|
|
¡Ouh!, meiga cibdá da Cruña,
cibdá da torre herculina,
de xeneraciós recordo
máis fortes que as de hoxe en día,
cibdá que por sobre os mares
érgue-la cabeza altiva,
cal onte nas túas murallas
o brazo de María Pita:
¿Que tes nese teu recinto,
que tes prós que te visitan,
que conecerte non poden
sin que deixarte non sintan?
Tempos houbo en que revolto
na louca redemuíña
que pola terra me leva
en direución nunca fixa,
día e noite alumeado
por unha estrela maldita,
deixando dos patrios lares
as gasalleiras dilicias,
pisei teu chau, de camiño
pra máis aleixados crimas.
Páxaro novo, soñara,
cando nin pruma inda tiña,
voar dun ceio en precura
máis grande que o de Galicia;
pero non ben das túas prazas
pasei sobre as pedras limpas,
non ben deses teus verxeles
os frescos cheiros sentira,
dos teus aires namorado
que embebedan e feitizan,
renunciei terras estranas
i amor pedinche e caricias.
Nai cariñosa, ti décheme
canto darme entón podías:
consolo prás miñas bágoas,
prós meus males mediciña;
e inda esquecerme non puden
das túas saladas brisas,
que me ourexaban a frente
por fogo de febre ardida.
Era eu neno, si, moi neno,
e por esas praias iba
collendo o nacre das cunchas
que nas túas orelas brilan.
Risoño o sembrante murcho
-que xa murcho entón o tiña-
nun bote me bambeaba
do Orzán sobre as ondas rizas.
¡Ai!, nese mar tormentoso,
que non de Tirteo na lira,
a estrofa enérxica e fera
da libertá deprendía.
Dotáronme de alma ardente
as auras que che dan vida;
de firmeza no infortunio,
os pedrouchos das túas illas.
Ti fuches quen me falaches,
de estrana maneira místeca,
deste santo amor da patria
que se sente e non se esprica.
Era eu neno, si, moi neno,
cando por teu chau corría,
hóspede que inda sin nome
regalabas compasiva...
¡Cruña, Cruña! cal fuxiron
aqueles prácidos días.
Hoxe non me coneceras
-tan outro son- si me viras.
Alma vella en corpo novo,
o que un recordo che envía,
dinantes que dependure
dun negro cipreste a lira,
cantarche quixera cántigas
de tantos feitizos dinas;
mais miña arpa non ten cordas
de amores nin de alegrías,
e sólo tristes salaios
as poucas que quedan, guindan.
Recólleos, cibdá sagrada;
neles os cariños vibran
de miña alma que te adora
de meus beizos que te bican.
|