 |
| |
RITOS CICLICOS E FESTAS ESTACIONAIS NA CULTURA GALEGA
A operación da escasula adóitase facer de noite en locais pechados.
É un dos costumes aldeáns máis típicos e xeneralizados en Galicia, sobre
todo nas comarcas onde se cultiva o millo, que é na maior parte da nosa
terra. As espigas que han pasar ó hórreo despóxanse de tódalas follas e as
que han ser penduradas nas solainas
ou pontóns do teito do sobrado descóbrense de todo, deixando unhas poucas
follas que se atan entre si polas puntas, co gallo de que, mercé ó arco que
deste xeito forman, se poidan pendurar da varanda en mañizos a xeito de
acios para que se deloiren.
Como manifestación folclórica, constitúe parte dos nosos estilos
consuetudinarios. As mozas do lugar acoden logo do anoitecer á casa do
veciño que precisa da súa colaboración, e alí escasulan entre cantigas
populares, contos de trasnos e relatos de vellas lendas.
A axuda que prestan as escasuleiras é de balde, aínda que ás veces
se os medios económicos do dono o Permiten, adoita agasallalas cunha cea. Á
escasula concorren tamén, por inveterado costume e práctica tradicional, os
mozos das aldeas da contorna con mentes de lles face-las beiras ás rapazas.
Acabada a faena, a mocidade renova as cantigas populares, repinícanse os
pandeiros, soan as cónchegas e, ó seu compás, ármase o baile que se alonga
ata preto da media noite.
Nome que dan nalgunhas comarcas á escasula da que se diferencia en
que nesta se desfollan completamente as espigas do millo, para que
pasen directamente ó canastro.
Preparada a morea das espigas, os que fan a esfollada colócanse arredor, co
aliciente dun pote cheo de zonchos (1); e a moza que na desfolla
atopa a primeira espiga loira é considerada a raíña da festa, porque o
achado se estima presaxio de fortuna.
Rematando a faena, fáiselle honra ás castañas cocidas, soan as cantigas
folclóricas, cóntanse casos e sucedos e nunca falta o resón dalgún retador
aturuxo.
Acción dun fato de mulleres que espadelan o liño;
chámase tamén espadela, pero así como esta a pode facer
unha muller a soas na súa casa, a espadelada é a xuntanza de varias mulleres
que se fai na casa do dono do liño para expurgalo.
Son comúns nas comarcas galegas onde o liño se cría en abundancia. Fanse por
cooperación prestada ó dono sen máis retribución, xeralmente, cá mantenza e
o aliciente tradicional da faena, que adoita acabar con bailes na mesma
vivenda onde se espadela, pois a estas xuntanzas, un pouco patriarcais,
acoden tamén mozos dos rueiros da contorna. Nelas cóntanse consellas,
tánxense pandeiros e castañolas, a mocidade divírtese a seu gosto,
convertendo a faena en verdadeira festa de traballo.
Tanto arraizamento acadou este costume folclórico que deu nome ós populares
cantos de espadelada que entoan as «espadeleiras», que seguen co ritmo
da música o compás das espadelas que maceran o liño.
(1) zonchos: castañas cocidas coa tona, con moito fiúncho para que
arrecendan ben e co seu sal, que logo se engarzan nun fío a semellanza das
doas dos rosarios ou dos colares, e así, en vez de ter que levalas nos
petos, van ó pescozo. Antigamente eran tan estimados como o é agora o marrón
glacé.
Mónica B. Suárez Groba
Fuentes consultadas: Breviario Enciclópedico, Eladio Rodriguez
Gonzalez, Edición Homenaxe a Eladio Rodríguez González (1864 - 1949) Día das
Letras Galegas 2001, Biblioteca Gallega, 2001.-
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar
|
| |
|
 |