singular. Todas elas foron producto da necesidade dunha etapa histórica da nosa emigración. 

Coa chegada dos exilados en 1939, despois da derrota das forzas republicanas, Bos Aires convértese na capital da Galiza Ideal.

Primeiro chegaría Luís Seoane, quen logra fuxir por Portugal e despois sería unha longa lista de homes e mulleres dispostos a comezar unha nova vida.

Malia a derrota da España leal e republicana, Bos Aires recibia con especial fraternidade a chegada dos exilados galegos. Escritores, editores, médicos, artistas, actores, filósofos, avogados, xornalistas, catedráticos, unha morea de personalidades que enriqueceron a vida cultura arxentina. As tertulias de intelectuais da "Avenida de Mayo" pasaron a estar integradas polos novos e prestixiosos contertulios.

Os exilados ao chegar contaron coa solidariedade das entidades xa existentes, en primeiro lugar da Federación de Sociedades Galegas. Non tardarían moito tempo en fundar instituciónes, editoriais e medios de comunicación. Aínda que pertencían a distintos partidos políticos, algúns deles tiñan en común o pertencer á masonería, institución que daquela gozaba de grande prestixio entre os círculos republicanos. É así como un grupo destes exilados conforman ao pouco de chegar a Loxia "Antolin Faraldo" composta íntegramente por exilados galegos. O destacado escritor Arturo Cuadrado cóntanos sobre a súa creación e posterior fundación dunha das súas obras máis importantes, o Fogar Galego para Anciáns:



"Ao chegar ao Porto de Bos Aires estábame agardando Luís Seoane. Así como nos demos unha aperta xa estabamos a falar de facer proxectos xuntos. Entre eles, Seoane proponme que tiñamos que organizar unha loxia entre exilados. Aos poucos días reunímonos na casa de Horacio Bermúdez Abente e alí, a suxerencia de Seoane, fundamos a loxia de exilados e puxémoslle de nome Antolin Faraldo, en homenaxe dese destacado estudiante nacionalista. Entre os miembros da Antolin Faraldo lembro entre outros a Gumersindo Sánchez Guisande, ese gran médico que atendeu a Castelao. Tamén participaba o doutor Antonio Baltar, o deputado de Izquierda Republicana, Elpidio Villaverde, o médico e poeta, Rey Baltar e Eduardo Blanco Amor (durante unha breve etapa). Creo que esta loxia foi moi importante no traballo cultural, creando ou impulsando editoriais e todo tipo de iniciativas culturais. Creo que unha das grandes obras impulsadas pola Antolin Faraldo foi a fundación do Fogar Galego para Anciáns de Donselar".



Será o propio Gumersindo Sánchez Guisande un dos protagonistas desta historia quen nos conte como foi exactamente a fundación desta importante institución:

 

 

 "O Fogar Galego para Anciáns foi unha corazonada que chegou a bo fin polo xeito diferencial que temos os galegos. A anécdota é coñecida mais é boa repetila. No ano 1942 estabamos reunidos no Café "La Asamblea" da Avenida de Maio, un antigo residente bonaerense, don Miguel Portela xunto a dous recén chegados, don Horacio Bermúdez Abente e mais eu. Ese día o diario "La Prensa" traía a nova en recadro de atopar muerta, a causa do frío a unha anciá galega natural de Ourense. A emoción conseguinte que nos causou o feito fíxonos reaccionar do xeito máis lóxico: é dicir máis galego. Buscar de inmediato un lugar para aloxar a eses desherdados da sorte. Pensamos vernos co señor Jacobo André da firma "André y Touriño" e cara alí nos diriximos. No camiño encontrámonos co poeta Arturo Cuadrado, quen nos acompañou para a entrevista. A idea prosperou e foinos moi útil na emerxencia o señor Jacobo. O caso é que, pouco tempo despois, o que parecía un soño foi unha concreta realidade. Reuniámonos os domingos nun departamento que alugaramos no Pasaxe "La Rural" co doutor Antonio Baltar, engadíndolle á lista de entusiastas a Miguel Salgues, Manuel Roel, Domingo Maza, Manuel Picón e Luís Seoane. Arturo Cuadrado redactou o manifesto dirixido á colectividade e os formularios para se inscribir e de inmediato nomeouse unha comisión para redactar os Estatutos. Ao ano seguinte o 29 de xuño constituíuse a Comisión definitiva que presidiu o señor Emilio Andre. Así naceu o Fogar Galego para Anciáns, hoxe paradigma de institución. A compra do terreo en Donselar culminou a aventura. Debéndose lembrar nesta emerxencia a axuda tenaz e desinteresada de don José Luís Tresguerras, que foi o brazo dereito dos irmáns André e home voluntarioso a quen quero recordar nesta emerxencia con todo cariño".



ACTA Nº 1

En Bos Aires ás quince horas do día vintenove de xuño de mil novecentos corenta e tres, e coa asistencia dos señores que á marxe se expresan, ábrese a primeira sesión para a constitución provisional, que ha de dar normas para encauzar a idea de fundar un Fogar Galego para Anciáns.

Consideráronse as razóns polo que resulta urxente a fundación dunha institución de tal carácter , entre as que, se fixo patente o de evitar o triste cadro diariamente repetido, de ver implorar a caridade pública a homes e mulleres que, na vida dura, na loita pola existencia, o destino ou a sorte mergulláronos na desesperanza, quedando vencidos pola vellez e a pobreza, ao borde do camiño, sen fogar e sen amor.

Quen espera en tales condicións o remedio dos seus males, remata por concretar as súas esperanzas nos grandes recursos humanos, da sociedade ou do Estado, difíciles de lograr e condicionados, da sociedade ou do Estado, difíciles de lograr e condicionados moitas veces a circunstancias que o ancián non reúne, supeditando noutros casos a influencias que nunca se logran e mentras tanto as doenzas aumentan coas necesidades e o desamparo medra por horas ata que atopan a morte na vía pública.

Asiantes: Jacobo André, Emilio André, R. Rey Baltar, Gumersindo Sánchez Guisande, Antonio Baltar, Luís Seoane, M. Salgués, Miguel Portela, Horacio Bermúdez, Manuel Roel, Arturo Cuadrado, Domingo Maza, B. González Rey, Sergio Riveiro, Manuel Peón, Antonio Carballo e Francisco Blanco.

 

 



Aos poucos o Fogar Galego para Anciáns foise haciendo realidade. As institucións galegas organizaban todos os anos festas nos seus locais sociais para recadar fondos para o mantemento do mesmo. Entre as que máis se destacaron neste labor foron: a Federación de Sociedades Galegas, o Centro Pontevedrés, Centro Galego de Mar do Plata, ABC de Corcubión e un sen fin de sociedades galegas.

Tamén contou coa axuda desinteresada de benefactores que fixeron cuantiosa donacións, entre elas as de Fernando Gil Barros, un ourensán que chegou ao Fogar nos últimos anos da súa vida. Ao morrer deixou as dúas propiedades que tiñan un valor multimillonario. María López de Veneri deixou unha doación en cartos que segundo os comentarios do momento eran todos os aforros dunha vida. Outra das benefactoras foi Olimpia González Pérez que donou 64 lotes de ierra ubicados na entrada de Lujan na Provincia de Bos Aires.

O deputado do Partido Galeguista Ramón Suárez Picallo pouco antes da súa morte facía esta reflexión para o xornal "Lugo": "Somos moitos -e falamos consciente e personalmente na primeira persoa do plural- os que, a punto de non poder xa defendernos fisicamente na loita polo pan e polo albergue, non temos máis esperanza que o de ser acollidos amablemente no fogar que leva advocación galega para pasar alí os últimos días das nosas vidas. E non é con pena nin melancolía que temos esta esperanza, pois sabemos que durante as nosas vidas senón soubemos conquistar fortuna material, fomos o bastante xenerosos para dar o mellor de nós msmos á patria na que nacimos; e que este darse terá premio cabal morrendo en repouso e en descanso entre irmáns e entre amigos".

 



Entre os Presidentes desta institución podemos nomear ata os anos noventa:

Jacobo André (1943 a 1956), Ramón Rey Baltar (1956 a 1959), Antonio Baltar Domínguez (1958 a 1959 ), Ramón Martínez Rey (1959 a 1963), Enrique Vázquez Carballal (1963 a 1967), Alfonso Sánchez Guimarey (1967 a 1975), Genaro Arceo Román (1975 a 1988), Leopoldo Bartolomé (1988 a 1990) e José Casalderrey (1990 a 1993).

 

 

Autor: Lois Pérez Leira

 

FONTE: Enciclopedia da Emigración Galega, www.cigmigracion.com

 

 


www.galespa.com.ar