O CIPRIANILLO NAS CRENZAS GALEGAS
Segundo as crenzas galegas, O Ciprianillo ou o chamado tamén "salterio
de San Cibrán", era un libro de maxia no que se atopaban as artes
diabólicas e os rituais necesarios para a busca e achado dos tesouros que os
"encantos" e os "mouros" tiñan gardados nos castros, furnas e mámoas. Tamén quen
o posuía, tiña o poder de facer fuxir ó demo.
Foi un libro de culto xeral en Galicia, desexado e buscado por moitos. Quizás o
seu éxito era debido ó incalculable número de tesouros buscados nos monumentos
prehistóricos, ou tamén pola abundancia de metais nativos e preciosos no noso
chan.
Por toda Galicia, en moitas das súas aldeas, existía a crenza popular , que
había quen tiña escondido este tan famoso libro, e este feito deu lugar a
moitísimas lendas e contos.
O Ciprianillo tratábase dun arcano volume composto de rituais e receitas
máxicas, envolto nun profundo misterio, tanto no que se refire á súa composición
xeral, coma no que respecta á súa orixe, que é atribuída a
San Cibrán, pero a realidade é que se perde na profundidade dos tempos.
Dicíase que este laborioso traballo contiña tamén técnicas de exorcismo, e
rituais contra os feitizos, o mal de ollo e o meigallo, segredos místicos sobre
xenios bos e malos, etc.
Na acepción vulgar galega, o encanto é un ente misterioso da mitoloxía popular
que se converte en ser material e activo, malia as súas calidades sobrenaturais.
Os encantos, coma tamén os mouros e outros seres místicos da nosa terra, son os
que gardaban os haberes ou fabulosos tesouros que se pensaba, estaban agachados
nas covas, nos conventos derrubados, nos castelos ruinosos, e en todos aqueles
lugares abandonados. Para usar con éxito o Ciprianillo había que busca-la "herba
cabreira" e, ademais, era necesaria a presencia dun cura que, revestido de
estola, soubese ler e "desler" no fantástico libro e que tamén tivese moito
valor, porque cando saíse o encanto en forma de serpe, non debía suspende-la
lectura nin fuxir, pois se facía unha ou outra cousa quedaría enfeitizado el e
os seus acompañantes. Esta cerimonia ou práctica supersticiosa había que
realizala formando un círculo no chan e meténdose nel. Unha vez dentro todo o
grupo, e lendo o cura sen deterse tódalas fórmulas e ensalmos do libro, o
feitizo amosábase coas ocultas riquezas, deixábaas e desaparecía tan axiña se
debuxase unha cruz dentro do mesmo círculo.
Algúns dos nosos escritores deron por certa a existencia do Ciprianillo, entre
eles Barreiro de Vázquez Varela no seu libro "Brujos y astrólogos de Galicia".
Afirmaba Murguía que no contido deste libro de grande sona e nas fórmulas que
nel se expoñían, eran visibles as pegadas das supersticións celtas.
O Ciprianillo tamén era unha axuda para facer pactos con espíritos infernais sen
sufrir dano ningún. Para iso, o que se dicía é que había que trazar no chan un
círculo cunha rama de abeleira, despois de ter dito unha serie de frases en
latín con moita devoción e levar un carneiro negro. Dese xeito, logo aparecerían
moitos fantasmas porque o demo non quería que se descubrisen as súas riquezas
ocultas. Pero o buscador de tesouros non debía fuxir senón todo o contrario.
Tamén se dicía que nun capitulo deste libro, estaba explicada a forma de facer
chover e afasta-las treboadas, seguindo para iso unha serie de rituais.
O Ciprianillo sempre foi un libro moi difícil de conseguir, porque era
celosamente gardado e fixo afastar demos e malos espíritos ó longo dos séculos
nas lendas e crenzas galegas.
Mónica Beatriz Suárez Groba
-
Bibliografía consultada:
"breviario enciclopédico", eladio rodríguez gónzalez
VER MÁIS TEMAS DA NOSA CULTURA: ENTRA AQUÍ
.
www.galespa.com.ar