|
Decateime axiña
Debo ter durmido as horas que non durmo endexamais. Non durmo case ren...
¡ Que facela ! ¡ estou vello, escaralleime nun intre, teño que levar o espello
ao outro cuarto ! E ¿ onde está a miña Maruxa ? Espero que non outra vez na casa
dese Xesús. ¡ Que nova está ela no retrato do moble ! E eu, coitadiño, pasáronme
os anos tódolos por derriba. ¿ Pero que fai ela soa na foto ? ¡ tíñase ollado
tan grande egoísmo ! E logo, ¿ u-lo é a Maruxiña ?
- ¡ Maruxa !
Non, non se atopa na casa. Terá de estar co paifoco ese, ¡ manda carallo co ese
larchán ! ¿ E estes remedios ? Non me dixo que estivera doente. Estame a agochar
algunhas cousas. Seguro tomou partido ese Xesús; a el cóntalle todo. Seguro que
lle conta todo. ¿ E que é isto á beira da foto ? ¿ Que son estas flores, estas
camelias ? ¿ Mandoullas o Xesús ? ¡ Vou matalos ós dous !
Mira que hora é, e eu non teño xantado ren. ¿ Por que non fixo a comida ? ¿ E
cando vén ? ¡ Can de lóstrego ! Vou ver que atopo na cociña.
Hai comida feita aínda que todo é verzas; nin un anaco de porco que é unha
ledicia. Nin unha larpeirada. ¡ Coño, está muller está a querer enfraquecer !
¡ Seguro polo Xesús ese ! Non hai azucre, non hai un anaco de xamón, non hai
queixo nin viño, non hai sardiñas, non hai un carallo... ¡ Onde veuse unha casa
sen sardiñas ! En América soamente, na casa da filla en Bos Aires. ¡ Que xeito
de xantar vitela en Arxentina ! Pero nunca me acostumei a vivir sen sardiñas
frescas. Alá é distinto; estes arxentinos non xantan sardiñas, non xantan polbo,
non van pescar, ¡ nin o cocho xantan !
¡ Boh !, polo menos algún peixe atopei, unhas pescadas...
Póñoas con unhas patacas ó forno e rematou o problema.
¡ Ala ! ¡ ala ! ¡ ide dentro do forno ! ¡ a quentarvos no inferno pescadas !
Vou ver se a vexo fóra a esta muller, debe de estar falando coa veciña como fai
sempre. ¿ Onde deixei as chaves da porta ? ¿ Deixoume encerrado ? ¡ Non dou
creto ! Pero ¿ que pensa esta muller que son eu ? ¡ Voucho dicilo cando chegues
! ¡ Me caghu no demo ! ¡ Voucho dicilo !
¡ Ah ! Tíñaas eu as chaves. A ver que me di Carmiña...
- ¡ Carmiña ! ¿ viches á miña muller ?
- ¡ Ay Manoliño ! ¡ Xa vai a túa filla para alá !
Pero que di esta muller... ¿ Pilariña veu de Bos Aires ? Entón é por iso que non
está Maruxa, foi buscala... ¿ Pero que pasou que veu sen chamar ?
¿ Pelexaríase co seu home ? Eu dixen que non lle conviña ese folgazán ...
¿ Que pisei ? O Faro de Vigo, logo. Mentres espero a Maruxa e máis a miña filla
vou ler o xornal. Agora si que teño acougo lendo deitado no sofá.
¡ Cantas trangalladas publicaron hoxe ! ¡ Este xornal non se pode ler ! ¿ Que é
isto do Prestige por acá e por acolá ? ¿ que data é hoxe ?
E do Plus Ultra ¿ ren ? ¡ Non vou mercar máis esta merda !
¿ Qué é este cheiro ? ¿ E ese fume ? ¡ Vén da cociña ! ¡ Meu Deus, queimouse a
comida !
- ¡ Maruxa !
¿ Onde se meteu esta muller ? Debe de estar co Xesús ¡ sempre está co seu Xesús
! ¡ E isto non se pode comer carallo ! ¡ Ai ! ¡ queimeime a man !
¡ Aí vén, rematou de chegar ! ¡ Escoito as chaves na porta !
¿ Pero quen é esta muller e como ten chave da miña casa ?
- ¡ Papá ! ¿ que é ese fume ? ¡ Por Deus papá vas matarme ! ¿ esqueciches as
píldoras de novo ?
Ulises Pimentel Viaño
|