|
Manuel
Curros Enriquez
Dedicado el día de
las Letras Gallegas en 1967
Manuel Curros Enríquez naceu en Celanova, fillo dun escribano.
Fuxido da casa paterna, emigrante temperán, estudou en Madrid e, dende
esta cidade, participa, en 1877, no "Certamen Literario" de Ourense,
obtendo varios premios. Tres anos despois publica "Aires da miña Terra",
libro de poemas que acadou grande éxito, a pesares ou mesmo por mor da
condena de que foi obxeto por parte das autoridades eclesiásticas.
(Deste mesmo ano é, o segundo grande libro de Rosalía: Follas Novas).
Escribe cousas en castelán e cultiva o xornalismo nas máis importantes
publicacións do momento.
No ano 88 edítase "O Divio Sainete", que tamén acadou moita sona, e en
1894 emigra Curros ás Américas, exercendo o xornalismo en Cuba. Fixo un
viaxe a Galiza en 1904, e na Cruña foi coroado poeta, finando ó pouco na
Habana. Os seus restos xacen na Cruña, donde foron popularmente
recibidos.
Republicán e anticlerical, é Curros o poeta ceibe por excelencia, caso do
tamén combativo Lamas ("Catecismo do labrego"), e máis o primeiro dunha
serie de emigrantes ou exiliados esgrevios: Cabanillas, Basilio, Vilar
Ponte, Castelao...
MANUEL CURROS ENRÍQUEZ... UNHA BREVE BIOGRAFÍA
Manuel Curros Enríquez, naceu en Celanova,( Ourense), no ano1851.Da
súa infancia tan só levará un cariñoso recordo da súa nai e a idea
de defende-la liberdade e opoñerse ó autoritarismo.. Ós 15 anos, non
resistindo a situación do seu fogar no que un pai intransixente e
déspota asoballaba a súa muller, fuxiu e viviu das axudas dalgúns
familiares en Ourense, ata que puido trasladarse a Madrid onde xa
vivían os seis irmáns, alí remata o bacharelato e comeza os estudios
de dereito.
Pero o poeta que levaba dentro xurdía por riba das leis romanas e
conseguiu publicar o seu primeiro poema en galego, "Cantiga" cando
aínda era estudiante. Comezaba: "No xardín unha noite sentada, o
refreixo dun branco luar...'', e seguía cunha letras que son moi
coñecidas, xa que despois foi musicada e converteuse nun dos temas
máis repetidos da canción tradicional galega.
Denantes de cumprir os 20 anos coñeceu a experiencia do exilio
político pois tivo que saír de España, o que lle serviu para
conectar cos movementos literarios franceses e alemáns e logo cunha
experiencia inglesa ata que retornou a España, primeiro a casa de
seu pai, por pouco tempo, e logo a Madrid onde traballou como
xornalista.
En 1877 retornou a Galicia cun emprego na delegación de facenda de
Ourense e alí participou nun concurso literario , o cal Curros
gañou, presentando a dito certame as seguintes obras: "Unha voda en
Einibó"; "O gueiteiro" e "A Virxe do Cristal".
Seguiu a escribir, publicando en 1880, "Aires da miña terra" unha
das súas obras máis coñecidas, de tanta sona que en 1882 foi editada
en castelán cun limiar de Vicente Blasco Ibáñez. Pero a obra tamén
resultou escandalosa sobre todo para o clero e provocou que o bispo
de Ourense enviara un oficio ó Gobernador Civil denunciando que no
libro "se ataca e ridiculizan varios dogmas da relixión católica'',
pedíndolle a prohibición da circulación e venda do devandito libro.
Aínda máis, o propio bispo vetou canonicamente a súa lectura e
conseguiu que Curros fora condenado por escándalo a unha pena de
dous anos, catro meses e un día de prisión e multa de 250 pesetas,
pero gracias a unha fianza librouse de ir ó cárcere, e logo na
apelación ante a Audiencia Territorial da Coruña saíu absolto o día
11 de marzo de 1881 despois dun xuízo no que a sala estaba chea de
persoas afíns ó poeta e ávidas de presencia-lo triunfo da xustiza. O
máis curioso é que a difusión do proceso causou un efecto contrario
e provocou un aumento na venda e lectura do libro; incluso nun
xornal de Madrid se escribiu que era un feito insólito que "un libro
de versos, publicado nun país non escolarizado e escrito no seu
idioma, se esgotara en quince días''.
Anos despois publica a obra "O divino sainete", na cal fai unha
crítica a diversos sectores da sociedade.
No ano 1894 marchou a Cuba, ó parecer por problemas como xornalista
e familiares, e foi neste pais onde tomou partido a favor da
independencia cubana. Na Habana dirixe un periódico, La Tierra
Gallega, e cando se suspendeu a súa publicación ingresou na
redacción de "El diario de las Familias" e logo na do "Diario de la
Marina". Acollido con entusiasmo na súa chegada, acabou indispóndose
coa maioría dos seus paisanos.
En 1904 viaxa A Coruña, onde foi agasallado polos rexionalistas. De
volta na Habana, retoma as súas actividades no Diario da Marina.
Morreu o día 7 de febreiro de 1908.
Os seus restos mortais foron embarcados para Galicia.
A SÚA OBRA
Escribiu poesía, algo de teatro e unha novela e na lingua galega as
seguintes obras:
1877.- "Unha voda en Einibó " composición1 presentada o certame en
Ourense, reflexa un tema costumista, unha voda, a obra divídese en
tres romances: o noivado, a cerimonia e o xantar; "O Gueiteiro "
tamén presentada, evoca a figura dun gaiteiro, prototipo das
virtudes da raza. "A Virxe do Cristal" nesta obra, que igual que os
anteriores foi presentada ó certame, refléxase unha lenda popular,
que Curros escolleu de forma especial xa que sabia que ía ser do
agrado da súa nai. Estas composicións foron os premiadas no certame
de Ourense e foron incorporadas posteriormente a "Aires da miña
terra".
1880.- "Aires da miña terra". Esta obra acrecéntase con máis poemas
en posteriores edicións. Nesta obra inclúense poemas de temática
variada: costumista, intimista, cívica e o tema da emigración..
1888.-Neste ano publicase a obra "O divino sainete", nesta obra
Curros crítica diversas personalidades e institucións da vida
galega. A acción céntrase nun tren, nel, Curros guiado por Francisco
Añón, vai visitando cada un dos sete vagóns que o compoñen,
atopándose en cada un deles con tódolos seus opoñentes e inimigos.
|