|
A IGREXA FRÍA
(Manuel Curros Enríquez)
|
|
Por cima dos agros,
do monte no medio,
levántase aínda
hidrópico e negro,
cal xigante hipopótamo morto,
de vermes cuberto,
rodeado de tréboas e gramas,
o lombo deforme do vello mosteiro.
Das torres as rexas
agullas de ferro
queixarse parecen
da marcha dos tempos:
e decote paradas e inmobres,
semellan os dedos
dunha mau de Titán que anda en busca
do raio que tarda das iras do ceo.
Dende a alta campana
cai inda en anelos
a forte cadea
con triste bambeo.
Cando á posta do sol, das montanas
azóutana os ventos,
unha serpe arromeda encantada
que garda as ruínas fungando e tecendo.
Os pelos de punta
na mau cun coitelo,
coa sangue lixado
dos probes viaxeiros,
tempos houbo en que aquí buscar viña
seguro i achego
o ladrón dos camiños, que os frades
que a Praga queimaban, en salvo puxeron.
De monxe vestido
como eles o reo,
de réprobo a santo
pasou nun día mesmo;
e, da gorxa que ser debería
tallada nun cepo,
a pauliña saíu que escomulga
ó insine Colombo i ó gran Galileo.
As virxes, forzadas,
os probes, valeiros,
pedían namentres
socorro e romedio;
i a xusticia, escudeiro mal pago
do crime sanguento,
do sagrado na porta quedaba
de rabia e de cólara os dentes batendo.
Nos meus solitarios
nouturnos paseos,
sucédeme ás veces
chegar ó mosteiro;
e caretas facéndome estonces
da lúa ó refrexo,
unha negra visión, de entre as ruínas,
"¡Que tempos!" me dice, i eu digo: "¡Que tempos!"
|
("Aires da miña terra", 1880)
|