tradicións e crenzas na vida mariñeira
RITOS DE
PROTECCIÓN
Na vida
mariñeira existen toda unha serie de tradicións
que buscan a protección da casa fronte a toda clase de inimigos invisibles.
Cando
as casas están en construcción agóchanse, dentro das paredes, moedas que tiveran
unha cruz e cando se rematan póñense en recunchos cornos, ferraduras ou ramos.
Hoxe en día estase a substituír por comidas festivas ou pola súa beizón por
parte do cura do lugar.
Así mesmo, as entradas da casa estaban protexidas ó colocar ramos con xestas en
flor (no mes de maio) ou ó pintar cruces de cor (normalmente vermella) nas
portas, para cós malos espíritos non entrasen na casa. Incluso existe o costume
de pintar desa cor algunha das paredes exteriores das casas.
Hai tradicións para os barcos novos, xa que cando se produce a botadura dun
buque celébrase a cerimonia escachando contra el unha botella de cava, levando a
beizón por parte do cura ou poñéndolle o ramo ou allos en calquera recuncho da
embarcación. Son tradicións que sobreviven probablemente derivadas doutros ritos
arcaicos.
Outras ocasións onde se
celebran ritos de protección dos buques son na noite de San
Xoán, cando tamén se lle depositaban ramos de xestas ou codesos, e no
sábado de Gloria, espallándolle enriba auga bendita.
Para protexe-la pesca , son variados os ritos que, no mundo mariñeiro, se
realizan co gallo de tentar de atrae-la pesca: mediante asubíos, facendo
ofrendas ó mar, como botar ó mar anacos de pan de millo, ou indo á misa antes de
comeza-la tempada de pesca.
Outros ritos están máis relacionados cos propios aparellos de pesca, por exemplo
cando se remataba de construír un aparello, sobre todo redes, botábanse sobre
ela allos, bendicíase con auga bendita ou viño, ou golpeábase cunha póla de
acivro. Frecuentemente, e despois dunha mala pesca, era costume malla-la rede
cunha xesta ou con vimbios e, incluso, o propio barco.
Diferentes debuxos eran empregados, sobre todo, no sur de Galicia, para
identifica-las barcas e aparellos de cada un. Debemos lembrar que as cores nas
embarcacións é un feito relativamente recente, xa que os botes dos pescadores
eran totalmente negros debidos á brea que os protexía. Sen embargo a outros
símbolos, coma "o sansolimán", ou
"a estrela de David", outorgábanselle poderes máxicos contra
determinados perigos e inimigos.
A RELIXIOSIDADE DO MUNDO MARIÑEIRO
A fonda relixiosidade do
mariñeiro galego é ben coñecida e dela consérvanse moitos e variados ritos. Non
é estraño a busca de axuda sobrenatural cando se hai que enfrontar ós perigos
que o mar presenta.
Un
dos rituais máis difundidos é o do saúdo, consistente en saudar dende o barco ás
capelas de virxes ou santos situadas nos promontorios da costa. Normalmente
acompañábase dun grolo de augardente que o patrón lle ofrecía á tripulación.
Outros costumes frecuentes
eran a beizón do barco cada vez que comezaba unha nova tempada de pesca ou ir en
procesión ata o santo ó que se lle tiña devoción cunha maqueta dun buque, que se
deixaba na igrexa, como agradecemento pola liberación dun naufraxio. Tamén son
abundantes as oracións ou ritos, ben para evita-los temporais ben para ter
ventos favorables.
Nas costas galegas sucédense as devocións que teñen sempre coma protagonista ó
mar...
Citar tódalas referencias
devotas da espiritualidade mariñeira, nunha terra coma a nosa, é unha cousa case
imposible. Cada vila, cada aldea, cada lugar zoupado polas ondas e que sabe de
invernos escuros e treboentos, foi tecendo a súa particular devoción e erguendo
o seu senlleiro patrón.
Dende Ribadeo a Tui, ducias e
ducias de nomes van forzando unha chea de tradicións e fermosos costumes.
Ademais dos nomes antes
vencellados á tradición mariñeira, en cada vila xorde un novo protagonista.
Pódese citar á Virxe de Chamorro, patroa dos
mariñeiros de Ferrol, vixía polo horizonte húmido alí
cara ó Nordés, concedéndolle a súa protección a todo
aquel que acode ata o seu santuario erguido nun monte rochoso e espido que
lembra as paisaxes de Teixido
ou de Muxía. Para outros, ollando máis ó setentrión, a
devoción cambia de nome : Nosa Señora de Bares....Hai
incluso quen conxuga a protección de varios padroeiros:
"Veño da
Virxe da Barca, / vou para a Virxe do Monte, / remeiriños de Muxía, / víndeme
pasar que é noite".
Xa en terras da Mariña luguesa, escóllese ó mítico
San Roque, que igual cura un andazo, derrota o inimigo
invasor ou domina os elementos da natureza, convertendo ademais os seus devotos
á súa particular "afección'' nunha cantiga :
"Catro
vellos mariñeiros, / catro vellos mariñeiros / todos metidos nun bote. / Voga,
voga mariñeiro / vamos para Viveiro / xa se ve o San Roque".
Tamén hai outros patróns máis descoñecidos coma Santa Bárbara
ou incluso unha parella de sabios segundo di esta cantiga:
"San
Xerome e San Román, teñen as chaves do temporal / e así como eles son santos /
sexan os tronos amansados''.
Mais sonada pola súa vocación procreadora -os baños das nove
ondas en A Lanzada- non debe facer esquecer este rito a antiquísima
tradición de avogosa protectora da Señora da Area en Sanxenxo,
onde se ergue a románica ermida a carón do areal, e que segundo afirma a
tradición ten o honor de impedir que ningún mariñeiro afogue nesas augas, pois
como di a cantiga:
"Nosa
Señora da Area / dona da Lanzada / non permite que o mariñeiro / teña morte
afogada".
Identificacións e advocacións curiosas incluso se dan en lugares coma o fermoso
lugar de Xuño, en Porto do Son. Alí o cadáver dun descoñecido mariñeiro que
levou o mar á area foi identificado co mesmo arcanxo San
Miguel, e a súa tumba era o lugar ideal para deitarse e así recolle-los
beneficios daquel soño: a seguridade da súa protección e o afastamento de
desgracias no mar
.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada:
"Conociendo a Galicia", Xosé María Manteiga.
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
www.galespa.com.ar