O SANTUARIO DE SAN BIEITO DE LORES E A SÚA ROMARÍA
O
concello de Meaño está situado no
centro do Val do Salnés, na
provincia de PONTEVEDRA. Está formado por
sete parroquias e alberga unha poboación de pouco máis de 5.300 habitantes.
Unha das súas parroquias é Lores.
Meaño é unha terra rural berce de tecedores,
afiadores, e dos mellores viños das Rías Baixas .
Practicamente tódalas súas terras están dedicadas ás actividades agrícolas.
Os seus solos son dunha extraordinaria fertilidade. A gandería, agricultura
e a explotación dos montes son as principais actividades deste concello.
Durante o año hai varias colleitas, principalmente a do millo, da pataca, do
centeo, pero o máis destacado son os viñedos de uva caíña
e albariña.
Noutros tempos, foi moi importante o liño, sustento de fiandeiras e teceláns
no século XVIII, mais logo da desaparición destas tarefas, o viñedo foi
acaparando toda a actividade da zona.
Hoxe, o viño Albariño que aquí se elabora posúe a
"Denominación de Orixe Rías Baixas" e a súa excelente
calidade está recoñecida dentro e fóra do continente.A gandería diríxese
principalmente á comercialización do leite de vaca e á explotación do gando
porcino.
Os
Montes de Castrove foron na Idade Media lugar
sagrado protexido por reis e nobres como testemuñan as igrexas de Santa
María de Simes, que estivo protexida por dona Urraca e o rei Afonso VI. Este
monarca, doou estas terras ó mosteiro de San Martiño Pinario.
En Simes ten lugar a romaría de San Brais, ó que se lle atribúen poderes
curativos da gorxa, e na parroquia de Lores celébrase a romaría de San
Bieito.
Esta romaría é multitudinaria, e celébrase o día 31 de marzo e o 11 de xullo,
cunha procesión de ofrecidos con ataúdes e ritos de curación de enfermidades
cutáneas mediante o contacto de panos impregnados co aceite da lámpada que
ilumina ó santo.
SAN BIEITO DE LORES E A ORIXE DO SEU SANTUARIO
Nun outeiro da parroquia de Lores, neste concello
de Meaño, atópase o templo de
San Bieito, arrodeado por unha alameda é protexido polo monte.
As
orixes do antigo santuario e do culto ó santo pérdense no tempo...No ano
1688, quen nesa época era o seu párroco escribiu: "A
ermida de San Bieito é tan antiga que non se sabe quen a fundou".
Aínda que non hai moitos datos históricos, existe unha lenda sobre a orixe
do santuario.
A igrexa levántase baixo unha atalaia. Esto fai que os historiadores pensen
que baixo dos seus alicerces están os restos dun castro, aínda que foi unha
fonte que dicían, era "milagreira". Era a chamada
"Fonte Santa" e ela foi a que fixo perdura-lo mito.
A lenda deste manancial recorda a historia dun pastor que para salva-las súas
ovellas da seca, pediu axuda. Cavou unha focha da que empezou a abrollar
auga. Un ermitán díxolle que debía construír unha capela, en honra ó que
Deus lle dera, e como agradecemento por iso. Mais o pastor, na súa
ignorancia, trataba de construíla unha e outra volta con terróns pero
víñanse abaixo cada vez que os amoreaba. Entón o ermitán apareceu novamente
e recriminoulle o pouco valor que lle dera á axuda divina. Instoulle a
erguer unha ermida que durase para sempre, feita noutro material.
Pero esta capela non é a que, hoxe en día, podemos atopar alí. Sobre os
restos da vella capela construíuse no ano 1900 o templo actual.
Neste tempo, celébrase cada ano, no día 21 de marzo e o 11 de xullo, a
festividade de San Bieito. Consiste nunha romaría á que acoden con devoción
milleiros de veciños da bisbarra do Salnés. Eles considérano
"o seu santuario milagreiro".
Esta romaría consiste nunha misa solemne, seguida dunha procesión co santo,
o manto do cal pasea cuberto de billetes que os devotos lle prenden para
seren protexidos. Como noutras romarías de santuario ou de milagres, por
veces, se o favor do santo foi inestimable, un familiar da persoa salvada
sae na procesión portando un cadaleito.
San Bieito é avogado dos males de pel. Quen padece algún problema
dermatolóxico acode á parroquia de Lores, ó Santuario de San Bieito a pregar
ó santo que lles acalme a enfermidade ou tamén a lle agradeceren favores
outorgados anteriormente.
Dentro desta igrexa quéntase unha gran lámpada ou vasilla con aceite,
bálsamo no que os fieis mollarán os panos para expurga-las feridas. Hai
tamén quen, para esfraga-las mesmas, prefire tocar antes co pano os pés ou a
faciana deste santo.
MÓNICA B. SUÁREZ GROBA
Bibliografía consultada::
"Lendas de Galicia e outros temas narrativos", Chao Espina