O Milagre do
Santo Graal de Pedrafita do Cebreiro
O
Cebreiro é un pequeno poboado pertencente ó concello de
Pedrafita do Cebreiro, na provincia de
LUGO. Está situado na parte oriental desa provincia e é a
porta de acceso dos peregrinos a Santiago de Compostela polo
Camiño Francés. Por ese motivo, na Idade Media, a mediados do
século IX, construiríase o mesón- hospital para os peregrinos, fundado
polos monxes bieitos ó lado do santuario de
Sta. María a Real.
O Cebreiro é moi coñecido , non soamente por ser un dos grandes
puntos na peregrinación xacobea; senón tamén polo feito que o consagrou
para sempre no mundo enteiro: A Lenda do Santo
Graal...
O SANTO GRAAL
Documéntase dentro da mitoloxía celta a existencia de vasillas ou armas
que tiñan propiedades máxicas.
Dagda, fillo de Danann, posuía un
caldeiro coa propiedade de resucita-los mortos. De feito, un relato
galés refire que o rei Artur baixa ós infernos para se apoderar do
caldeiro máxico. Este mito ten o seu paralelo dentro do cristianismo na
figura do Grial, ou
Graal.
O
Graal é o vaso, ou cáliz que utilizou
Xesucristo na
Derradeira Cea , e no que Xosé de Arimatea recolleu o sangue do
Cristo durante a súa agonía no Gólgota. Tempo despois, levou este cáliz
á Gran Bretaña, e perdeuse a súa pista.
A busca
do Graal é unha das máis importantes lendas na Bretaña. Segundo esta
lenda o rei Artur e tódolos seus
cabaleiros encamiñáronse polos vieiros do mundo tratando de atopar este
vaso sagrado.
O MILAGRE DO SANTO GRAAL DE PEDRAFITA
Alá
polo ano 1300, había un cura na parroquia do Cebreiro que non era quen
de crer que o pan e o viño puideran converterse no corpo e sangue de
Xesús Deus.
E
aconteceu que un día, estando o cura celebrando a misa, non había
ninguén na igrexa, debido a unha tormenta que impedía á xente saír das
súas casas. Pero tendo consagrada a hostia e o cáliz, alguén entrou
apresuradamente na igrexa. O sacerdote mirouno con sorpresa e, abraiado,
murmurou: "¡Pobre home, vir con este tempo dende tan lonxe, e
expoñéndose a morrer no camiño, só para prostrarse ante un pouco e pan e
viño..."
Nese
intre, estremeceuse e viu, abraiado, como a branca pastilla
convertíase nun anaco de carne sangrante que parecía recén cortada dun
corpo vivo, e o viño do cáliz espesábase, adquirindo unha cor máis
vermella, e cheiraba a sangue.
O cura
caeu de xeonllos ó pé do altar e logo sobre as gradas, desvanecido. O
home que chegara naquel momento correu cara ó altar e tratou de
incorporar ó sacerdote, máis estaba morto.
.
Tradicionalmente crese que, nun principio, as reliquias permaneceron no
cáliz a na patena. Logo, cando
os Reis Católicos pasaron por estas terras doaron unhas redomas de
prata. O conxunto do cáliz e o relicario consérvanse en dúas ampolas de
vidro e prata e están gardadas nun bloque monolítico de granito, xunto ó
altar da capela.
Polo Milagre do Santo Graal o santuario do Cebreiro obtivo
diversas bulas papais e privilexios reais.
Tamén,
como consecuencia deste milagre, o escudo de Galicia e o de Lugo
incorporaron como símbolo o cáliz do Santo Graal.
Mónica Beatriz Suárez Groba
Bibliografía consultada: "breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez -
"Las leyendas tradicionales
gallegas", Leandro Carré Alvarellos
www.galespa.com.ar