A SIMBOLOXÍA DA SERPE NA CULTURA GALEGA
Antecedente remoto do pobo galego son os "saefes"
ou raza de serpes, identificada por algúns historiadores como o pobo
celta, que chegou a ocupa-la zona que abarcaría o noroeste de España, chamada
Ophiusa
(nome que procede do grego "saefes" : serpe
) entre os anos 590 e 550 antes de Cristo.
En toda Galicia rendeuse culto á serpe, que foi símbolo da terra, como noutras
rexións do mundo. Numerosos restos arqueolóxicos e obxectos da época castrexa
confirman a presencia significativa da serpe na cultura do noroeste peninsular.
Moitos monumentos cristiáns foron levantados sobre pedras cunha serpe gravada.
Quizais para simbolizar que o pecado —serpe— era vencido pola fe cristiá.
Segundo a Xénese, a serpe —demo— introduciu o pecado no mundo. En ocasións
convive o paganismo co cristianismo en cruceiros coa serpe esculpida. Para
algúns historiadores, a serpe é un animal que evolucionou, outros pensan que é
un xenio protector da casa e dos seus habitantes, máis todos confirman a
existencia dun culto antigo á serpe, se ben non é exclusivo da etnografía
galega.

PEDRA CON DEBUXO DUNHA SERPE ATOPADA NO CASTRO DE TROÑA, CONCELLO DE PONTEAREAS
A mítica serpe está unida ó folclore galego pois a moura
(ser feminino misterioso de orixe descoñecida) aparécese en forma de serpe cunha
flor na boca; a moura-serpe, representa o espírito dos
mortos; encarna ó antepasado fundador da casa; a serpe é xenio protector das
fontes de vida e de santidade.
Críase que as serpes non morrían de morte natural, senón que voaban, de vellas,
ó río Xordán e despois ó mar. Neste voo podían bota-la sombra ás persoas e eran
especialmente perigosas para os nenos. As moi grandes facían ruído cando se
movían. Outras marchaban de pé asubiando e tombando o pan. A mordedura de serpe
era moi velenosa —críase— e curábase aplicándolle o cu dun polo ou chegando
antes á fonte máis próxima, a onde aquela adoitaba ir despois de morder.
Hai que desconfiar das serpes, a pesar de que purifican a natureza cando comen
sapos ou insectos; tamén atraen os paxaros co alento e os matan.
Con carne de serpe facíanse remedios para a tose e outros problemas
respiratorios.
Ó ver unha serpe había que matala, porque cando voaban ó Xordán dicían: “Maldito
o que me viu e non me matou”. Para matar unha serpe había que facela
sangrar. O lume ou a música defendían tamén da serpe A serpe era fecundante como
a lúa, como as augas; por tal razón podería relacionarse co ciclo
muller-lúa-augas. Son moi frecuentes na literatura popular galega as lendas
sobre serpes.
O TEMPO E A MEDIACIÓN DA SERPE
A serpe vive dúas fases ben diferentes no seu ciclo anual. Está escondida de
outubro a abril, preto dos pozos e das fontes salvaxes; está inmóbil, come terra
e non é perigosa. A partir de maio déixase ver, aliméntase de animais e non
ofrece perigo.
As serpes que voaban ó Xordán non estaban suxeitas ó tempo, como non o estaban
as mulleres enfeitizadas, que tomaban ás veces a figura de serpe.
A serpe é a intermediaria entre este mundo e o outro, entre o mundo oculto e o
visible. Ás veces as almas transfórmanse en serpes para peregrinar a algún
santuario. A serpe garda os límites entre o mundo enfeitizado e o non
enfeitizado.Vincula ó mundo antigo ou pagán co moderno ou cristián, o mundo
animal co humano. Podía toma-la forma de persoa ou de animal, dun lobo ou dunha
loba. Representa o tempo e a eternidade; neste mundo está suxeita ó tempo, pero
é eterna no outro se non morre violentamente.
A serpe pasa do espacio húmido —primeira metade do ciclo— ó seco —segunda
metade—, do espacio salvaxe ou non habitado ó espacio habitado. Vive nas minas e
na superficie, no alto da montaña e no val.
A serpe é a manifestación do dobre aspecto da natureza, é a continuidade da
mesma natureza.
Mónica Beatriz Suárez Groba
FONTES CONSULTADAS: "GALICIA 2001", Etnografía espiritual, Xunta de Galicia.
LER MÁIS:
ARQUIVOS DA NOSA CULTURA
www.galespa.com.ar