OS MAIOS EN GALICIA

ORIXES DA FESTA DOS MAIOS
A Festa dos Maios, naceu na prehistoria cando os primeiros homes se
preguntaban sobre esa forza renovadora que cada ano , tras a época das chuvias e
o frío facía abrota-la semente e revestía os campos de variadas cores. Nunha
sociedade neolítica a dependencia do ciclo regular das estacións, da forza da
natureza provocan o nacemento do culto a "deidades" do mundo vexetal
coma ás árbores. Debíalles sorprender a aqueles homes a coincidencia da estación
primaveral coa fecundidade animal que non tardaron en relacionar, tamén, coa
fertilidade da especie humana; de aí nacerá o culto á fecundidade e ós amuletos
máxicos.
Os gregos, unha das máis avanzadas culturas mediterráneas, foron máis inxeniosos
creando un mito para explica-lo cambeo estacional:
" Perséfone, filla da deusa da fertilidade da terra ( Deméter para os
gregos, Ceres para os romanos) que foi raptada polo señor do escuro e
friorento mundo subterráneo, cando ,como tódolos anos ,volta á terra despois do
inverno que pasa co seu esposo Hades , a súa nai recibea cunha explosión de
ledos verdes e frores multicores
" . Esta eclosión primaveral celebrabana as mulleres da Atenas clásica coas
festas mistéricas ,de carácter secreto e prohibidas ós homes , adicadas a deusa
dos cereais.
Os cidadáns romanos, pola súa parte , xa antes de ter escravos que lles
traballaran as terras, festexaban á
Maia,
nai do nome do mes ( que desde os romanos está no calendario dos pobos
conquistados por eles ) durante a que se purificaban os campos coa realización
de sacrificios de animais. Os cristiáns adaptarán , en grande medida , estas
festividades no seu santoral transformando o nome , pero non os contidos.
Mais chegará a Idade medieval na que as novas técnicas agrícolas fan medrar
tanto a producción coma a poboación. Nestas sociedades xerarquizadas nos que
guerrean (reis e nobres) , os que oran ( monxes e bispos) e os que laboran para
eles, os labregos, sufrían ,ademáis de guerras e pestes , as malas colleitas; e
,do mesmo xeito , bricáballes o corazón no peito co bo tempo, doado para as
mellores colleitas. Por iso, pódese asegurar que na etapa medieval a celebración
de rituais propiciatorios do espertar da natureza , expresión cultural dunha
sociedade agraria na que xogan un papel fundamental os cambios estacionais para
o seu traballo, para a súa existencia, experimentou ,sen dúbida, un notable
desenrolo. Dos festexos transmitidos polos vellos labregos ós seus fillos e
netos estarían , sen dúbida , os do
mes de Maio ( tras da sementeira) e os do tempo da
colleita, preferentemente a do pan.
Como exemplo do vencellamento do
mes de Maio coas colleitas serva a cita do Libro de Alexandre: "
Sedie el mes de Maio coronado de flores afeitando los campos de diversas
colores, organeando las Maias e cantando d' amores espigando las mieses que
siembran labradores "... Precisamente as colleitas, é dicir, a fecundidade
dos campos ,víronse interrelacionadas inevitablemente coa fertilidade do gando,
e , cómo non ,perto dos fruitos propios dos amores entre homes e mulleres. Este
tópico da literatura popular e culta sitúa con nítida claridade ó mes das frores
como " locus amoenus" ( lugar e momento ideal ) para o froreceren dos
amores humanos.
Para os estudiosos do tema , como Xosé Filgueira Valverde, o sustrato preromano
,de certa tradición celta, pervivíu nas prácticas heterodoxas de Prisciliano e
os seus seguidores (século IV d.n.e. ), herexía que atopou un gran número de
seguidores no que é hoxe Galicia,norte de Portugal e terras próximas.
Sabemos , por outra banda , que o culto ás árbores estaba , entre os Suevos (
poboadores da Provincia Gallaecia romana), estreitamente emparellado co deus
Thor ou Donnar, a quen cosagraban árbores grosos e vellos. A
catequización do reino Suevo de Galicia, tentando de paso eliminar as prácticas
naturísticas dos priscilianistas, encargarase a San Martiño de Dumio no século
VI d.n.e., gracias ó que dispoñemos das primeiras referencias escritas da
celebración destes ceremoniais nestas terras pola súa obra De correctione
rusticorum .
Mais é tamén no século VI cando o Papa Gregorio Magno , segundo nos comenta
Clodio González Pérez no seu libro sobre os maios en Galicia, recomendaba: "
Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que
ofrecen ós seus deuses; transladalos ó día das festas dos santos mártires, coa
fin de que , conservando algunhas groserias , alegrías da idolatría, se
predispoñan máis doadamente a gostar das ledicias espirituais da fe cristiá ."
Aínda que non remataron as prohibicións dos maios e das xuntanzas campestres,
foise impoñendo esta tendencia de sacralizar as festas estacionais.
Clodio González Pérez danos unha relación altamente clarificadora dos días do
Santoral vencellados coas plantas e que aparecen arredor do 1º de Maio:
ABRIL
Domingo seguinte ó 23..................................... San Xurxo.
día 25......................................................... San Marcos.
día 29......................................................... San Pedro
Mártir.
último domingo.............................................. San Alberte.
MAIO
día 1.......................................................... San Felipe e
Santiago, o Menor, apóstolos ( " Santiago o Verde").
día 3.......................................................... Invención da
Santa Cruz, Santa Elena.
día 9.......................................................... San Gregorio,San
Martiño.
A todos estes deberemos engadir o día 15 adicado a San Isidro labrador, e datas
coma Ascensión ou , xa propia dos primeiros días de Xuño, o Corpus Christi, que
sendo variables de sempre conlevan variopintas manifestación florais. Non
podemos esquecer nesta relación a advocación que se lle da a todo o mes de Maio
como mes da Virxe. Este carácter mariano enmarca unha das composicións máis
antergas do galego-portugués, as Cantigas de Santa María do rei Afonso X, o
Sabio. O certo é que todas estas condenas quedaron reducidas na práctica a
aparición das coñecidas cruces de maio , que hoxe seguen vivas , por exemplo ,
nun bo número de vilas galegas.
Curiosísima é a testimuña de Phillip Stubbes, membro destacado da secta puritana
de Inglaterra, que en 1.583 describe as festas de Maio en Anatomía das Ofensas
do seguinte xeito: "En Maio, tódolos mozos e mozas, vellos e casados ,
corretean pola noite nos bosques, lomas e montañas, onde pasan tódala velada en
alegres pasatempos; e pola mañán voltan traendo ramas de bidueiro e outras
árbores para adornar as súas xuntanzas ...E non hai que asombrarse ... que estea
presente entre eles , como superintendente de tódolos xogos e pasatempos, Satán,
príncipe dos Infernos...." e , pouco máis adiante, engade que " homes de
reputación e gran seriedade declaran que do centenar de doncellas que van ó
bosque esa noite, menos da terceira parte volve inmaculada a súa casa". Esta
licencia recriminada por algúns sectores da sociedade parece ser a clave das
repulsas dos máis conservadores durante unha longa etapa incidindo , máis
adiante, nas molestias causadas pola intención petitoria de moitas destas
manifestacións. Mais as prohibicións tamén tiveron carácter civil en Portugal .
Nos séculos XIV e XV son frecuentes na lexislación a advertencia de que non se
canten " nem Janeiras , nem Mayas...".
Máis pola contra nas cortes reais foron estes festexos de fonda raigaña e ata a
chegada da Ilustración non xurdirán estas prohibicións civís. As razóns
esgrimidas son as que xa denunciaba con gracia no entremés titulado La Maya Luis
Quiñones de Benavente no século XVII :
No sé por dónde vaya que no me tope una maya y otra maya Maya aquí, maya
allí ¡ donoso talle! mayando está en Madrid cualquiera calle. O conde de Aranda
recrimina o carácter petitorio das que "con el nombre de mayas se ponen en las
calles causando irrisión y fastidio a las gentes" estas e outras Reais
cédulas de Carlos III reiteradas en anos consecutivos tampouco lograron
erradicalas.
Será a finais do século XIX cando como consecuencia dunha nova sociedade baseada
cada vez menos no sector primario da economía , fenómenos como a caída do
Antergo Réxime, o éxodo campo-cidade , os propios avances tecnolóxicos,
científicos e ideolóxicos da sociedade , escomeza a decadencia do mundo rural e,
paseniñamente , con ela perderán forza estas manifestacións estacionais. Tan
solo se manterán naqueles núcleos de poboación onde ainda haia un continxente de
mozos dispostos a conserva-lo costume. Tamén nas vilas prodúcese o fenómeno de
quedar reducido a festas de rapaces , cecáis polo carácter petitorio que
proporcionaba a mocedade alguis cartos cousa nada desdeñable , e, como non ,
pola dimensión lúdica e de sátira social na que se foran especializando estes
maios vilegos (Pontevedra, por exemplo).
Veremos nacer concursos que premian as coplas máis audaces e graciosas. Pero
tamén por iso son reprimidas novamente en tempos das dictaduras , como a de
Franco , nos que non se toleran críticas polo que van esmoecendo obxecto da
censura e da prohibición. Chegan ,pois, tremendamente esgotadas estas tradicións
ós nosos días producto dunha nova sociedade que ten mecanismos moi potentes de
uniformización da cultura, causando o desarraigo das expresións culturais
seculares propias, específicas de cada pobo.
Mais recentemente vívese un espertar esperanzador destes festexos, adaptados ás
novas realidades. Colectivos semellantes ó noso , conscentes da necesidade de
pasar o relevo deste legado cultural as xeneracións que veñen detrás , seguros
de que a variedade cultural é un signo distintivo da humanidade.
OS DISTINTOS TIPOS DE FESTEXOS DOS MAIOS
Abordemos agora a clasificación das distintas modalidades existentes en Europa e
na península para poder así mellor catalogar o noso. Servíndonos dos datos que o
etnógrafo J. Frazer ofrece no seu coñecido libro A rama dourada veremos como os
distintos tipos de manifestacións primaverais que tamén aparecen se dan no
Estado español. O caso das
"enramadas" sobre portas das cortes , preferentemente, están tan
extendidas en Irlanda como en Galicia buscando a protección do gando de calquera
mal vencellado co inverno e propiciando a fecundidade.
Está documentado desde o século XIII nas rexióis de Saxonia ,Burdeos , Provenza,
Baviera, o costume de ir busca-lo maio (majum quaerere). Trátase dunha
"árbore de maio", das máis esbeltas dos arredores, que encarna toda a
simboloxía da festa e que colocan nun lugar céntrico adornándoo de moi variados
xeitos ( cintas de cores, flores,etc...). Este tipo de celebración é o máis
usual polas terras de Castela para realizar alí , entorno á árbore , bailes e
xogos. Un destes xogos son as cucañas ,ou disputas por acadaren un
premio posto no máis alto da árbore que se instalou no medio do pobo , para que
, os máis decididos , trepen pol él acadando o recoñecimento dos convecíns , ás
veces denominados co título de "
rei de maio " en Francia e Inglaterra. Quen sube o primeiro pola árbore
ensebada ou gana noutro xogo semellante pode escoller a "
raiña de maio "( en Suecia e Noruega as rapazas elixen entre elas a
raiña a quen lle toca nomea-lo rei de maio entre os mozos ). Con frecuencia
mistúranse nestas rexións centroeuropeas as enramadas nas alcobas das noivas que
poden emparentarse coas cancións de " ronda de maio " moi extendidas , tamén ,
polo Sul e outros lugares da nosa península.
O "maio-mozo" , ou maio vivinte, personificación da fecundidade vexetal,
propio de Galicia , verémolo o día 23 de Abril baixo o nome de "Xurxo o
Verde" en Rumania e entre os eslavos rusos. En Inglaterra chámaselle "
Xoaniño o Verde ". Do mesmo xeito en terras cataláns " les
maiets " englóbanse neste tipo de maios. As coñecidas co nome de "maias
" tanto en Galicia coma Castela, rapaciñas vestidas de blanco e ataviadas con
guirnaldas de flores, aparecen en Lituania e tamén na Alsacia francesa.
Tomando como modelo un esquema plantexado por Julio Caro Baroja no seu libro La
estación del Amor: Fiestas populares de Mayo a San Juan faremos unha
clasificación válida para tódalas manifestacións existentes en Europa:
1- Baixo dunha forma humana: > maio-mozo ou rei maio > maias ou raiña de maio >
boneco ou maio figurado
2- Baixo dunha forma vexetal: > árbore > rama da árbore > flor
3- Baixo dunha forma humana combinada coa vexetal : > árbore, máis rei de maio >
rama ou flor máis persoa ou boneco.
OS MAIOS EN GALICIA
Abordemos a clasificación plantexada polos estudiosos galegos onde atoparemos
unha gran de diversidade de rituais primaverais coexistentes en Galicia :
a) Manifestacións agrarias ou propiciatorias:
cando se quere unha abundante colleita. Propias de persoas maiores polo xeral .
Destacamos entre estas o
" alumea-lo pan ou danzas do pan " consistentes no percorrido dos
campos sementados con fachucos de palla prendidos ( o lume coma elemento
purificador ) e recitando invocacións, tamén acendendo fogueiras nesta última
noite de Abril , noite por outra banda vencellada as meigas en Centroeuropa. O
"poñe-lo ramo " nas leiras, cortes, animais e incluso os apeiros coa fin de
afasta-lo mal xunto coa "bendición dos campos" con auga (outro elemento
purificador) bendita ou de fontes de recoñecida valía son cerimonias
propiciatorias de boa colleita.
b) Manifestacións propias de
nenos ou mozos. De entre estas citaremos en primer lugar a entrega de "
ramos de flores " cantando algunha
copla no día ún do mes de Maio á noiva, ás mozas ou ós viandantes . Os
"arcos de flores " estaban feitos nos camiños con polas,bimbias
adobiados con cintas e flores tanto no día 1, no Corpus Christi,ou na da Sta.
Cruz , neste día constrúense "cruces de flores " que tamén se chaman
maios .
A "
árbore de maio " é moi rara en Galicia, parece ser que a tradición
mandaba roubala antes de chantala nunha praza para queimala ou pendurar un
boneco dela.
Un
tratamento específico merecen "os
maios-mozos " dos que temos un magnífico exemplo en Vilafranca do
Bierzo, un mozo véstese con plantas e atavíase con flores.
As coplas consérvanse sempre iguais na actualidade na Galicia administrativa que
nós teñamos coñecimento xa non sae ningún cando fai cen anos eran moitas as
vilas que os mantiñan vivos. Doutro xeito, sendo maios humanos como os
precedentes, definimos " as maias " como grupiños de nenas vestidas de branco e
con coroas de flores ou arcos que se adican a pedir para un santo ,ou a Sta.Cruz
,polas rúas ou instalando altares nun lugar céntrico.
Dentro do que se denominan
" maios figurativos " o máis común é unha figura cónica ou
piramidal con estructura de paus e recuberta de follas , flores e outros adobíos
( ovos, laranxas,etc...) transportable gracias ás andas que lle son acopladas
polos mozos , que a acompañan cantando coplas que varían de ano en ano . Estas
coplas as máis das veces conteñen críticas sociais contra
alcaldes,gobernadores,caciques; outras ridiculizan a personaxes
famosos,modas,feitos chocantes. Pero todas elas na súa meirande parte parecen
seguir un esquema tradicional onde sempre afloran alusións ó mes de Maio. O
canto é acompañado con golpes de palitroques que levan nas mans. Por último,
están os " barcos de maio " que se tratan dunha reprodución dun barco ó
que se lle colocan unhas rodiñas para movelo polas rúas.Como é de supoñer son
tradicionais nas vilas como Marín ou Vilagarcía de Arousa ,vilas mariñeiras .
Tendo enconta que moitas delas xa teñen desaparecido namentres que outras ainda
seguen vivas situamos no seguinte resumo os lugares onde tiveron ou teñen
presencia estes costumes:
a) Manifestacións propiciatorias:
Alumea-lo pan ou danzas do pan: Noia e Arousa(PO) ; Poñe-lo ramo. >
Bendici-los campos.
b) Manifestacións lúdicas ou festivas: Ramo de
flores: Cambados(PO), Queiroga (Lu),Brión (C),Os Riòs(Our.) ;
Arcos de flores: Tiobre-Betanzos(C). ; Cruces de flores:
Ourense,Pontevedra,A Coruña, Noia,Ferrol,... ; Arbore de Maio:
Laza(Our.), Entrimo(Our.) ; Maio-mozo: Santiago, Viveiro, Ribadeo,
Mondoñedo, Portomarín, Lugo, Ribadavia, O Carballiño, Vilalba, A Coruña, As
Nogais, Viana do Bolo, Celanova, Verín, Noia, Porto do Son, Castro Caldelas,
Monforte de Lemos, Carnota, Queiroga, Pontedeume,etc.... e Vilafranca do Bierzo.
; Maias: Pontevedar,Muros,A Coruña... ; Maios figurativos:
Pontevedra, Ourense, Marín, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Caldas de Reis,
Allariz, O Barco,etc...
O "CICLO DE MAIO" E AS SÚAS MANIFESTACIÓNS
En Galicia houbo, e aínda hai, prácticas vencelladas coa agricultura, gandería,
mar, co xogo, co amor, e outras consideradas cristiás, aínda que é probable que
fosen cristianizadas na Idade Media.
1) Manifestacións agrarias:
A súa finalidade é a de favorece-la medra da colleita arredando o mal, xa sexa o
que provén do home (meigas) coma dos animais e mesmo dos axentes
meteorolóxicos.
A máis coñecida é a de "alumea-lo pan", da que aínda quedan restos moi minguados
en varias aldeas dos concellos coruñeses de Rois e a Serra de Outes. Noutros
tempos a súa práctica
estaba bastante estendida e recibía distintas denominacións, como "alumea-lo
centeo", "larada de Pampallín", "Lume pan", etc. Fóra da península tamén se ten
rexistrado esta práctica en varias comarcas francesas.
Estas manifestacións celébranse na derradeira noite de abril, pero antes
nalgunhas localidades facíase coincidir coa festividade cristiá de San Pedro
Mártir, o día 29. A data do 30 de abril é de grande importancia no centro de
Europa, xa que é cando as meigas fan as súas xuntanzas nas montañas alemanas de
Brocken ou Blecksberg.
A variante máis estendida é a de facer un fachico de colmo ou palla e con el
ardendo, bendici-las leiras ó mesmo tempo que se din impetracións propiciatorias
sobre o froito sementado. Outros en vez de andar con fachicos fan fogueiras ou
cacharelas, como as da noite de San Xoán, e arredor delas dinse cantigas
propiciatorias:
"Lume, lume
Ve o pan
Deus che dea moito gran,
Cada gran coma un bogallo
Cada pé como un carballo.
Lume ó pan
Lume ó pan
Cada espiga
Seu bo pan".
A esta mesma xeira pertence, entre outros, o costume de chantar poliñas nas
leiras, durante o traballo ou despois. O máis normal é que sexan de xesta,
arbusto considerado na cultura popular como posuidor de grandes propiedades
chamadas "apotropaicas" para alonxa-las influencias maléficas; de aí que se
poñan o primeiro de maio nas fiestras e portas das casas, nos apeiros de
labranza, nos barcos de pesca, etc., para que a súa presencia arrede o mal para
todo o ano.
2) Manifestacións pecuarias:
O
gando é o protagonista. Actualmente desapareceron todas. O día tres, festa da
Santa Cruz non se xunguía o gando vacún, nin sequera se ataba polos cornos.
O seu significado é escuro, aínda que é posible que estivese relacionado co
crecemento, xa que o gando ceibe brinca e come canto quere e medra antes e
máis.
O primeiro de maio, nos Ancares, a principio de século, adornábanse as vacas con
flores, e tamén era o día de marca-los años, cabritos, etc. para que puidesen
andar soltos polo monte.
3) Manifestacións mariñeiras:
Desapareceron todas agás a de pór o primeiro de maio unhas poliñas de xestas nas
proas dos barcos en varios portos, en particular nas Rías Baixas.
4) Manifestacións lúdicas
A súa finalidade é anuncia-la eclosión primaveral, e teñen lugar nestes días de
abril e maio. Os seus principais protagonistas son nenos e mozotes polo que hai
que contalas dentro do eido do xogo e do lecer.
Entre
outras está a de poñer arcos nos torreiros, campos, etc. onde se vai celebrar
algunha festa. Tal costume morreu agás en Tabagón (O Rosal), que por mor dunha
festa relixiosa mantivo o nome e cambiou a data de celebración a febreiro.
A da "árbore de maio" segue viva.Uns mozos rouban a árbore máis
esvelta dos arredores, córtana, límpana,e entre cantigas lévana á praza onde
permanece varios días ata que remata a festa da Santa Cruz. As interpretacións
sobre o significado deste asunto é variada, vai dende a morte e resurrección do
mundo vexetal.. Aínda que o significado era o mesmo, o rito non é o mesmo nos
distintos lugares onde existe.
5) Manifestacións amorosas:
Coa
primavera tamén espertan as paixóns amorosas, e estas teñen a súa manifestación
a través de cantigas e ritos, como o que se usaba na Luaña (Brión, A Coruña),
que en tal data, o mozo que pretendía a unha moza facíalle entrega dunha póla de
xesta florida. Se a aceptaba significaba que o quería como pretendente.
O máis normal era pór os ramos nas ventás; se a relación ía ben poñíase de
xestas, se ía mal substituíase polo toxo, en Entrimo empregaban canoteiros secos
de verza, e en Loureses (Blancos, Ourense) o ramo dependía da fermosura da
muller. En Buxán (Rois), na noite de alumea-lo pan, aproveitaban mozos e mozas
para andar xuntos toda a noite e non chegar ás casas ata o amencer. Era a única
noite no ano na que tiñan licencia.
6) Manifestacións cristianizadas:
Cando interveñen vexetais en celebracións cristiás é probable que a súa orixe
sexa pagá. A igrexa seguiu dos camiños: prohibi-la celebración anatematizando ós
que as practicaban ou adaptalas á súa ortodoxia.
Moitas cerimonias pagás pasaron así á Pascua, e a máis sonada é a de San Pedro
Mártir, celebrada en todas as poboacións onde hai ou houbo un convento dominico.
En Santiago aínda se seguen a bendicir ramallos de oliveira para espetar nas
leiras, gran para sementar, “escritos” para afastar os lóstregos,etc. Tamén son
famosas as de Ribadavia e A Coruña.
A outra celebración sobranceira é a da Santa Cruz: a cruz é madeira e a
auténtica (na que Xesús foi crucificado) descubriuna Santa Elena o día tres de
maio, xusto cando os vexetais se amosan esplendorosos despois da tempada
invernal. A Cruz de Cristo, como árbore que é, “resucitou” no mesmo tempo en que
o fan os demais vexetais. Pero a máis favorecida foi a Virxe que se fixo dona de
todo o mes.
Relacionados co culto cristián están aquelas cerimonias ou ritos agrarios que se
practican para afasta-los perigos das sementeiras e dos campos cultivados. O
normal é que nas impetracións interveñan unha oración, auga bendita na igrexa o
sábado santo, polo regular, e unhas poliñas de oliveira, xesta, loureiro, etc. ,
que fan de hisopo natural e que despois quedan chantados na leira.
Tamén era cristián o costume extinguido en Galicia de erguer grandes cruces
florais nas prazas ou encrucilladas.
ANTIGA FOTO DE MOZOS FESTEXANDO OS MAIOS NO BIERZO
-
BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA: "galicia 2001:
etnografía espiritual", Xunta de Galicia, breviario enciclopédico de eladio
rodríguez gónzalez,
www.bierzocultura.com
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar