FESTAS ESTACIONAIS :
A MALLA
A faena da malla era
a festa típica das terras onde se cultivaba o centeo e o trigo.
Comezábase por arranxa-la eira, recebándoa onde
fora preciso, para deixala lisa e sen fochas. O chamado "paparruallo",
formado de antemán, era estendido cunha vasoira de silvarda, ficando
como luído; e mentres non pasaban os días necesarios para que secase, a eira
era coma un lugar sagrado onde ninguén podía pisar, nin sequera as galiñas.
Chegado o día da malla,
sempre en día de sol de xullo ou de agosto, desfacíanse as medas; pasaban á
eira os mollos que as formaban; colocábanse arredor todos de pé, a xeito de
valado para que o gran non brincara fóra ; estendíanse os demais
simetricamente encol da eira, facendo así as eiradas, e os malladores
colocábanse en dúas ringleiras, fronte a fronte, porque a calor o esixía e a
faena o requiría. Os dun lado empuñaban os mallos facendo xira-los pértegos
no aire e deixándoos caer de golpe sobre as espigas, e os do lado fronteiro
facían a mesma faena. Deste xeito, cun compás rítmico, ían mallando as
espigas ata que soltaban todo o gran.
Non había présas nin
bulicio: todo era grave, solemne e só se oían os golpes compasados dos
pértegos. A malla non era barafunda coma a escasula, nin dionisíaca
coma a vendima, nin brincadeira coma a ruada, nin divertida coma o fiadeiro,
nin estridente coma o folión. Tiña moito de festa, pero de festa
austera, serena, ordenada, e os malladores semellaban sacerdotes dun antigo
rito de traballo.
O espallamento das máquinas
malladoras foi a causa de que as mallas foran esmorecendo de vagariño,
e xa non se bota man da cooperación veciñal da roga, a axuda ou o troque,
antes obrigados.
Non poucas comarcas galegas
posuían eiras de propiedade comunal, gardándose tradicionalmente o sitio que
correspondía a cada familia para face-la meda preto; e, no tocante ó seu
disfrute para a malla, os veciños avisábanse con antelación e por rigorosa
rolda no percorrer dos anos.
Nalgunhas comarcas existía
comunidade para face-la malla. Entre xentes supersticiosas da Capelada
(Ortigueira) crese que cando a malla cadraba cun día neboento, víase rubir
por entre o neboeiro o trigo das eiras dos vales próximos.
A Meda: era unha construcción cónica que se facía
comunmente na herdade contigua á casa, ou na eira, para que secara ou
conservara o gran mentres non chegaba a malla.
Pódese dicir que as medas
estaban constituídas por trigo e centeo, con palla e gran, pois a cebada
cultivábase moi pouco. Cando se ía segando o cereal, este íase
estendendo sobre a mesma leira, formándose logo feixes pequenos ou mollos
que se dispoñían en "maragoutos" e eran contados por "dezmas", a cada unha
das cales se lle calculaban dous ferrados e medio os anos de colleita
ordinaria.
Logo da sega, cando o gran e
a palla se xulgaban xa ben enxoitos, carrexábanse os "maragoutos" á eira e
alí facíanse con gavelas as medas, non desfacéndoas ata o día da
malla.
Antano era unha arte
especial, a da construcción das medas, e o labrego que collía pan de
seu e puña todo o empeño en ca súa meda fose a mellor do lugar, mesmo
do contorno, polo esmerado da súa feitura e a perfección da aparencia
exterior.
Nalgunhas comarcas tamén
adoitaban facerse medas de millo, conservándolle a cana e a espiga, pero
isto non era moi frecuente. Polo xeral, o millo era recolleito,
quitábaselle a palla, metíanse as espigas no canastro ou cabaceiro para que
se desloirasen, escasulabanse logo e despois pendurábanse nas solainas ou
nos teitos das vivendas, atando as follas unhas con outras para formar
mañizos e deixando as espigas a descuberto
Mónica Beatriz Suárez Groba
-
Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio
rodríguez gónzalez.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
.
www.galespa.com.ar