|
¡CREBAR AS LIRAS!
( Manuel Curros Enríquez )
|

|
Por sobre a barafunda
de escarnios e pauliñas
que as cántigas dos servos
por ondequer suscitan,
espaventada, atóneta,
a virxe Poesía
clamou desalentada:
"¡Vates, crebade as liras!"
¡Crebar as liras cando
se fai temer aínda
a maza de Xan Dente
por vara de Xusticia!
¡Cando nos nosos Códigos
non val dun home a vida
os sete vis escudos
en que a tasou Molina!
¡Calar!... ¡Que non se escoite
o patuxar das vítimas
no mar de inxofre e sangue
da escravitú caídas!
¡Calar!... ¡I as maus cravadas,
i a túnica cinguida,
i a intolerancia abaixo,
i a intolerancia arriba!
Non. Feita está a promesa
i é menester cumprila.
A patria morre. ¡Malia
o fillo que a non mira!
¡E malia quen lle negue,
por tedio ou cobardía,
os himnos que a amortaxen,
o sangue que a redima!
¡Crebar as liras diante
da libertá que espira
baixo a gadoupa férrea
do dogma que a asesina!...
¡Inda goberna Claudio!
¡Inda Seiano priva!
¡Inda os proscritos choran
e trunfa Mesalina!
¡Non a crebés, poetas!
Templaina en ódeo, en ira,
hastra que dela saian
as esplosiós das minas;
hastra que cada nota
como onha espada fira,
como on andacio barra
as vellas teogonías.
Gustoso esnaquizara
e resinado a miña,
si neso do meu pobo
a sorte consistira;
mais, mentras orfo e triste
os meus consolos pida,
crebala... ¡na túa testa
tan sólo, tiranía!
|
("Aires da miña terra", 1880)
|