|
|
Dios, non atopando
cousa en que estreterse,
farto de estar solo,
cavilando sempre
en forxar cadeas,
traballos e pestes,
a razón buscando
i a causa en que pende
que tan poucas almas
polas portas lle entren,
do seu paradiso
deixando os verxeles,
saleu de a paseo
certa mañá quente,
do reuma e da gota
por esparexerse.
Como é xa velliño
i o coitado vese
tocante á saúde
moi pouco valente,
cansouse ós dous pasos;
mais como alí arrentes
topase un asento,
sentouse, i alegre,
por cima das nubes
asomando a frente
i a terra buscando
cos ollos celestes,
-¡Caráspeta!- dixo
falando entre dentes-;
Si dou coese mundo
que o demo me leve.
Debeu de atopalo,
si o conto non mente,
porque el de alí a pouco
quedou como a neve,
cos ollos cravados
que espantan e feren,
nun bulto que iñoro
si é de home ou de verme.
Mirouno dispacio
e viu que era un ventre
coas sedas vestido
máis ricas de Oriente,
nun solio sentado
que envidian os reises,
i en capa revolto
de tépedas peles,
ceibando saudabres
arrotos de enchente,
da terra, súa escrava,
recolle os presentes;
e si hai algún louco
que, probe ou rebelde,
diñeiro non teña
i a darllo se negue,
o ventre que, mudo,
falar sabe ás veces,
con sólo que diga:
"¡ Pauliña no herexe!",
o herexe é borrado
da lista da xente.
Mirando este monstro,
Dios dixo entre dentes:
-¡Bah, bah!... Si "tu es Petrus",
que o demo me leve.
Volvendo autro lado
súa testa solene,
mirou levantarse,
rodeado de plebe
que espera ó verdugo,
del ríndose mentres,
o pau, a cucaña
da festa dos xueces.
A vítima chega:
¡quizais é un imbécil,
quizais naceu tolo,
quizais é inocente!...
Millor que matalo
(que a morte é un berce
donde o home, gran neno,
descansa pra sempre),
millor que matalo
tal vez conviñese
metelo no fondo
de catro paredes,
ou, preso onha argola
que á terra o suxete,
mandalo abrir montes,
e furar tuneles,
decíndolle: "Sofre,
traballa e mantente,
i a libertá chora
que ti non quixeches".
Mais, non; é preciso
que morra o que peque,
i o criminal morre...
i o crime repétese.
Parvo a tal escándalo,
Dios dixo entre dentes:
-Si che esto é xusticia
que o demo me leve.
Suspenso i atóneto,
non lexos, moverse
mirou de labregos
un fato misérrime.
De malas patacas
mantidos con leite,
máis ben que non homes
pantasmas parecen,
decote fozando
na coida terrestre,
toupeiras humanas
que furan as seves,
o sangue das venas
perdendo a torrentes,
traballan sin folgos
un chau que n'é deles.
Traballan... i o furto
que tras doce meses
de loita recollen
dos eidos que atenden,
metá pró dominio,
metá prós lebreles
do fisco e da curia,
todíño-lo perden,
quedándose ó cabo
de tantos riveses
sin pan prós seus fillos
nin grau prá semente.
I en tanto na aldea
todo esto acontece,
"Leis hai-din os ricos-
que ós probes protexen..."
-¡Que leis, nin que raios!
(Dios dixo entre dentes).
Si valen tres pitos,
que o demo me leve.
Non para inda nesto
o que o chau lle ofrece,
que a través mirando
das súas gafas verdes,
viu deitarse méndegos
que se erguen marqueses;
tal clas de escrituras
firmar indixentes,
que ó cabo dun ano
non teñen albergue;
soldados cobardes
chegar a ser xefes,
e morrer sin groria
os máis grandes héroes:
pasar por honrados
os que honra non teñen,
por santos os pillos,
por xustos os debles;
subir ós altares
os que á forca deben,
i arrastrar carroza
quen debe un grillete;
chegar á podrosos
venteiros de aceite,
e comprar o ceo
prestando a intereses.
Vendo esto, Dios dixo
contra o seu chaleque:
-Si che outra vin nunca,
que o demo me leve.
Con noxo deixando
tantas cativeces,
inda noutras cousas
parou Dio-las mentes.
Viu malos gobernos
que falsos i aleves
co xugo dos pobos
engordan e crecen;
cregos que, feroces
como cans doentes,
cun fusil ó lombo
predican ós fieles;
ricos que, roubando,
as gabetas enchen;
médecos das quintas
que dan por encrenques
(mediante catro onzas,
cando non son sete)
mociños que ó cabo
tocan o pendengue,
a seus pais perdendo
co aforro que perden;
homes esfameados,
emporras mulleres,
espigados nenos
que non saben lere,
i en fin, cantas cousas
que non deben verse,
que Dios, arripiado,
i as cruces facéndose,
conecida a causa
de que o inferno medre,
meteuse na groria
decindo entre dentes:
-Si eu fixen tal mundo,
que o demo me leve.
|