ÓS MOZOS

(Manuel Curros Enríquez)

  

 

 

¡Que triste está a aldea, 
que triste e que sola!
¡A terra sin frutos, a feira sin xente, 
sin brazos o campo, 
sin nenos a escola,
sin sol o hourizonte, sin fror a semente!

A pedra i as nubes 
a sembra arrasando,
agoiran un ano de fame sombría; 
sin pan os labregos, 
nin herba pró gando,
¿que vai a ser deles na crúa invernía?

Manadas famentas 
de lobos montesos
baixaron das chouzas na noite calada, 
e postos en ringla,
cos ollos acesos, 
acenan dos probes prá porta pechada...

Mociños honrados 
de sangue bravía,
si ó mal dos petrucios non fordes alleos, 
librádeos da morte, 
¡facei montería
nos lobos da terra, nos lobos dos ceos!.



("Aires da miña terra", 1880)

www.galespa.com.ar