os espíritos nas crenzas galegas
O pobo galego creu, e aínda
cre, nestes xenios misteriosos por influxo dos cales, segundo sexan bos ou
malos, se desexa ou se teme algo. Deste xeito, os campesiños teñen por certo que
o espacio, os
camiños,
as casas, as augas, os montes, as fragas e as corredoiras están poboados deses
fillos da noite que, entre as sombras, camiñan errantes como as nubes, lixeiros
coma o pensamento e fuxidíos coma o lóstrego.
Os espíritos que forman o mundo da nosa mitoloxía
popular nacen da lenda segundo a cal cando os anxos rebeldes foron expulsados do
Ceo, a Virxe intercedeu por unha lexión deles que xa ían camiño de ser
sepultados nas profundidades do inferno, e que na caída ficaron suspendidos na
terra, no aire e nas augas, onde proseguen vagando invisibles para nós.
Eses espíritos indultados pola
intervención da Nai de Deus son, segundo di Murguía, os seguintes:
Espíritos da casa: as almas, o canouro, o
diaño, o tangomango e o tardo.
Espíritos do aire: os nubeiros e os tronantes. O nubeiro é unha
especie de trasno ou espírito maligno, morador dos aires, a quen a mitoloxía
popular atribúe o poder de produci-la treboada e dirixi-los raios, máis esta
ultima función é mais propia dos tronantes.
Espíritos das augas: as donas, as lavandeiras,
as sereas e as virxes.
Espíritos da terra: as damas, as doncelas, as
fadas, o meigallo, o trasno, os encantos e os vedoiros.
Espíritos dos antros: as lumias, as ouvas, os
mouros e os negrumantes.
Espíritos dos campos e das fragas: a
Santa Compaña,
a Estadea, o canouro e a pantasma.
Algúns destes axentes fantásticos, fillos todos do delirio, dos pesadelos ou do
medo do pobo, danlle vida a outros seres intermedios, comunicándolles poder para
o ben e para o mal. Uns son riseiros e ledos, outros, pola contra, representan o
mal e o pecado, como as meigas chuchonas; outros, por fin, son a síntese da
bondade e dos beneficios; e todos ou case todos acadan no maxín das xentes
sinxelas personificación propia de seres materiais e activos, podendo dicirse
certamente que os espíritos constitúen o ambiente do marabilloso aire que se
respira na vida rural galega.
O animismo: Na acepción aldeá, máis mítica ca
científica, o que atinxe á concepción do mundo substánciase en que o home vive
envolto en forzas misteriosas e en que seres invisibles poboan o aire, os ríos,
as fontes, as furnas e as corredoiras, sobre todo polas noites; seres que andan
a carón da xente no curral, no sobrado, na corte, na eira e en tódalas súas
angueiras.
As xentes campesiñas teñen por encantados moitos
lugares, como as covas, as furnas, as mámoas, os pardiñeiros dos vellos castelos
derrubados, etc., que supoñen mansións de misteriosos seres ou de apocalípticos
males en repouso.
A dúas leguas de Lugo, preto
de Francos, hai dúas penas que separan un camiños que os moradores da comarca
non se atreven a quebrar pois teñen por certo que están encantadas: unha chea de
ouro, e outra, de alcatrán; e se esta se barrenase a fin de obte-las riquezas
que se supón que contén incendiaríase toda a contorna. Esta crenza existe con
lixeiras variantes noutras comarcas galegas.
Mónica Beatriz Suárez Groba
-
Bibliografía consultada:
"breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
.
www.galespa.com.ar