I
Teño unha corda muda
na miña lira torva,
como on coitelo fera,
como on tronido rouca.
Cando nos meus ensaios
sona a compás das outras,
por sobre min parece
que os ceus se desproman.
De cada nota dela
un anatema chouta,
cal da satúrnea sangue
as furias espantosas.
Ninguén ouíu aínda
as cántigas que entoa.
Detrás de min, quizaies,
o día que mas oian,
como detrás de Cristo
virán as xentes todas,
¡Hosanna, cantando de xúbilo cheas,
Hosanna ó poeta que trai a boa nova!
II
Castigos prós verdugos,
prós márteres coroas,
consolo prós escravos
latexa nesa corda.
Fustiga prós tiranos,
prós déspotas argola,
nela dormenta o himno
groriosos dos ilotas.
Sí pra a tocar cal quero
a ter non chego forzas;
si cando á loita vaia
tropezo nunha foxa,
os que, cal eu, subides
a traballosa costa,
cando chegués á cima
sagrada e vitoriosa,
¡arpas que saudedes
da nosa patria a aurora,
da iarpa acordaivos que fúnebre queda
na noite do olvido xemindo sin groria!